Denunciar acoso laboral na Xunta e que te entreviste o xefe ou non che respondan

Oficinas da Xunta e resolución da Valedora sobre a incorrecta tramitación dunha denuncia de acoso laboral CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

A Valedora, que leva anos alertando de todo tipo de eivas na atención do problema por parte do Goberno galego, revela outros dous casos de actuacións incorrectas tras denuncias por suposto acoso laboral

A Valedora do Pobo leva anos advertindo do "lamentablemente recorrente" problema do acoso laboral na Xunta, con incorrectas actuacións por parte da administración ante unha denuncia, máis alá de que cada caso sexa ou non acoso laboral. Así o veñen reflectindo tamén sentenzas xudiciais que constatan que o Goberno galego non está a aplicar os seus protocolos como debera, provocando novas vitimizacións das persoas afectadas. 

Nesa liña, agora a Valedora vén de facer públicas dúas resolucións que, sen entrar no fondo da cuestión sobre se houbo ou non acoso laboral, constatan novas eivas na tramitación de dúas denuncias recibidas pola Xunta.

Resolución da Valedora do Pobo sobre a incorrecta tramitación dunha denuncia de acoso laboral CC-BY-SA Praza Pública

O primeiro dos casos agora revelados pola Valedora é o dunha traballadora que presentou unha denuncia ante o Comité de Intervención contra o acoso laboral da Xunta, conformado por oito persoas, a metade designadas pola Administración e a outra metade representantes sindicais. O protocolo contra o acoso da Xunta establece que ese comité debe dar audiencia ás persoas implicadas en cada denuncia. Porén, tras a súa denuncia quen entrevistou á muller foi o director territorial da consellería implicada, neste caso a de Cultura.

Tras a entrevista, na que a muller se sentiu interrogada e revitimizada, o director territorial emitiu un informe que remitiu ao Comité de Intervención co que este "decidiu por unanimidade arquivar a denuncia por non entrar dentro do ámbito material competencial do protocolo".

"A entrevista realizada por unha persoa superior xerárquica da denunciante pode ser percibida por esta como revitimización", di nun caso a Valedora, que constata que a Consellería de Cultura incumpriu o protocolo contra o acoso laboral

Tras analizar o caso, a Valedora salienta que "a entrevista realizada polo superior xerárquico da persoa interesada non figura dentro do procedemento preestablecido nin pode substituír á audiencia prevista no protocolo". Porén, a resolución salienta que "o procedemento establecido, como marco formal de actuación da administración, configúrase como unha garantía fundamental para a cidadanía [...] evitando arbitrariedades e garantindo o cumprimento dos principios de legalidade, seguridade xurídica e transparencia e, no presente caso, dos principios informadores do protocolo a aplicar".

A resolución da Valedora considera que "a entrevista realizada por unha persoa superior xerárquica da denunciante pode ser percibida por esta como revitimización ao non ter amparo no procedemento establecido e, consecuentemente, dar lugar ao incumprimento dos principios informantes do propio protocolo". Así, remata lembrando á Xunta que o protocolo contra o acoso laboral "obriga a todas as partes implicadas na tramitación de denuncias, non procedendo a realización de trámites non contemplados que supoñen unha vulneración do procedemento establecido como garantía dos dereitos para persoas afectadas". 

Oficinas da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

A outra resolución que vén de facer pública a Valedora do Pobo analiza unha denuncia presentada contra unha traballadora do Sergas en situación administrativa de servizos especiais para dar clase nunha universidade, posto no que supostamente tería acosado laboralmente a unha compañeira. A denuncia presentouse ante a Consellería de Sanidade, pero esta remitiuna á Consellería de Educación e Universidades e chegou tamén á universidade implicada. Pasados cinco meses, a denunciante preguntou formalmente a Sanidade sobre o estado da tramitación "e dita solicitude non foi contestada". 

Noutro caso a Valedora critica que a Xunta non respondese a unha petición de información dunha denunciante de acoso

Segundo respondeu Sanidade á Valedora cando esta lle pediu explicacións, esa consellería considera que "os feitos que se describen son alleos á vinculación profesional [da denunciada] co Servizo Galego de Saúde" xa que actuaba como profesora e non como sanitaria.

Porén, a Valedora salienta que Sanidade nada di da petición información que lle fixo a denunciante cinco meses despois de formular a denuncia. "Ante a non contestación desta solicitude presentada, debemos recordarlle que o marco xurídico vixente configura un sistema de garantías da cidadanía na súa relación coa Administración", di a Valedora, que salienta que "a solicitude presentada pola persoa interesada debería ter sido contestada".

Antecedentes

Sala de vistas na sede do Tribunal Superior de Xustiza © TSXG

Veñen sendo reiterados os casos nos que a Valedora ou a Xustiza constatan que a Xunta non actúa correctamente ante denuncias de acoso laboral

Como vén contando Praza.gal desde hai anos, a Xunta non se dotou do seu primeiro protocolo de loita contra o acoso laboral ata 2016, pero só para a administración xeral, deixando fóra entre outros o persoal de Educación ou o de Xustiza, este último cun procedemento específico só desde abril de 2023. En Sanidade hai diversos protocolos, plans de acción e documentos contra a violencia laboral de todo tipo, pero son varios os casos nos que a xustiza ou a Valedora do Pobo veñen constatando eivas, principalmente por non actuar ante as denuncias. E en Educación estase rematando a negociación cos sindicatos dun protocolo específico para ese ámbito, pero sen que estea aínda aprobado a Xunta vén de restrinxir expresamente o seu protocolo xeral para deixar fóra del ao persoal docente tras varias sentenzas que consideraron que si lles era de aplicación.

Os expertos e a Valedora do Pobo veñen reiterando que en moitos casos o feito de que a administración inicie algún tipo de actuación ante unha denuncia, aínda que non se poida acabar confirmando unha situación de acoso, supón que o ambiente laboral mellore. Porén, son reiterados os casos en que Educación -e a Xunta en xeral- demora "meses ou anos" as súas actuacións fronte ao acoso laboral ou cando as inicia non aplica como debe os procedementos normativos. Unha situación que se reproduce tamén no acoso escolar, como vén de salientar o último informe anual da Valedora do Pobo. [Sen confidencialidade, sen falar coa vítima e obviando médicos: eivas na loita contra o acoso escolar].

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.