O TSXG censura que “pese aos escritos remitidos” pola persoa acosada, empregada dunha subcontrata, “nin a súa empresa nin o Sergas iniciaron ningún protocolo coa fin de pescudar e determinar a situación de acoso que foi oportunamente denunciada”
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar a Xunta polo acoso laboral que sufriu unha persoa traballadora dunha subcontrata por parte de persoal público dun centro de saúde do Sergas no que traballaba. A persoa afectada, empregada dunha empresa de servizos non sanitarios, alertou por escrito da situación que estaba a sufrir, pero “nin a súa empresa nin o Sergas iniciaron ningún protocolo coa fin de pescudar e determinar a situación de acoso que foi oportunamente denunciada”, censura o tribunal, que volve poñer o foco nas eivas do control do acoso laboral na Xunta.
A sentenza agora emitida polo Tribunal Superior di que “a integridade moral” da persoa acosada “foi atacada de modo reiterado e de forma sistemática e recorrente a través dos comentarios do persoal do centro, retirándolle o saúdo, tratando con menosprezo, chamándolle a atención inxustificadamente diante de doentes para humillar, dándolle ordes de traballo imposibles de executar” e outras vexacións similares.
O tribunal considera probado que a persoa afectada advertira deses feitos por escrito á súa empresa en varias ocasións “e ninguén tomou ningunha medida para impedir a situación de acoso que estaba padecendo”, nin a súa empregadora nin a persoa á fronte do centro de saúde. “Non se tratou de condutas illadas”, di o TSXG, “senón que eran repetidas continuamente polo persoal do centro” que non quería a esa persoa traballando alí senón a outra antiga empregada da subcontrata que era “da confianza do persoal do centro”. “E búscase a fórmula do acoso e de fustrigar para conseguir que abandone o seu traballo, o cal é merecedor do máis absoluto reproche por parte de quen executa ou consente semellante práctica”, di a sentenza.
O tribunal di que "non se tratou de condutas illadas senón que eran repetidas continuamente polo persoal do centro" para que a persoa afectada deixase o seu traballo
O TSXG di que a xefatura do centro de saúde era “coñecedora de todos os escritos, dato sobre o que non existe dúbida algunha”, porque ela mesma llos amosou a unha segunda empresa que se fixo co contrato “en claro prexuízo” da persoa afectada, que en lugar de ser subrogada pola nova subcontrata acabou despedida.
Nunha primeira sentenza sobre este caso un xulgado do Social só apreciara despido improcedente por parte da segunda empresa que se fixo co contrato nese centro de saúde e non subrogou a persoa afectada. Aquela sentenza absolvera a Xunta e a primeira empresa, pero agora o TSXG di que elas tamén deben ser condenadas “polo dano moral sufrido derivado do acoso" ao que estivo sometida a persoa acosada.
O tribunal considera que “non ofrece dúbida que existiu unha conduta de acoso”, polo que corrixe a sentenza previa e en vez de despido improcedente di que houbo un despido nulo por acoso laboral. “Estamos ante unha conduta empresarial moi grave, pois pese aos escritos remitidos" pola persoa afectada, di a sentenza, "nin a súa empresa nin o Sergas iniciaron ningún protocolo coa fin de pescudar e determinar a situación de acoso que foi oportunamente denunciada”. E o que establece a lei para as faltas moi graves é que sexan sancionadas con multa de 7.501 a 30.000 euros no seu grao mínimo, que pode chegar ata os 225.000 euros no grao máximo.
A sentenza volve poñer o foco nas eivas do sistema de loita contra o acoso laboral na Xunta, con demoras e inaccións xa condenadas pola xustiza ou criticadas pola Valedora do Pobo
Neste caso o tribunal valora que “a situación de acoso non foi moi prolongada no tempo” -a persoa afectada estivo no posto de traballo catro meses e despois outros cinco meses de baixa médica derivada do sucedido- e establece unha indemnización de 10.000 euros a pagar a medias entre o Sergas e a empresa “polo dano moral sufrido derivado do acoso" a que foi sometida.
A sentenza salienta que o Sergas nin sequera iniciase ningún tipo de protocolo para aclarar o que estaba a suceder no centro de saúde, o que volve poñer o foco nas eivas do sistema de loita contra o acoso laboral na Xunta. Na administración xeral galega hai un protocolo de loita contra o acoso laboral desde 2016, na administración de xustiza que depende da Xunta vén de ser aprobado aínda agora, pero o Sergas conta desde moito antes con diversos protocolos, documentos e plans de actuación que pretenden prever, orientar ou actuar en situacións de violencia laboral de todo tipo.
Máis alá das demoras que se están a rexistrar na aplicación deses protocolos ante denuncias en diversos departamentos da Xunta, mesmo con condenas xudiciais por eses atrasos e críticas da Valedora do Pobo, expertos en acoso laboral salientan que en moitos casos o propio feito de activar o protocolo xa supón unha primeira solución: “Nalgúns casos o acoso para só con que o acosador saiba que se está a investigar”.
Isto é, ante as dificultades para determinar se un conflito laboral é ou non acoso e a demora deses procedementos administrativos, o propio feito de activarse un protocolo reduce os casos ou a súa gravidade. Porque sexan ou non vítimas de acoso, as persoas afectadas viven situacións laborais insostibles, como certifican informes médicos e baixas.
Pero neste caso o Tribunal Superior é claro e non só certifica que houbo acoso laboral senón que tamén censura que o Sergas nin sequera iniciou ningún procedemento para pescudar se era así. Praza.gal preguntou desde hai tres semanas á Xunta de xeito reiterado por este caso pero nin a Consellería de Sanidade nin a área sanitaria na que sucederon os feitos deron aínda ningunha resposta a porque non se actuou ante as denuncias da persoa acosada nin a se o Sergas fixo algo co seu persoal acosador.