O Goberno de España publicita un acordo acadado nunha reunión que non se celebraba desde 2009 pero que o Goberno galego non incluíu na súa axenda pública
Os gobernos de España e Galicia acordaron este luns que a Xunta pasará a xestionar, desde o vindeiro 1 de xaneiro, o imposto sobre o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincineración de residuos. O acordo foi revelado polo Goberno de España, que salientou que a denominada Comisión Mixta de Transferencias entre as dúas administracións non se reunía desde 2009, un ano despois de que se concretasen as últimas grandes transferencias do Estado á Xunta.
A Xunta non incluíu na súa axenda pública a celebración do encontro por videoconfernencia, no que participou o seu vicepresidente primeiro, Francisco Conde, nin emitira ningún comunicado ao respecto cando menos ata media tarde deste luns, varias horas despois de que o Estado divulgase o acordo.
Segundo o Goberno de España, representado na reunión da comisión polo secretario de Estado de Política Territorial, Alfredo González, agora o Executivo enviará ao Congreso unha modificación da lei de 2010 de cesión de tributos do Estado a Galicia na que se fixará “o alcance e condicións de dita cesión”. Con ela, di o secretario de Estado, “o Goberno reafirma o seu compromiso de diálogo permanente e cooperación institucional con todas as comunidades autónomas”.
O acordo chega despois de que Feijóo se convertese no único presidente do Goberno galego que non obtivo ningunha nova gran competencia para Galicia
O acordo Estado-Xunta chega despois de 14 anos desde as últimas transferencias de competencias, en 2008. Tamén despois de que os mandatos de Alberto Núñez Feijóo o convertesen no único presidente do Goberno galego que non obtivo ningunha nova gran competencia para Galicia.
Nos últimos anos o seu goberno, e agora o de Alfonso Rueda, puxo o foco na necesidade de que Galicia teña a competencia de xestionar o litoral. Porén, no primeiro encontro entre Rueda e Pedro Sánchez, o pasado xullo, o segundo deulle ao primeiro un non "categórico" á súa reclamación.