Educación vén negándose a protexer o persoal docente co protocolo xeral de loita contra o acoso da Xunta e agora o Tribunal Superior confirma que si é de aplicación e non pode restrinxirse só á administración xeral
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza que desmonta o xeito en que a Consellería de Educación viña xestionando o acoso laboral entre o seu persoal. Ese departamento viña negándose a aplicar o protocolo xeral da Xunta de loita contra o acoso laboral, que dá voz a representantes sindicais na análise dos casos, co argumento de que sería só para o persoal da administración xeral. Educación optaba, pola contra, por que fose a súa inspección educativa a que analizase as denuncias.
Agora, tras un caso no que o TSXG constata que por parte de Educación non se fixo "audiencia da persoa afectada polos feitos e da persoa supostamente responsable", o tribunal conclúe que no protocolo xeral contra o acoso laboral "non se establece limitación ningunha ao persoal da Xunta de Galicia, sen que se cinga ao persoal dentro do ámbito de xestión da Dirección Xeral de Función Pública".
O caso sobre o que se pronuncia o TSXG xa fora analizado por un xulgado de Vigo que a finais do pasado ano estableceu que Educación non xestionara correctamente unha denuncia de acoso laboral formulada por unha profesora. Nin daquela o xulgado vigués nin agora o TSXG entran a valorar se realmente houbo acoso ou non, senón que establecen que Educación non tratou o caso como debera e condenan a consellería a reiniciar o procedemento.
A denunciante pedira a aplicación do protocolo xeral de loita contra o acoso laboral da Xunta, que establece que os casos deben ser analizados por un Comité de Intervención no que hai representantes sindicais. Porén, Educación viña argumentando que ese protocolo xeral sería de aplicación só para o persoal da administración xeral, deixando a análise dos casos no ensino en mans da inspección educativa. Pero o TSXG coincide co primeiro xulgado en que o protocolo xeral non establece esa limitación.
Educación vén resolvendo denuncias a través da súa inspección educativa mentres que o protocolo xeral da Xunta establece un Comité de Intervención con representantes sindicais
Segundo a argumentación da Xunta, o protocolo xeral estaría ligado ao seu I Plan de Igualdade, que ao seu ver non afectaría aos sectores de educación, sanidade e xustiza que terían os seus documentos específicos. Porén, o TSXG analiza as resolucións de 27 de outubro de 2023 que aprobaron respectivamente o plan de igualdade e o protocolo de loita contra o acoso laboral supostamente ligado a el e nega esa conexión.
O tribunal salienta que o plan de igualdade que vai dirixido ao persoal da administración xeral analiza a discriminación ou violencia sexual, pero que o protocolo vai máis alá e "tamén se estende o seu ámbito ao acoso moral ou psicolóxico" á marxe do sexo. E malia a argumentación da Xunta, o TSXG constata que o propio protocolo sinala que "están comprendidos no ámbito subxectivo de aplicación deste protocolo as persoas empregadas na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do sector público autonómico".
"É dicir", engade o TSXG, "como se valorou polo xulgado de primeira instancia, non se establece limitación algunha ao persoal da Xunta de Galicia, sen que se cinga ao persoal dentro do ámbito de xestión da Dirección Xeral de Función Pública". "E sen que tampouco se ate expresamente o funcionamento do Protocolo ao I Plan de Igualdade", conclúe o TSXG, que lembra que os dous documentos foron publicados "en resolución separada". "Ha de entenderse que se configura o Protocolo como un instrumento por onde canalizar as accións pretendidas no Plan, pero sen limitar tal instrumento a este, senón que se pon ao servizo de todo o persoal da Administración autonómica", remata o tribunal.
No caso agora resolto a xustiza di que "se excluíu o Comité de Intervención" e "non constan" audiencias "da persoa afectada polos feitos e da persoa supostamente responsable"
Ademais de establecer así que o protocolo xeral contra o acoso laboral é de aplicación tamén ao persoal de Educación, o TSXG analiza o caso en cuestión e coincide co primeiro xulgado en que a non aplicación do protocolo supuxo que "con iso se excluíu a intervención do Comité de Intervención". Un órgano no que están representados os sindicatos e que debía instruír o procedemento con "necesariamente a audiencia da persoa afectada polos feitos e da persoa supostamente responsable".
Porén, neste caso o tribunal di que "resulta evidente que a instrución do procedemento non a levou a cabo o órgano competente e aínda que é certo que se sinala polo xulgador que se practicaron unhas 'completas actuacións previas' para chegar á conclusión de que non se constatan condutas constitutivas de acoso e que non procede a apertura de expediente disciplinario, tamén o é que entre tales dilixencias ou actuacións non constan as que o protocolo sinala como necesarias, cales son a audiencia da persoa afectada polos feitos e da persoa supostamente responsable".
Neste caso foi a inspección educativa a que arquivou a denuncia e segundo salienta o TSXG, "nin sequera se refire" por parte da Xunta "o protocolo ou norma específica que habería de aplicarse á denuncia da demandante, constatándose nas actuacións que non se menciona plan nin protocolo específico algún".
Por outra banda, son varios os casos, de acoso laboral ou doutro tipo de conflito, nos que a xustiza vén afeando á inspección educativa que nin sequera tome declaración a vítimas ou testemuñas.
Antecedentes
Veñen sendo reiterados os casos nos que a Xunta non actúa correctamente ante denuncias de acoso laboral
Como vén contando Praza.gal desde hai anos, a Xunta non se dotou do seu primeiro protocolo de loita contra o acoso laboral ata 2016, pero restrinxiuno á administración xeral, deixando fóra entre outros o persoal de Educación ou o de Xustiza, este último cun procedemento específico só desde abril de 2023. En Sanidade hai diversos protocolos, plans de acción e documentos contra a violencia laboral de todo tipo, pero son varios os casos nos que a xustiza ou a Valedora do Pobo veñen constatando eivas, principalmente por non actuar ante as denuncias.
Os expertos e a Valedora do Pobo veñen reiterando que en moitos casos o feito de que a administración inicie algún tipo de actuación ante unha denuncia, aínda que non se poida acabar confirmando unha situación de acoso, supón que o ambiente laboral mellore. Porén, son reiterados os casos en que Educación -e a Xunta en xeral- demora "meses ou anos" as súas actuacións fronte ao acoso laboral ou cando as inicia non aplica como debe os procedementos normativos. Unha situación que se reproduce tamén no acoso escolar, como vén de salientar o último informe anual da Valedora do Pobo. [Sen confidencialidade, sen falar coa vítima e obviando médicos: eivas na loita contra o acoso escolar].