A Valedora do Pobo revela que unha investigación viu acoso laboral no hospital de Pontevedra e propuxo un expediente disciplinario, pero a xerencia da área sanitaria non o abriu e propiciou vitimizacións secundarias dos denunciantes
O Sergas vén recibindo condenas da xustiza ou apercibimentos da Valedora do Pobo pola súa inacción ante denuncias por acoso laboral, e así o volve facer a segunda nun novo caso que agora vén de revelar. Tras unha denuncia dunha ducia de profesionais do Complexo Hospitalario de Pontevedra de acoso laboral por parte da súa xefa de servizo, a investigación do ocorrido tardou nove meses en poñerse en marcha. Concluíu coa proposta de iniciar un expediente disciplinario contra a denunciada, pero a xerencia da área sanitaria decidiu non facelo e segundo a Valedora propiciou novas vitimizacións secundarias das persoas denunciantes.
Segundo o agora revelado pola Valedora, 12 facultativas e facultativos do hospital pontevedrés pediron formalmente o 15 de xuño de 2023 a activación do protocolo contra o acoso laboral polo trato que estaban a recibir dunha xefa de sección. En setembro a denunciada foi ascendida a xefa de servizo e a comisión de investigación do ocorrido non se constituíu ata o 5 de marzo de 2024, nove meses despois da denuncia.
O informe de conclusións e recomendacións desa investigación foi emitido dous meses despois, o 16 de maio, e nel estableceuse "por unanimidade" que había "indicios claros de acoso laboral ". Entre outras propostas de medidas para mellorar o funcionamento do servizo afectado, o informe propuxo a "apertura do correspondente expediente disciplinario ao terse constatado a existencia de acoso laboral así como discriminación polo exercicio dos dereitos de conciliación, feitos que poden ser constitutivos de falta disciplinaria".
Porén, a xerencia da área sanitaria considerou que no proceso non se garantiran os dereitos da persoa denunciada ao non detallarse feitos concretos contra os que puidese alegar, polo que a súa resolución do caso, o 19 de xuño, un ano despois da denuncia, rexeitou abrir o expediente disciplinario e limitouse a establecer actividades formativas de mellora do ambiente laboral no servizo afectado.
Pero a Valedora do Pobo sinala que aínda que se vulnerasen dereitos da denunciada por non concretar os feitos polos que era acusada, os indicios de acoso laboral eran suficientes para iniciar un procedemento sancionador, sen prexulgar o seu resultado final.
"Non podemos confundir a investigación da denuncia presentada coa posterior tramitación do procedemento disciplinario", di a Valedora, que lembra que "na fase de investigación se determinará se existe causa da denuncia presentada para unha posterior proposta de actuacións". E conclúe que "á vista desta investigación, onde se aprecia a existencia de indicios de acoso, e as súas propostas, a administración debe proceder á apertura do procedemento disciplinario, onde se respectarán os dereitos de todas as partes implicadas".
Tras resolver o caso sen abrir procedemento disciplinario, Sanidade nin contestou o recurso contra esa decisión que lle formulou persoal afectado
A Valedora tamén reprocha que as actuacións acordadas pola xerencia da área sanitaria en ausencia do procedemento disciplinario, como os cursos de formación para todo o persoal para mellorar o ambiente laboral, acabaron producindo "unha nova vitimización secundaria das denunciantes", engadida á xa producida pola demora na investigación. E mesmo critica que cando as persoas denunciantes presentaron un recurso de alzada contra a resolución da xerencia da área sanitaria que diluíu as propostas de actuación, ese recurso nunca foi nin contestado pola consellería.
Ante esta sucesión de feitos, a Valedora remitiu á Xunta varios recordatorios de deberes legais e suxestións. Así, recordou á consellería que, de acordo coa normativa de función pública, "no caso de existir circunstancias que xustifiquen un procedemento disciplinario, debe iniciarse" e que "debe resolver expresamente" recursos como o que formularon as persoas denunciantes e que deixou sen contestar.
Tamén suxire "realizar actuacións de formación e sensibilización ao persoal responsable da xerencia, dirección asistencial e de recursos humanos da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés" e revisar o plan de prevención de riscos laborais para actuar de xeito máis "áxil e eficaz" ante situacións de acoso e abuso.
Casos previos
Hai un ano foi condenado un caso de acoso laboral nun centro de investigación sanitaria dependente da Xunta, e hai dous outro nun centro de saúde
A Xunta en xeral e Sanidade en particular veñen recibindo sentenzas que confirman casos de acoso laboral ou deixan en evidencia a inacción da consellería ante as denuncias que formula o persoal. Hai un ano Praza.gal revelou que a Fundación Profesor Novoa Santos, dependente da Xunta e responsable do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic), que centraliza a investigación nesa área sanitaria, foi condenada, xunto cun dos seus investigadores, por acoso laboral a unha traballadora.
Un ano antes era o propio Sergas o condenado por acoso laboral nun centro de saúde a un traballador de servizos non sanitarios. Nos dous casos a Consellería de Sanidade rexeitou ata o momento detallar que medidas tomou coas persoas directamente responsables do acoso e coas xefas dos dous centros laborais que eran coñecedoras das denuncias e non actuaron.
Sanidade tamén rexeita esixir aos centros concertados cos que subcontrata asistencias sanitarias que asuman o protocolo de prevención e loita contra o acoso laboral do propio Sergas, como lle reclamou a Valedora do Pobo.