Rueda retoma a petición dun traspaso reclamado periodicamente en Galicia dende hai un cuarto de século e que en 2014 o propio PP se negou a reiterar alegando problemas legais cuxa existencia agora negan "se o Goberno central ten verdadeira intención de traspasar esta competencia"
Hai practicamente un cuarto de século que a Xunta, o Parlamento ou ambas institucións se amosan favorables a reclamar do Estado as competencias en materia meteorolóxica. Entre os principais argumentos, a solvencia do servizo meteorolóxico do noso país, MeteoGalicia, que cunha rede máis ampla que a da Axencia Estatal de Meteoroloxía e unha maior conexión co territorio permitiría, por exemplo, afinar máis as alertas ante fenómenos adversos.
Esa recorrencia na petición foi un dos argumentos que o Goberno de coalición PSdeG-BNG empregou durante o seu mandato para destacar esta competencia dentro do paquete de traspasos pendentes. Tamén a admitiu o PP hai agora dez anos, en 2014, cando rexeitou unha iniciativa parlamentaria do BNG para reclamala do Goberno de España que ostentaban os populares por maioría absoluta con Mariano Rajoy á fronte. O tempo dos traspasos ficara "esgotado" e ademais, engadían este en concreto tería problemas de encaixe legal. En anos seguintes, os votos do PP rexeitaron en varias ocasións outras propostas do Bloque no mesmo sentido.
Agora, unha década despois, o Goberno que encabeza Alfonso Rueda e o grupo parlamentario que o sustenta esixen do Goberno de España do PSOE e Sumar que realicen esa transferencia e que o fagan, ademais, axiña. O presidente da Xunta escenificou a reclamación cunha visita a MeteoGalicia, servizo do que destacou a súa "excelencia". "A día de hoxe, o nivel de calidade, precisión e infraestruturas de MeteoGalicia fainos acredores" da posibilidade de ter a competencia para, por exemplo, emitira as alertas meteorolóxicas, destaca o xefe do Executivo, a través dunha rede de 160 estacións notablemente superior ás 52 da Aemet.
O presidente sinala "o nivel de calidade, precisión e infraestruturas de MeteoGalicia" como razóns que "nos levan a reclamar as competencias para que as alertas se poidan dar dende aquí" no canto de depender da Aemet
Na mesma liña, o voceiro parlamentario dos conservadores, Alberto Pazos, avanza que reiterarán a petición no vindeiro pleno a través dunha proposición non de lei. O Estatuto de Autonomía, evidencia, dá marxe para reclamar esta competencia aínda que a Constitución a sinale como exclusiva do Estado. "Se o Goberno central ten verdadeira intención de traspasar esta competencia, existe un marco legal para poder facelo", mantén.
Esta consideración de Pazos vai en sentido diverxente da resposta outorgada polo seu antecesor no cargo, Pedro Puy, cando en 2014 respondeu á devandita proposición do BNG, que defendera Ana Pontón. MeteoGalicia, sinalara Puy, daba "grandes rendementos ao país", pero cumpría atender á sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut de Catalunya. Este, defendeu, sería un caso de "concorrencia de competencias" e asumilas suporía que "do ámbito galego desapareza a Axencia Estatal", o cal non sería posible e daría lugar a duplicidades.
"Apostamos, efectivamente, por evitar duplicidades" por iso a reclamación é "que se faga dende o noso país", retrucara Pontón, dende cuxo punto de vista a transferencia non implicaría "ningún problema a nivel de colaboración co Estado e a nivel internacional". Pero o PP considerara que a mellor opción era "reforzar e explorar a vía da colaboración" entre MeteoGalicia e Aemet. Dez anos despois e con Pedro Sánchez na Moncloa, Rueda sostén que "estamos especialmente orgullosos dos nosos servizos meteorolóxicos, o que nos leva a reclamar a xestión das competencias para que as alertas se poidan dar desde aquí, sen desprezar en absoluto o traballo da Aemet e sempre desde a coordinación".