"Houbo revictimización da traballadora": ratificado o acoso laboral na Asociación Herculina del Taxi

Parada de taxis nunha cidade galega CC-BY-SA Praza Pública

O Tribunal Superior avala unha condena dun xulgado do Social da Coruña por permitir que unha traballadora sufrise "hostigamento, degradación e illamento" por parte doutra "de forma prolongada no tempo"

O pasado abril Praza.gal revelou unha sentenza dun xulgado do Social da Coruña que condenou á Asociación Herculina del Taxi de A Coruña por permitir que unha das súas teleoperadoras sufrise acoso laboral por parte doutra traballadora, un "hostigamento, degradación e illamento" que se produciu "de forma prolongada no tempo". A entidade e a traballadora condenadas recorreron a sentenza e agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratifícaa integramente salientando que houbo "unha revictimización da traballadora como consecuencia da conduta da empresa, durante longo tempo". 

Sentenza do TSXG que ratifica o acoso laboral na Asociación Herculina del Taxi de A Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Segundo os feitos probados da sentenza agora ratificada, a teleoperadora máis veterana e coordinadora do resto, que "ten unha relación sentimental e convive co presidente da asociación", referíase á vítima diante doutras traballadoras "con expresións tales como "é unha inútil", "non sabe traballar", etc.". A sentenza tamén considerou probado que, cando compartían quenda, dirixíase á vítima "proferindo o mesmo tipo de expresións (es unha inútil, non sabes traballar, non fas nada ben, etc.), nun ton elevado de voz que motivou, nunha ocasión, que dous taxistas que se atopaban nas escaleiras do exterior do edificio subiran a dicirlles que se oían berros desde fóra".

A condena tamén sinalou como probado que "en ocasións" a condenada "lanzáballe papeis, achegándollos á cara" e que "era frecuente que dese golpes na mesa co teclado e o rato con motivo deses enfados" e que mesmo "nunha ocasión colleu a centralita e tras elevala, tirouna sobre a mesa".

A sentenza sinalaba que tras comunicar a afectada os feitos ao vicepresidente da entidade este informou ao presidente, que convocou unha reunión na que "adoptou unha postura de apoio á súa parella [...] negando que existise acoso".

Ante esa sentenza, tanto a asociación como a traballadora condenada presentaron recurso tentando tanto corrixir os feitos probados como rebaixar a pena imposta, pero o TSXG rexeita todas as pretensións, para o que ten "especialmente en conta a conduta permisiva da empresa prolongada no tempo". 

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

O TSXG considera "evidente a responsabilidade de ambas codemandadas"

A sentenza do TSXG incide en que houbo unha "revictimización da actora creada pola empresa, que non só non adoptou ningunha medida para evitar a situación de acoso, pese a ter coñecemento del, senón que ademais celebra unha reunión en novembro de 2023 e o presidente nega a situación de acoso e apoia a situación da acosadora, que ademais era a súa parella". 

Para o tribunal "resulta evidente a responsabilidade de ambas codemandadas" e é "adecuada" a indemnización de 10.000 euros que deben pagar á afectada entre a asociación e a traballadora condenada, indemnización "que é o resultado da constatación dunha violación de dereito fundamental que produciu danos á traballadora".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.