Condenada a encargada dun supermercado de Gadis a 20 meses de cárcere por acoso laboral e lesións psíquicas contra dúas traballadoras ás que "descualificou" e "ridiculizou" de maneira "sistemática"
“Eu co teu contrato podo facer o que queira, incluso meterte a ti nun andel”. O Xulgado do Penal número 4 da Coruña condena a encargada dun supermercado de Gadis en Melide a 20 meses de cárcere por acoso laboral e lesións psíquicas contra dúas traballadoras ás que “descualificou” e “ridiculizou” de maneira “sistemática”.
A sentenza, á que tivo acceso Praza.gal, considera probado que Gadis coñecía os feitos e que non actuou para modificar a situación de acoso á que estaban sometidas as dúas traballadoras. Segundo se explica no relato xudicial, o único que se ofreceu ás vítimas foi solicitar o traslado a outro centro noutra localidade ou marcharse, pero a empresa mantivo á acosadora no seu posto de traballo, no que continúa na actualidade.
Por este motivo, a maxistrada condena a empresa como responsable civil subsidiaria. A indemnización económica ditada para ambas traballadoras supera os 51.000 euros, ademais, a condena inclúe unha indemnización para o Sergas polos gastos derivados da asistencia sanitaria das vítimas, que precisaron atención psiquiátrica e psicolóxica durante preto de dous anos.
“Aquí quen non siga os meus pasos póñoo baixo a sola dos meus zapatos e facémoslle a vida imposible ata que se aburra e marche”. A xuíza detalla que a encargada do supermercado, que entre outras funcións tiña que velar “pola motivación e o rendemento do persoal ao seu cargo”, aproveitouse da súa superioridade xerárquica para dirixirse as dúas traballadoras demandantes “con graves descualificacións, ridiculizando os seus actos e palabras” de maneira “sistemática” e “prolongada” no tempo, tanto en presenza doutras compañeiras ou compañeiros como da clientela do establecemento.
A sentenza, á que tivo acceso Praza.gal, considera probado que a empresa coñecía os feitos e non actuou para modificar a situación de acoso, polo que resulta condenada como responsable civil subsidiaria
As dúas traballadoras afectadas denunciaron os feitos, amparadas polo sindicato CIG, o 4 de novembro de 2019. A CIG-Servizos considera que a sentenza demostra o “estilo de dirección autoritario e insultante” que ten lugar noutros supermercados da compañía.
Así mesmo, a central sindical incide en que “a dirección de recursos humanos de Gadisa era coñecedora desde 2018 de todos estes feitos, mais en todo momento defendeu a encargada, chegando o delegado de área a dicirlle ás vítimas que non lles quedaba outra solución que admitir un traslado ou irse da empresa porque á encargada non lle ían facer nada, reforzando así a súa autoridade e o estilo de dirección autoritario e violento”.
A CIG-Servizos considera que a sentenza demostra o "estilo de dirección autoritario e insultante" que ten lugar noutros supermercados da compañía
Unha das traballadoras sufriu un trastorno de estrés postraumático e un trastorno adaptativo ansioso-depresivo para o que precisou tratamento psiquiátrico e psicolóxico durante máis de ano e medio, e aínda padece secuelas psíquicas. A outra traballadora non ten secuelas a día de hoxe, mais precisou someterse a un tratamento médico ansiolítico e antidepresivo, cun seguimento en consultas en Psiquiatría e de Psicoloxía clínica durante máis dun ano.
Entre os feitos probados, a sentenza recolle insultos e descualificacións como “inútil”, “víbora”, “imbécil”, “analfabeta”, “subnormal perdida”, “porca” ou “pareces unha tartaruga”; e ameazas como “voute canear”, “se vexo unha bolsa enriba da cadeira, cómela!” ou “cando che diga corre, corres!”. A maxistrada da Coruña afirma na sentenza que se trata de “actos graves, hostís e humillantes, que realizados no contexto dunha relación laboral de forma reiterada, colman o tipo obxectivo e subxectivo do delito de acoso laboral”.
A sentenza recolle que queda "meridianamente claro" que se produciron "humillacións" nun "conxunto de malos tratos" que acabaron coa "dignidade persoal" das traballadoras, provocándolles lesións psíquicas
Así, a xuíza sinala que queda “meridianamente claro” que a acusada, encargada do supermercado Gadis de Melide, someteu a ambas traballadoras “a continuas humillacións, desprezos e vexacións, que aínda que consideradas illadamente poden non parecer extremadamente graves, intégranse nun conxunto de malos tratos, humillación e vexación sistemática, logrando minar a súa dignidade persoal, e provocándolles, ademais, unha lesión psíquica”.
O secretario comarcal da CIG-Servizos da Coruña, Roberto Pérez Vila, destaca que os feitos que recolle esta sentenza son unha “práctica habitual” nos supermercados Gadis, que “potencian” estas prácticas que logran a “submisión” dos cadros de persoal e ambientes laborais de “terror”.
Desde a CIG agradecen a “valentía” das dúas denunciantes vítimas de acoso por acudir o sindicato para defenderse porque –sinalan– “quedou demostrado en sede xudicial o estilo de dirección e xestión de tendas acosador e delitivo que planifica, fomenta e defende Gadisa”. Contra esta sentenza pode interpoñerse un recurso de apelación na Audiencia Provincial da Coruña.