O tribunal militar condena "o trato desprezativo, humillante e incluso insultante" dun brigada, que chegou a agarrar do brazo e tirar dunha cabo primeiro, nunha base militar que vén rexistrando sucesivos casos de agresións sexuais
A base da Armada en Ferrol vén sendo protagonista de diversas condenas por agresións sexuais, cando menos catro firmes en tres anos, segundo vén revelando Praza.gal. Agora faise pública outra condena por outro abuso, neste caso laboral, contra outra muller, unha cabo primeiro desprezada, insultada e humillada por un superior, un brigada, que é condenado polos delitos militares de acoso profesional, como se denomina nese eido o acoso laboral, e de abuso de autoridade.
Segundo o relato dos feitos probados da sentenza emitida polo Tribunal Militar Territorial da Coruña a cabo primeiro foi destinada a mediados de 2024 á fragata Almirante Juan de Borbón, con base en Ferrol. Tanto en navegación a bordo da fragata como en porto en Ferrol o brigada agora condenado "fixo obxecto a dita cabo primeiro dun habitual trato desprezativo e insultante" corroborado por diversas testemuñas.
"Non a deixaba facer as tarefas propias do destino, apartándoa para executalas el, insultábaa chamándoa 'mentirosa', 'estúpida' ou 'parva' ["tonta" no castelán orixinal], e desprezaba o seu parecer sobre cuestións de traballo, aínda que a dita cabo primeiro demostrase que o seu criterio era o correcto", relata a sentenza.
O punto final da situación chegou en xaneiro de 2025, cando unha discrepancia sobre unha manobra técnica co combustible do barco derivou en que o brigada "chamou estúpida a dita cabo primeiro, e lle dixo que non tocase nada, que non a quería no destino e que se fose do local, agarrándoa fortemente do brazo e tirando dela para sacala de alí, pese á resistencia da cabo primeiro, polo que tiveron que intervir" outros compañeiros. Outro brigada "dixo ao investigado que iso non podía facelo, que non podía tocala" mentres outro cabo levaba do lugar á vítima cun ataque de ansiedade.
O tribunal di que o relato dos feitos por parte de varias testemuñas é "innegable" e pide investigar por falso testemuño a un sarxento que discrepou do sucedido cando o condenado agarrou do brazo á vítima
O tribunal salienta o "abundante material probatorio, que de forma indubitada permitiu á Sala concluír que os feitos ocorreron como se narra", cunha "corroboración periférica" que sinala como "innegable no manifestado polas diversas testemuñas" que declararon na investigación e no xuízo. Porén, desas testemuñas apartouse un sarxento que discrepou do sucedido cando o condenado agarrou do brazo á vítima. Un relato o dese sarxento tan afastado do resto de declarantes que levou o tribunal a deducir testemuño contra el como posible autor dun delito de falso testemuño.
Ante os feitos probados e o "o trato desprezativo, humillante e incluso insultante que o procesado dispensaba á cabo primeiro" o tribunal condena o brigada como autor dun delito de abuso de autoridade na súa modalidade de acoso profesional a seis meses de prisión. E polo episodio no que agarrou do brazo á subordinada condénao por outro delito de abuso de autoridade na súa modalidade de maltrato de obra a outros seis meses de prisión. A sentenza, recorrible en casación ante a Sala Militar do Tribunal Supremo, condénao tamén a indemnizar á vítima con mil euros, establecendo a responsabilidade civil subsidiaria do Estado en caso de que o condenado non pague.
Antecedentes
Tras desvelar Praza.gal catro condenas en tres anos por agresións sexuais na Armada en Ferrol o Ministerio de Defensa respondeu que está a desenvolver actividades de "sensibilización"
Similares condenas como responsable civil subsidiario vén recibindo o Estado noutras sentenzas previas por agresións sexuais na Escola de Especialidades Antonio de Escaño da Armada en Ferrol. A investigación de Praza.gal detectou catro condenas firmes distintas por diferentes casos alí ocorridos entre 2021 e 2024.
En maio de 2021 un sarxento alumno de terceiro curso violou con penetración vaxinal a unha subordinada de primeiro curso nas propias instalacións da escola da Armada e foi condenado a sete anos de cadea nunha sentenza ratificada polo Tribunal Supremo en maio de 2023.
En outubro de 2021 un mariñeiro penetrou vaxinalmente fóra da escola a unha compañeira "sen o seu consentimento" e foi condenado a sete anos de cadea nunha sentenza ratificada polo Tribunal Supremo en xuño de 2023.
A comezos de 2023 un mariñeiro tocou as nádegas nun bar "en repetidas ocasións" a unha compañeira coa que mantiña unha relación de amizade que aspiraba que pasase a máis sen que ela o quixese. A vítima escapou pero o home volveu coincidir con ela e insultouna e ameazouna. Foi condenado a dous anos e medio de cadea por agresión sexual e coaccións nunha sentenza ratificada polo Supremo o pasado outubro.
E en xaneiro de 2024 foi un tenente de navío quen, na cantina da propia escola, tocou, bicou e chegou "a introducir a súa man por baixo do colo da camisa" dunha mariñeira alumna da brigada da que era comandante. Foi condenado a multa de cinco meses por delito de agresión sexual e multa de tres meses por delito de abuso de autoridade na súa modalidade de agresión sexual nunha sentenza tamén feita firme polo Supremo a finais do pasado ano.
Preguntado no Congreso por Sumar por esas condenas por agresións sexuais, o Ministerio de Defensa respondeu a comezos deste ano que está a impartir conferencias e campañas internas de "sensibilización".