Tras ampliarse de un a seis meses o prazo para resolver os casos e tampouco así cumprirse, a defensora do pobo pide crear a figura do “asesor confidencial” para corrixir conflitos antes de que teña que actuar o comité de intervención, sobrecargado de traballo
En 2016 Xunta e sindicatos aprobaron un protocolo para a loita contra o acoso laboral na administración galega que fixaba nun mes o prazo para resolver as denuncias que o persoal autonómico formulase ao seu amparo. En 2019 a incapacidade de cumprir ese prazo levou ás dúas partes a mudar o protocolo e ampliar a seis meses o tempo para que un comité de intervención paritario analice os casos. Pero tampouco ese prazo se está a cumprir e agora a Valedora do Pobo vén de pedir ao Goberno galego que valore a posibilidade de incorporar ao protocolo “a figura do asesor confidencial para resolver os conflitos dun xeito áxil e informal, facendo así efectiva a prevención primaria que puidese evitar a consolidación da situación de acoso, antes da actuación do Comité de Intervención”.
Os atrasos non só se producen na resolución dos casos senón mesmo na primeira toma de declaración á persoa denunciante
Tras mudarse o protocolo de loita contra o acoso a mediados de 2019 para ampliar de un a seis meses o prazo para resolver sobre cada denuncia, este diario comprobou un ano máis tarde que o comité de intervención formado por catro representantes da administración e catro dos sindicatos seguía a ter sen resolver casos con máis dun ano de antigüidade. O propio Goberno galego admitía que “en casos puntuais pode modularse ese prazo” pola complexidade das investigacións a realizar, pero a realidade era que nalgunha ocasión o comité, que na parte sindical está formado por persoal con outras ocupacións e sobrecargado de traballo, nin sequera tomara declaración ao denunciante por primeira vez ata máis dun ano despois de formular a súa denuncia.
Agora, tras recorrer unha persoa denunciante dun posible caso á Valedora do Pobo polo atraso en obter resposta, a defensora da cidadanía vén de pedir á Xunta nunha resolución pública a figura dun “asesor confidencial” que poida actuar antes de que o comité de intervención resolva sobre o fondo da cuestión. Unha figura que viría paliar unha das principais eivas do protocolo, segundo admitían no seu momento membros do comité de intervención: non contempla medidas cautelares como o cambio temporal de posto de traballo mentres se investiga o caso.
Na citación que reciben para declarar, os denunciantes de posibles acosos laborais son advertidos de que "as persoas que interveñan no procedemento, incluída a declarante, teñen a obriga de gardar unha estrita confidencialidade"
A Xunta vén deitando a metade da responsabilidade do que ocorre co protocolo de loita contra o acoso laboral nos sindicatos (CIG, CCOO, UGT e CSIF) que o aprobaron e modificaron con ela e que participan no comité de intervención. Ao tempo, e sen que así figure no protocolo, as citacións para declarar ante o comité que reciben as persoas denunciantes inclúen a advertencia directa e persoal de que non poden contar por outras vías o que lles sucede: “As persoas que interveñan no procedemento, incluída a declarante, teñen a obriga de gardar unha estrita confidencialidade e reserva e non deben transmitir nin divulgar información sobre o contido das denuncias presentadas ou en proceso de investigación”, din as citacións, limitándolles así ás persoas denunciantes a capacidade de loitar contra o presunto acoso a través doutras vías que non sexan a establecida no propio protocolo, como as denuncias públicas da súa situación.
Sexan ou non vítimas de acoso laboral, a vitimización das persoas afectadas, reflectica en moitos casos en certificados médicos e baixas que evidencian unha situación laboral insostible, debe levarse en silencio e con paciencia, segundo constata agora a Valedora do Pobo.