Conferencias de "sensibilización": a resposta da Armada ás catro agresións sexuais na escola de Ferrol

Escola de Especialidades Antonio Escaño da Armada en Ferrol © Ministerio de Defensa

Tras desvelar Praza.gal a reiteración de condenas por agresións sexuais, o Ministerio de Defensa responde no Congreso, a preguntas de Sumar, que entre 2021 e 2025 impartiu 21 conferencias a 3.400 asistentes

A finais do pasado ano Praza.gal revelou que entre 2021 e 2024 producíronse cando menos catro agresións sexuais na Escola de Especialidades Antonio de Escaño da Armada en Ferrol. Así o estableceron catro sentenzas firmes distintas que condenaron ademais de aos militares autores dos feitos ao Ministerio de Defensa como responsable civil subsidiario da indemnización ás vítimas. 

Ante esta reiteración de casos os deputados galegos de Sumar Manuel Lago e Verónica Martínez preguntaron a Defensa no Congreso, entre outras cuestións, que medidas de reforzo ten previsto adoptar para mellorar a protección das vítimas. A resposta de Defensa chega agora sen detallar medidas concretas para a Armada en Ferrol, onde o único detalle que se ofrece é que "entre 2021 e 2025 desenvolvéronse un total de 21 conferencias [de sensibilización], que contaron coa participación de máis de 3.400 asistentes".

Xura de bandeira na escola da Armada en Ferrol e última sentenza por agresión sexual CC-BY-SA Imaxe: Ministerio de Defensa | Montaxe: Praza Pública

A investigación de Praza.gal sobre agresións sexuais na Armada en Ferrol detectou catro condenas firmes distintas por diferentes casos ocorridos entre 2021 e 2024. 

En maio de 2021 un sarxento alumno de terceiro curso violou con penetración vaxinal a unha subordinada de primeiro curso nas propias instalacións da escola da Armada e foi condenado a sete anos de cadea nunha sentenza ratificada polo Tribunal Supremo en maio de 2023

En outubro de 2021 un mariñeiro penetrou vaxinalmente fóra da escola a unha compañeira "sen o seu consentimento" e foi condenado a sete anos de cadea nunha sentenza ratificada polo Tribunal Supremo en xuño de 2023. 

Dos catro casos condenados en firme en Ferrol, dous foron agresións de superiores a subordinadas e dous de compañeiros

A comezos de 2023 un mariñeiro tocou as nádegas nun bar "en repetidas ocasións" a unha compañeira coa que mantiña unha relación de amizade que aspiraba que pasase a máis sen que ela o quixese. A vítima escapou pero o home volveu coincidir con ela e insultouna e ameazouna. Foi condenado a dous anos e medio de cadea por agresión sexual e coaccións nunha sentenza ratificada polo Supremo o pasado outubro.

E en xaneiro de 2024 foi un tenente de navío quen, na cantina da propia escola, tocou, bicou e chegou "a introducir a súa man por baixo do colo da camisa" dunha mariñeira alumna da brigada da que era comandante. Foi condenado a multa de cinco meses por delito de agresión sexual e multa de tres meses por delito de abuso de autoridade na súa modalidade de agresión sexual nunha sentenza tamén feita firme polo Supremo a finais do pasado ano.

En todos os casos o Ministerio de Defensa foi condenado como responsable civil subsidiario do pagamento das indemnizacións ás vítimas porque a xustiza considera que incluso cando os feitos ocorreron fóra das instalacións da Armada os alumnos seguen estando de servizo. 

Acto na praza de armas da escola de especialidades da Armada en Ferrol © Ministerio de Defensa

Os deputados galegos Manuel Lago e Verónica Martínez pediron ao Ministerio de Defensa unha "transformación real dun contexto que leva anos permitindo condutas machistas, normalizacións perigosas e dinámicas de silencio"

Ante estas revelacións de Praza.gal Sumar considerou que "esta repetición de casos evidencia un patrón estrutural profundamente preocupante dentro das Forzas Armadas e revela posibles fallos na prevención, na detección temperá e na protección das vítimas". Por iso preguntou a Defensa no Congreso que protocolos específicos fronte a agresións sexuais hai na escola de Ferrol, que medidas de reforzo ten previsto adoptar o Ministerio de Defensa, que mecanismos de control existen para identificar posibles fallos estruturais "ou déficits na cultura organizativa da escola que poidan favorecer a persistencia de condutas de violencia machista", ou se o ministerio vai impulsar campañas internas de sensibilización e prevención.

A resposta de Defensa vén de entrar no Congreso e nela apenas se fai referencia a Ferrol. O Ministerio salienta que conta cun protocolo de actuación fronte ao acoso sexual desde 2015 e que "a súa aplicación efectiva garántese a través das Unidades de Protección fronte ao Acoso (UPAs), unidades externas e independentes á cadea orgánica de mando". A resposta non detalla que papel tiveron esas unidades nos catro casos rematados en condena penal firme nin cantos outros casos puideron analizar en Ferrol.

A resposta tamén asegura que "no marco dun compromiso permanente de mellora dos mecanismos de prevención, protección e acompañamento das vítimas, o Ministerio de Defensa impulsou medidas complementarias de reforzo", entre as que cita unha instrución do Subsecretario de Defensa de 2019 e unha resolución de 2024 para "a actualización e adaptación permanente da normativa", así como "a ampliación, ano tras ano, das accións de formación, divulgación e sensibilización, especialmente dirixidas aos alumnos dos centros docentes militares durante o seu período de formación". 

Nesa liña Defensa di que "integra a formación en materia de igualdade e prevención do acoso sexual ou por razón de sexo nos plans de estudo", elabora folletos informativos e detalla que as unidades de protección fronte ao acoso impartiron na escola Antonio Escaño de Ferrol entre 2021 e 2025 "un total de 21 conferencias, que contaron coa participación de máis de 3.400 asistentes". Isto é, unhas catro conferencias por ano cuns 160 asistentes por conferencia. 

Resposta do Ministerio de Defensa a Sumar sobre as agresións sexuais na escola da Armada en Ferrol CC-BY-SA Praza Pública

A resposta do ministerio non di se detectou fallos ou adoptou medidas específicas en Ferrol tras a sucesión de condenas xudiciais

Defensa remata a súa resposta salientando que en 2016 obtivo un recoñecemento da Unión Europea como "referencia internacional na integración da perspectiva de xénero e a formación nesta materia". Tamén asegura que as unidades de protección fronte ao acoso "realizan unha labor de control e avaliación, mediante o seguimento dos casos e a súa centralización, permitíndolles detectar incremento en determinadas unidades e adoptar medidas de corrección e control". A resposta non di se detectaron ou adoptaron medidas específicas en Ferrol tras a sucesión de condenas xudiciais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.