Dúas denunciantes de acoso laboral ás que Educación nin entrevistou obteñen outra condena á consellería

Aula dun centro educativo galego e sentenza que reflicte que as denunciantes de acoso nin sequera foron entrevistadas pola inspección educativa CC-BY-SA Praza Pública

A xustiza volve reprochar á Xunta que se negue a aplicar ao persoal docente o protocolo de loita contra o acoso que reserva só para a administración xeral e dítalle 15.000 euros en indemnizacións por incumprir a prevención de riscos laborais

A Consellería de Educación segue acumulando condenas por non actuar ou facelo tarde ou mal cando recibe denuncias por acoso laboral por parte do seu persoal docente. Agora é a sección 1 do Social do Tribunal de Instancia de Vigo a que, nunha condena asinada o pasado 3 de marzo, dá a razón a dúas denunciantes de acoso laboral ás que a consellería nin sequera entrevistou antes de arquivar o seu caso. 

A sentenza lembra outros casos nos que a xustiza xa censurara que Educación se nega a aplicar ao seu persoal docente o protocolo de loita contra o acoso que a Xunta reserva só para o seu persoal da administración xeral. O tribunal acaba condenando a Educación a pagar dúas indemnizacións de 7.501 euros cada unha a cada unha das denunciantes por incumprir as súas obrigas de prevención de riscos laborais. 

O conselleiro de Educación ante un 'punto laranxa' de denuncia de acoso escolar nun centro educativo galego CC-BY-SA Xunta de Galicia

O caso agora resolto nos xulgados vigueses, como antes noutros casos similares, non chega a entrar no fondo da cuestión de se as demandantes tiñan razón cando denunciaron acoso laboral. O que censura a xustiza é que a Xunta non tratase correctamente esas denuncias, con independencia do resultado final.

No caso agora sentenciado inspección educativa nin entrevistou ás denunciantes, e noutro caso recente non actuou ata que a afectada presentou unha demanda xudicial 

A sentenza agora emitida relata nos seus feitos probados que dúas docentes do CEIP Laredo de Chapela, Redondela, solicitaron en agosto de 2024 tanto ante a xefatura territorial como ante a secretaría xeral da Consellería de Educación que activase o protocolo de acoso laboral. 

A consellería respondeulles que o protocolo "só era de aplicación ao persoal funcionario ou laboral dentro do ámbito de xestión da Dirección Xeral da Función Pública, quedando excluído o persoal dos ámbitos sanitario, docente e da administración de xustiza", deixando o caso en mans da inspección educativa. E o que fixo a inspección foi "unha investigación entrevistando a todos os empregados do citado centro que tivesen relación coas actoras, pero non a estas nin ao director do centro" concluíndo que non procedía a apertura dun procedemento disciplinario. 

Aula dun centro de ensino en Galicia CC-BY-SA Xunta

A sentenza remítese a outro caso, contado por Praza.gal o pasado novembro, cando se coñeceu a sentenza, pero sobre feitos ocorridos en 2022, no que Educación tamén rexeitou aplicar o protocolo contra o acoso laboral da Xunta. Naquel caso, de feito, inspección educativa nin sequera actuou ata que a afectada denunciou ante a xustiza.

Uns meses antes, outra sentenza dun xulgado de Vigo pronunciárase sobre outra denuncia de acoso laboral na mesma Consellería de Educación e desbotara xa o intento da Xunta de restrinxir o seu protocolo contra o acoso só ao persoal da administración xeral. O xuíz dicía que lle "chamou a atención" que "de existir un protocolo de actuación o seu ámbito de aplicación exclúa á maior parte do sector público autonómico", e negou esa posibilidade dicindo que o protocolo xeral contra o acoso laboral "comprende todos os empregados públicos da administración autonómica".

Na sentenza agora coñecida, como en casos anteriores, a xustiza considera que a Xunta incumpriu as súas obrigas de prevención de riscos laborais e establece que Educación debe indemnizar con 7.501 euros a cada unha das dúas denunciantes. 

Cidade da Xustiza de Vigo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Como vén contando Praza.gal desde hai anos, a Xunta non se dotou do seu primeiro protocolo de loita contra o acoso laboral ata 2016, pero restrinxiuno á administración xeral, deixando fóra entre outros o persoal de Educación ou o de Xustiza, este último cun procedemento específico só desde abril de 2023. En Sanidade hai diversos protocolos, plans de acción e documentos contra a violencia laboral de todo tipo, pero a xustiza tamén deixou en evidencia as súas eivas nun caso de acoso así probado no que nin sequera se puxera en marcha o procedemento administrativo.

Expertos sinalan que en moitos casos o feito de que a administración inicie algún tipo de actuación ante unha denuncia, aínda que non se poida acabar confirmando unha situación de acoso, supón que o ambiente laboral mellore

Expertos e a Valedora do Pobo veñen reiterando que en moitos casos o feito de que a administración inicie algún tipo de actuación ante unha denuncia, aínda que non se poida acabar confirmando unha situación de acoso, supón que o ambiente laboral mellore. Porén, son reiterados os casos en que Educación -e a Xunta en xeral- demora "meses ou anos" as súas actuacións fronte ao acoso laboral ou cando as inicia non aplica como debe os procedementos normativos. Unha situación que se reproduce tamén no acoso escolar, como vén de salientar o último informe anual da Valedora do Pobo. [Sen confidencialidade, sen falar coa vítima e obviando médicos: eivas na loita contra o acoso escolar].

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.