A Asociación Herculina del Taxi de A Coruña vén de ser condenada por un xulgado do Social da cidade por permitir que unha das súas teleoperadoras sufrise acoso laboral por parte doutra traballadora, un "hostigamento, degradación e illamento" que se produciu "de forma prolongada no tempo". A entidade e a traballadora condenadas deberán indemnizar de forma solidaria con 10.000 euros á afectada por danos e prexuízos.
Un xulgado considera que a entidade "permitiu" que unha traballadora sufrise "hostigamento, degradación e illamento" por parte doutra "de forma prolongada no tempo"
Segundo os feitos probados da sentenza, con data do 26 de febreiro pero feita pública nos últimos días, a teleoperadora máis veterana e coordinadora do resto, que "ten unha relación sentimental e convive co presidente da asociación", referíase á vítima diante doutras traballadoras "con expresións tales como "é unha inútil", "non sabe traballar", etc.". A sentenza tamén considera probado que, cando compartían quenda, dirixíase á vítima "proferindo o mesmo tipo de expresións (es unha inútil, non sabes traballar, non fas nada ben, etc.), nun ton elevado de voz que motivou, nunha ocasión, que dous taxistas que se atopaban nas escaleiras do exterior do edificio subiran a dicirlles que se oían berros desde fóra".
A condena tamén sinala como probado que "en ocasións" a condenada "lanzáballe papeis, achegándollos á cara" e que "era frecuente que dese golpes na mesa co teclado e o rato con motivo deses enfados" e que mesmo "nunha ocasión colleu a centralita e tras elevala, tirouna sobre a mesa".
Sempre segundo os feitos probados da sentenza, a afectada comunicou a súa situación ao vicepresidente da asociación, a quen outras teleoperadoras confirmaron o trato que a condenada daba á vítima, e o vicepresidente "comentoullo ao presidente da asociación". Despois, a afectada enviou un correo electrónico ao vicepresidente expoñendo que estaba sendo obxecto de acoso, do que o vicepresidente informou ao presidente, que convocou a todo o persoal a unha reunión. Nela o presidente "adoptou unha postura de apoio á súa parella [...] negando que existise acoso".
"A empresa non achegou ningunha xustificación obxectiva e razoable de por que permitiu dita situación de acoso", di a xuíza
Segundo a xuíza, "consta debidamente acreditada unha situación de hostigamento, degradación e illamento" por parte da condenada, "situación que se produce de forma prolongada no tempo e que foi acreditada", fronte ao que "a empresa non achegou ningunha xustificación obxectiva e razoable de por que permitiu dita situación de acoso".
Ante isto, a sentenza condena "de forma solidaria á empresa Asociación Herculina del Taxi de A Coruña" e á acosadora a indemnizar á acosada con 10.000 euros por danos e prexuízos. Unha contía que a xuíza determinou tendo en conta a "conduta permisiva da empresa, prolongada no tempo" e "a situación de revictimización da actora creada pola empresa que non só non adopta ningunha medida para evitar a situación de acoso pese a ter coñecemento, senón que celebra unha reunión en novembro de 2023 en que o presidente nega a situación de acoso e respalda a posición da acosadora, que era ademais a súa parella".