O Goberno galego segue sen aprobar un protocolo para o persoal da Xustiza seis anos despois de facelo para o da administración xeral, onde tampouco é quen de cumprir cos prazos para resolver os casos que ela mesma se deu
A Valedora do Pobo vén de emitir unha nova suxestión dirixida á Xunta que volve deixar en evidencia a lentitude do Goberno galego na loita contra o acoso laboral. Non se dotou ata 2016 dun protocolo de prevención, detección e resolución de casos, cuxos prazos tamén incumpre, como vén contando Praza.gal, pero ademais aplícao só ao persoal da súa administración xeral, deixando fóra a funcionariado tamén dependente dela noutros eidos como a administración de xustiza ou que traballa nas súas propias instalacións como as subcontratas.
É no eido da administración de xustiza, cuxo persoal xestiona a Xunta, no que agora a Valedora vén de pedir, nun escrito emitido hai un mes, “que se procure avanzar” para dotalo dun protocolo contra o acoso, no que o Goberno galego di estar traballando desde hai cando menos catro anos.
A Xunta non se dotou ata 2016 dun protocolo de loita contra o acoso laboral, pero restrinxiuno só ao persoal da administración xeral, non ao tamén dependente dela noutros eidos como a xustiza ou que traballa nas súas propias instalacións como as subcontratas. En 2019 mudáronse os prazos de actuación de dito protocolo e ampliouse de un a seis meses o prazo nel establecido para resolver sobre as denuncias que se formulasen ante a incapacidade de dotar o procedemento do persoal formado suficiente para poder aplicalo de xeito máis veloz. Pero nin así se logrou que se cumprisen os prazos.
Hai agora un ano a Valedora do Pobo constatou, como revelara meses antes Praza.gal, que non só hai atraso na resolución dos casos senón que en varias ocasións nin sequera se tomara a primeira declaración da persoa denunciante máis dun ano despois de que presentase a súa denuncia. Un atraso no comezo da investigación que obriga ao persoal que se sinte acosado a seguir no posto sen que se adopten medidas cautelares de separación entre as persoas implicadas.
A Valedora tamén pide que "en tanto non se conte cun protoclo específico" para a administración de xustiza, polo que se agarda desde hai cando menos catro anos, "se valore estender" o protocolo da administración xeral
Pero os atrasos continúan acumulándose mesmo cando se remata a investigación. Cando o comité de intervención que se encarga delas, conformado a medias por representantes da administración e dos sindicatos, conclúe a análise do caso, pode arquivalo, propoñer á Xunta que abra un expediente disciplinario ou propoñer “medidas preventivas ou correctoras necesarias para o caso de que non exista situación de acoso pero si poida haber situacións de conflito”. Hai uns meses este diario constatou como a Xunta tardou nun caso máis dun ano en ditar medidas correctoras desde que o comité de intervención dera por concluída a súa actuación, aberta tras unha denuncia formulada máis de dous anos antes.
Malia ás eivas do protocolo -esixe confidencialidade ás persoas denunciantes- e da súa aplicación, o persoal da administración de xustiza nin sequera pode ter acceso a el. Hai catro anos Praza.gal deixaba constancia de como o director xeral de Xustiza, Juan José Marín, un dos altos cargos máis veteranos dos gobernos de Feijóo, que xa estaba con Manuel Fraga, admitía que “polo de agora, non está aprobado un protocolo específico para o ámbito da Administración de Xustiza en Galicia”. Catro anos despois agora a Valedora constata que segue sen existir.
Ante esta situación, a institución defensora dos dereitos da cidadanía volve instar á Xunta a que “procure avanzar” na dotación dun protocolo contra o acoso á administración de xustiza e que “en tanto non se conte cun protocolo específico, que se valore estender” o protocolo da administración xeral “naquelas partes nas que poida ser de aplicación”.
"Como non hai protocolo na vía administrativa, obrígante a ir ao xulgado, pero despois ningún órgano xudicial di ser competente"
Se no resto de casos de posibles acosos as persoas afectadas poden recorrer á xustiza se consideran que os protocolos administrativos non funcionan, no caso da administración de xustiza enfróntanse a dificultades engadidas. “Como non hai protocolo na vía administrativa, obrígante a ir ao xulgado, pero despois ningún órgano xudicial di ser competente. E ademais búscate un avogado que se queira enfrontar a un xuíz ou un secretario xudicial que estea acosando...”, resumía hai un tempo a Praza.gal unha afectada nese eido.
Sindicatos e as propias persoas afectadas salientan que a lentitude da administración contribúe á vitimización destas últimas, xa que en moitos casos, sexan ou non vítimas de acoso laboral, certificados médicos e baixas evidencian que cando menos viven unha situación laboral insostible para a que non obteñen resposta.