O Tribunal Superior censura a “demora especialmente relevante” de Medio Rural malia os “indicios razoables de existencia de violencia no traballo” e obrígaa a indemnizar o afectado
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar á Consellería do Medio Rural a indemnizar a un xefe de brigada forestal pola súa demora en actuar ante o acoso laboral que sufriu por parte de dous subordinados. Malia reiteradas denuncias del e doutros traballadores contra a actuación violenta dos implicados, a Xunta tardou dous anos en resolver a situación, o que o tribunal considera unha “demora especialmente relevante”.
A sentenza tamén constata que no momento dos feitos, entre os anos 2013 e 2015, a Xunta aínda non contaba con protocolo de prevención e actuación contra o acoso laboral, do que di que coa súa mera existencia xa se produce un efecto de prevención xeral e unha formación do persoal “que non consta que se levase a cabo”. A Xunta non aprobou o seu protocolo contra o acoso na administración xeral -non aplicable aínda noutros departamentos- ata 2016 e a súa aplicación segue a presentar notables demoras e eivas, como vén contando Praza.gal.
Os feitos sobre os que se pronuncia agora o TSXG remóntanse a comezos de 2013, cando o xefe de brigada afectado tivo baixo o seu mando a “dous traballadores causantes de graves e reiterados problemas (incumprimento de ordes, condución temeraria, rotura de portas, actos de violencia) que xeraron mal ambiente de traballo (os emisoristas chegaron a solicitar unha pechadura para a porta ante a situación de medo)”. A sentenza reflicte como o afectado “entre 2013 e 2015, denunciou repetidamente a situación insostible ante a Consellería de Medio Rural, o que motivou, entre outras medidas, diversas reunións co persoal implicado para intentar reconducir a situación”.
Mudáronse horarios pero continuaron as queixas e os problemas non remataron ata que a Xunta acabou suspendendo de emprego e soldo a un dos implicados e o outro recibiu unha incapacidade permanente absoluta por parte da Seguridade Social. Unha situación á que se chegou despois de que o segundo fose trasladado “e os compañeiros da brigada de destino se opuxeron á incorporación”.
A sentenza relata como feitos probados a existencia de "actos de violencia" e "medo" entre os compañeiros e di que por parte da Xunta "demorouse en exceso a resolución do conflito, desde as denuncias no primeiro semestre de 2013 ata a súa resolución definitiva no segundo semestre de 2015”
A sentenza admite que “é verdade que non houbo unha absoluta inacción na actuación dos mandos á vista das denuncias realizadas”, “pero tamén é verdade que esa actuación resentiuse da ausencia de formación específica na medida en que, en particular, demorouse en exceso a resolución do conflito, desde as denuncias acaecidas desde o primeiro semestre de 2013 ata a súa resolución definitiva no segundo semestre de 2015”.
Sobre o primeiro traballador, o finalmente suspendido de emprego e soldo, o TSXG sinala que “enviouse comunicación en setembro de 2013 á Secretaría xeral técnica da Consellería do Medio Rural indicando incoación de expediente disciplinario, pero o mesmo non se acordou incoar ata novembro de 2014, e a sanción acordada tras a súa tramitación non foi efectiva ata o 1 de agosto de 2015”. O tribunal fala dunha “demora especialmente relevante” no expediente disciplinario porque en setembro de 2013 xa se constataran os problemas de convivencia tras enviar ao traballador implicado a valoración por parte do servizo de prevención de riscos laborais e se realizaran reunións para evitar coincidencias nas quendas do persoal. Había, di “indicios razoables de existencia de violencia no traballo”.
Canto ao segundo traballador, di o tribunal, “tamén houbo demoras na resolución do conflito que neste caso obedeceron a erros na identificación do problema pois en 2013 foi declarado apto salvo para prestar servizos nocturnos, o que se demostrou incorrecto pois exonerado dos servizos nocturnos continuaron os problemas de convivencia, e en 2014 se considerou a apertura de expediente disciplinario, o que tamén se demostrou incorrecto, cando finalmente a resolución da súa situación pasaba pola prexubilación por razóns de saúde”.
“En suma”, conclúe a sentenza, “a demora na actuación sancionadora dun dos traballadores conflitivos e resolutoria da situación de saúde do outro, contravén as indicacións que, para a xestión de situacións de acoso e violencia no traballo, se establecían na normativa” vixente no momento dos feitos. Por iso o tribunal, tras reflectir que a inspección laboral constatou o “grave incumprimento” da consellería en materia de prevención de riscos, condena á Xunta a indemnizar ao xefe de brigada acosado en concepto de danos e prexuízos por accidente de traballo.
A Xunta non aprobou o seu protocolo contra o acoso na administración xeral, non aplicable aínda noutros departamentos, ata 2016, e a súa aplicación segue a presentar notables demoras e eivas
Pero a sentenza tamén constata que naquel momento, malia así establecelo xa a lexislación laboral, a Xunta carecía dun protocolo de prevención e loita contra o acoso laboral. O Goberno galego non se dotou dese protocolo ata 2016, e só para a administración xeral (seguen pendentes outras áreas como a administración de xustiza).
Segundo o TSXG, “a soa existencia do protocolo antiacoso trae consigo tanto un efecto de prevención xeral que, no caso de autos, non se despregou, como a necesidade de formación do persoal e dos mandos da Xunta de Galicia, que non consta que se levase a cabo”.
Porén, malia xa si haber protocolo contra o acoso laboral na administración xeral da Xunta desde 2016, a súa aplicación segue a rexistrar todo tipo de eivas, como vén contando Praza.gal. O Goberno galego ampliou de un a seis meses o prazo para investigar as denuncias e esixe silencio aos denunciantes. Ademais, malia pedilo expresamente a Valedora do Pobo, non se están a cumprir os prazos, como constatou este diario nun caso no que a Xunta tardou máis de dous anos en ditar medidas correctoras tras unha denuncia de acoso.