A Xunta restrinxe o seu protocolo de acoso laboral para deixar fóra o persoal de Educación

O conselleiro de Facenda, responsable do funcionariado xeral, e o de Educación, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

A xustiza vén sentenciando que o documento era de aplicación non só na administración xeral senón tamén no ensino e agora a Xunta deixa expresamente á marxe ese sector, no que Inspección vén arquivando denuncias sen sequera tomar declaracións

A Consellería de Educación viña negándose a aplicar ao seu persoal docente o protocolo xeral da Xunta contra o acoso laboral, o que vén motivando sucesivas condenas xudiciais obrigándoa a facelo porque nada nese documento dicía sobre que o persoal do ensino quedase á marxe. Ante esta situación agora a Xunta vén de mudar o texto do protocolo para reflectir nel expresamente que é de aplicación só ao persoal da administración xeral, quedando o de Educación á espera dun protocolo propio.

Mentres, fronte ao protocolo xeral que contempla que tras unha denuncia debe intervir un comité con representantes sindicais, Educación vén resolvendo denuncias a través da súa Inspección Educativa, con diversas condenas por arquivar casos sen tomar sequera declaración ás persoas denunciantes.

Cúpula da Consellería de Educación e sentenza que desmontou a súa xestión do acoso laboral CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

O protocolo xeral contra o acoso laboral da Xunta, aprobado por primeira vez aínda en 2016 e con posteriores versións, a última de 2023, establece que as denuncias teñen que ser analizadas por un Comité de Intervención con representación sindical. Pero o Goberno galego vai restrinxir a súa aplicación só á administración xeral a través dunha modificación xa aprobada que prevé publicar no DOG na primeira quincena de xullo, cando entrará en vigor.

Educación vén resolvendo denuncias a través da súa Inspección Educativa mentres que o protocolo xeral da Xunta establece un Comité de Intervención con representantes sindicais

Noutros eidos coma o do persoal da administración de Xustiza aprobouse en 2023 un protocolo específico, que tamén contempla un comité con representación sindical. E no Sergas existen desde hai décadas diversos protocolos, plans de acción e documentos contra a violencia laboral de todo tipo. Pero en Educación aínda está pendente de aprobar, coa súa negociación cos sindicatos moi avanzada, un protocolo específico que teña en conta as características concretas so sector. 

A falta dun protocolo para Educación, as denuncias presentadas por persoal dese eido, mesmo as que expresamente reclaman a aplicación do protocolo xeral da Xunta e do seu Comité de Intervención, veñen sendo tramitadas pola Inspección Educativa, o que limita a súa independencia. Ante esas decisións reiteradas da consellería, as persoas afectadas vense obrigadas a recorrer á xustiza e son varias as sentenzas que nos últimos tempos teñen anulado actuacións desa Inspección por diversas eivas como resolver casos sen sequera tomar declaración a vítimas ou testemuñas, como si se esixe expresamente no protocolo xeral.

Interior dun centro educativo galego CC-BY-NC-SA CIG Ensino

Neste contexto, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza na que foi máis alá dun caso concreto de suposto acoso laboral denunciado en Educación e analizou en profundidade o protocolo xeral da Xunta para concluír que nada no seu texto dicía que non fose de aplicación ao ensino ou ao resto do persoal da Xunta máis alá da súa administración xeral. 

Segundo a argumentación da Xunta ante o TSXG, o protocolo xeral estaría ligado ao seu I Plan de Igualdade, que ao seu ver non afectaría aos sectores de educación, sanidade e xustiza que terían os seus documentos específicos. Porén, o TSXG analiza as resolucións de 27 de outubro de 2023 que aprobaron respectivamente o plan de igualdade e o protocolo de loita contra o acoso laboral supostamente ligado a el e nega esa conexión entre ambos documentos.

O tribunal salientou que o plan de igualdade que vai dirixido ao persoal da administración xeral analiza a discriminación ou violencia sexual, pero que o protocolo vai máis alá e "tamén se estende o seu ámbito ao acoso moral ou psicolóxico" á marxe do sexo. "Non se establece limitación algunha ao persoal da Xunta de Galicia, sen que se cinga ao persoal dentro do ámbito de xestión da Dirección Xeral de Función Pública", concluíu o TSXG. Así que agora o Goberno galego vén de mudar a cláusula terceira dese protocolo xeral, na que establece o ámbito de aplicación, para deixar expresamente fóra o "persoal docente" ademais do que traballa no Sergas e na administración de xustiza.

Oficinas da Consellería de Educación CC-BY-SA Xunta de Galicia

Malia ese pronunciamento do TSXG, a Consellería de Facenda, responsable do funcionariado, consultada por Praza.gal, insiste en que o protocolo xeral de acoso "enmárcase dentro do I Plan de Igualdade, que vai dirixido unicamente ao persoal funcionario e laboral da Administración xeral", incluído o persoal non docente de Educación. 

A CIG lamenta a decisión de "desprotexer" o persoal de Educación mentres non se aproba un protocolo específico para ese ámbito

O Goberno galego teima na súa interpretación mesmo despois de que xa se pronunciase a xustiza e insiste en que "a lectura illada do ámbito de apliación do protocolo pode inducir a erro, dado que non reproduce exactamente o ámbito de aplicación do I Plan de Igualdade, o que podería interpretarse no sentido de que o protocolo sexa tamén de aplicación ao persoal docente". Esa interpretación é exactamente a que fai a xustiza, así que como a xustiza di que o seu protocolo non puña o que a Xunta dicía que puña, a Xunta muda agora o protocolo para que o poña máis claramente.

A medida desprotexerá o persoal docente de Educación mentres non se remate a negociación do seu protocolo específico cos sindicatos. Desde a CIG sinálase que no caso do persoal de Educación hai distintos riscos que deben ser atendidos por un protocolo específico, xa que non é o mesmo o traballo dun docente que o do persoal de servizos. Pero á espera dese protocolo específico lamentan a decisión de "desprotexer" temporalmente o persoal docente deixándoo á marxe do protocolo xeral. Tamén lamentan que se mudase o protocolo xeral sen convocar a propia comisión de seguimento de acoso laboral senón levando a proposta á Mesa Xeral da función pública, onde foi apoiada por outros sindicatos, e reclaman que se convoque en todo caso esa comisión específica para mellorar eivas na aplicación do protocolo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.