Comisión de transferencias: dos "traspasiños" á lei do litoral

Última comisión mixta Galicia-Estado que abordou traspasos de competencias (2008) e reunión de Rueda e Sánchez en 2022, sobre unha imaxe do litoral de Barreiros e o seu urbanismo disperso CC-BY-NC-SA Goberno de España | Xunta | Montaxe: Praza.gal

A Comisión Mixta de Transferencias Galicia - Estado reuniuse 44 veces, só dúas delas dende o retorno do PP á Xunta en 2009

A Comisión Mixta de Transferencias Galicia - Estado é o órgano no que a Xunta e o Goberno de España negocian os traspasos de competencias e outros asuntos vinculados ao autogoberno. Reuniuse en 44 ocasións, 43 delas dende a aprobación do vixente Estatuto de Autonomía en 1981 e ata a actualidade.

Dende que o PP retornou á Xunta en 2009 celebráronse unicamente dous plenos desta comisión. Un a finais de 2009, para asinar o daquela novo sistema de financiamento autonómico. Outra, en xuño de 2022, para acordar que a Xunta xestionase -ao xeito doutras autonomías- un imposto sobre  xestión de refugallos. Ningunha das dúas rematou, en rigor, cun traspaso de competencias.

Na única lexislatura na que o Goberno galego estivo sustentado por unha maioría parlamentaria de esquerdas (2005-2009), a comisión mixta reuniuse cinco veces. Desas negociación saíran doce traspasos efectivos de competencias, ademais de avances noutros nos que ambas partes -o Goberno de Zapatero en Madrid, o de Touriño e Quintana en Galicia- se emprazaran a seguir negociando en 2009, cando PSdeG e BNG perderon a Xunta.

A última xuntanza da Comisión Galicia-Estado que aprobou transferencias foi co Goberno de PSdeG e BNG, que lograra 12 descualificadas por Rueda como "traspasiños". Década e media despois, o PP vén de prometer os mesmos que en 2009

O daquela número dous do PPdeG e actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, descualificara a devandita ducia de transferencias como "traspasiños" de materias menores. Nesta liña, o programa electoral co que Feijóo accedeu á presidencia por primeira vez sinalaba precisamente o autogoberno como unha das áreas nas que o Executivo de coalición fracasara "máis estrepitosamente". Pero se o PP volvía, prometían, volverían os traspasos.

Quince anos e cinco maiorías absolutas despois, o certo é que os traspasos non volveron. Cando menos, non de momento. Boa mostra disto é que o contador oficial de transferencias no Ministerio de Política Territorial marca cero dende 2008. Pero tamén o feito de que o programa electoral co que o PP de Rueda concorreu ás eleccións galegas do pasado febreiro prometese, esencialmente, os mesmos 15 traspasos de competencias polos que se comprometía a pular en 2009, tales como a AP-9, museos, bibliotecas, bolsas de estudo ou Inspección de Traballo. Varias delas, por sinal, as que a Xunta de PSdeG e BNG comezara, pero non puidera rematar de negociar.

Actos de presentación do programa electoral do PP para as eleccións galegas de 2009 (esquerda) e 2024 e referencias ao autogoberno en ambos documentos CC-BY-SA Fotos: PPdeG | Montaxe: Praza.gal

Nun capítulo aparte nesas promesas de 2024 figuraba a xestión do litoral. Nomeadamente, a xestión das autorizacións de concesións e usos no dominio público marítimo-terrestre (a zona máis próxima á costa), competencia que o PP xa daba por asumida antes das eleccións en virtude da nova lei do litoral que o Tribunal Constitucional vén de avalar contra o criterio do Goberno de España, que mantiña que cumpría reformar o Estatuto. Agora só restaría, precisamente, un acordo da comisión mixta para que o Estado traspase á Xunta os medios materiais e o persoal para facer efectiva a competencia.

Capítulo aparte é a competencia da xestión do litoral tras o visto e prace do TC á lei galega. A Xunta vén de activar os trámites para pedir unha Comisión Mixta que BNG e PSdeG veñen meses sinalando que se celebrará porque así o pactaron para a investidura de Pedro Sánchez

É nese punto, precisamente, no que está o conxelado autogoberno galego unha década e media despois. Esta semana o Consello da Xunta aprobou autorizar a Consellería de Medio Ambiente, con competencias na materia, a solicitar ese "traspaso de funcións e servizos en materia de ordenación e xestión do litoral". Do que se trata, evidenciou Rueda, é de solicitar un pleno da Comisión Mixta Galicia-Estado para negociar os termos do que despois tería que concretarse, como en todos os traspasos anteriores, nun Real Decreto de transferencias.

Dáse a circunstancia de que a convocatoria da Comisión Mixta non é unha reivindicación exclusiva do Goberno do PP, nin antes nin despois das eleccións. Xa dende antes dos comicios e da nova investidura de Rueda tanto BNG como PSdeG veñen dando por seguro que ese foro legal para abordar a ampliación do autogoberno galego se reactivará. A razón é que foi un dos aspectos acordados entre nacionalistas e socialistas no pacto polo que o Bloque deu o seu "si" no Congreso á investidura de Pedro Sánchez. E non só para a única competencia do litoral, coa que concordan -ambos grupos abstivéronse no trámite da lei por rexeitaren a forma en que o PP a abordou e o seu propósito político, pero non o fondo da cuestión competencial-.

Así, por exemplo, durante a súa intervención no debate de investidura, Ana Pontón instou a Rueda a "deixar de poñer o interese do PP por riba de Galiza" e "aproveitar a oportunidade que lle brinda o BNG", en referencia ao pacto co PSOE, de que se vaia reunir a Comisión Mixta. A líder nacionalista vén reiterando que esa xuntanza se va "celebrar grazas ao acordo de investidura do BNG" e que o mellor sería que o presidente da Xunta acudise "cunha posición de país que permita avanzar en todas as competencias pendentes", así como na condonación da débeda na mesma proporción que a Catalunya.

Tamén o socialista José Ramón Gómez Besteiro dá por feita a convocatoria da comisión e propón un pacto para desconxelar o autogoberno tras década e media de "parálise" da que "a responsabilidade recae en quen gobernou Galicia neste tempo", sinalou no debate de investidura. O secretario xeral do PSdeG afirmou daquela ter "constancia" de que "a vontade do Goberno de España" era "facer realidade canto antes a convocatoria da Comisión Mixta", polo que tamén correspondería que Rueda poña "o mellor da súa parte" con "sinais de entendemento" que facilitasen a chegada de novas competencias.

Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro transmiten os parabéns a Rueda tras a súa elección como presidente da Xunta, o pasado 11 de abril CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.