1. Da visión patriótica á visión materialista da LOLGA
Boa parte do argumentario despregado polo Partido Popular para lexitimar a Lei galega 4/2023, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia pode resumirse no denominado “efecto bandeira” (rally around the flag, na expresión inglesa).
A LOLGA é xustificada, así, como unha política de país: quer unha reivindicación do autogoberno galego do noso litoral fronte a Madrid, quer unha defensa da identidade de Galicia que se expresa nas tradicionais formas de ocupación e uso do seu litoral.
Non é de estrañar, en consecuencia, que perante esa xustificación, as forzas da oposición tivesen que adoptar unha valoración ambigua da Lei, mesmo concedendo méritos autonomistas ao goberno de Alfonso Rueda. Si, ese goberno que, malia carecer desde 2009 da vontade política de alargar o autogoberno, sentiu no 2023 o chamado da Patria, para incluir na LOLGA, ao abeiro do Estatuto de Autonomía de 1981 (competencias exclusivas sobre ordenación do territorio e do litoral, e protección adicional do medio ambiente e da paisaxe), a competencia de execución da xestión do dominio público marítimo-terrestre, sen modificar o noso Estatuto de Autonomía para incluila expresamente (como sí fixeron Catalunya no 2006, Andalucía e Illes Balears no 2007, e Canarias no 2018).
O interese do Partido Popular por “arrebatar” as competencias estatais sobre espazos do litoral ten moito que ver coas estratexias electorais de acoso e derribo do goberno de esquerdas de PSOE e Sumar. Xa falamos nalgunha ocasión desta súa táctica da aldraxe, vestida co azul e branco da nosa bandeira nacional. Esta táctica, porén, ten moito máis que ver coa estratexia político-económica e social business friendly que o Partido Popular galego veu desenvolvendo con man de ferro e suma coherencia desde que Feijóo lle arrebatou o goberno ao Bipartito. Lembran certo abrazo no Obradoiro, non?
O efecto bandeira da LOLGA é a coartada perfecta para ocultar ese pano de fondo das políticas neocapitalistas e neodesarrollistas do Partido Popular sobre o litoral galego, expresadas nunha nova onda expansiva da explotación acuícola, turística, pesqueira e marisqueira do litoral.
As numerosas leis elaboradas polo Partido Popular construíron un abigarrado decorado de grandes conceptos combinado cun chapapote normativo e unha moi flexible aplicación das (presuntas) cautelas ambientais
Moi especialmente, o azul e branco complementa a concepción funcional de “partido” e “goberno conseguidor” na explotación económica do territorio galego, sen a cal non se pode entender nada das políticas lexislativas ou da acción de goberno da Xunta dos últimos 15 anos. A valoración política e administrativa da LOLGA debe facerse nesa clave materialista histórica (dispensando o residuo marxista).
Desde a Lei de aproveitamento eólico de Galicia do 2009, até a LOLGA, as numerosas leis elaboradas polo Partido Popular construiron un abigarrado decorado de grandes conceptos (seguridade xurídica, futuro de Galicia, creación de emprego, ordenación sustentable do territorio), combinado cun chapapote normativo (legal sludge) e unha moi flexible aplicación das (presuntas) cautelas ambientais.
Tal decorado disimula a tradicional discrecionalidade política desenvolvimentista acuñada polas elites extractivas franquistas nos anos sesenta, combinación de explotación do territorio con industrias de enclave, atracción do turismo e expulsión do excedente laboral por vía da emigración da xente nova. Esa política executada por Manuel Fraga tanto no franquismo autoritario como no posfranquismo democrático, redeseñado como código de programación do período autonómico iniciado en 1981.
Ese é o código que, coas súas actualizacións neoliberais, executan Rueda e Feijóo desde o 2009 nun país repintado de branco, azul...e verde.
2. A sorprendente constitucionalidade da Lei
Na actualidade, vén de rematarse a fase de discusión xurídico-constitucional sobre a LOLGA. O pleno do Tribunal Constitucional, por unanimidade, confirmou que a asunción de competencias executivas no dominio público marítimo-terrestre que contén a LOLGA debe considerarse consecuencia da competencia estatutaria sobre ordenación do litoral, sen necesidade dunha modificación estatutaria previa e expresa ao respecto.
Foi unha noticia inesperada e sorprendente, mesmo para os seus redactores. Agardábase, máis ben, un pronunciamento desestimatorio para despois do verán, por aplicación do “rodillo” da maioría “progobernamental” actualmente existente –tras non poucas peripecias na renovación dos seus membros– no Tribunal Constitucional. Porén, o pleno do Tribunal Constitucional, nunha longa e complexa sentenza de 172 páxinas, aceptou boa parte dos argumentos expostos polos letrados da Xunta de Galicia aprol da constitucionalidade dos 29 preceptos impugnados desta Lei.
Quizais porque o recurso de inconstitucionalidade preparado pola Avogacía do Estado non era especialmente preciso, o Tribunal Constitucional acabou comprando a boa técnica xurídica empregada pola Xunta ao servizo da LOLGA, demostrando, na expresión do voto particular de María Luisa Balaguer, “la innegable deferencia que muestra la sentencia hacia el legislador autonómico”. O propio Consello Consultivo de Galicia non pudo evitar manifestar a súa ledicia polo feito de que o Constitucional respaldase o seu informe nº 227/2022, do 20 de xullo, sobre se a Comunidade Autónoma de Galicia ostenta competencia en materia de xestión de títulos de ocupación e uso do dominio público marítimo terrestre. Informe, por certo, solicitado polo Presidente Rueda, e do que foi relator o Conselleiro Maior, José Luis Costa Pillado: xustamente, a persoa que Feijóo propuxo en 2023 como maxistrado do Tribunal Constitucional. Uno di noi...
3. A negociación do Real Decreto de traspaso de competencias como condición de outorgamento de títulos de ocupación do DPMT
Á vista deste éxito de crítica e público da peli “La LOLGA, o el autonomismo verde bien entendido”, non é de estrañar que a Confederación de Empresarios de Galicia pida día si e día tamén que se culmine xa o traspaso de competencias do Estado a Galicia sobre o outorgamento de autorizacións e concesións en dominio público marítimo terrestre, traspaso que marcará a plena asunción pola Xunta das competencias executivas da Lei de Costas: a última fronteira para levar ao seu extremo a política de sanxenxización do litoral galego.
Non é de estrañar que a CEG pida día si e día tamén culminar xa o traspaso de competencias sobre o outorgamento de autorizacións e concesións en dominio público marítimo terrestre. A última fronteira para levar ao seu extremo a política de 'sanxenxización' do litoral galego
En efecto, a propia LOLGA condiciona a asunción do exercicio desta competencia “á publicación do real decreto de traspasos de funcións e servizos da Administración xeral do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia”, en similares termos aos traspasos xa realizados no ano 2022 a Canarias e Illes Balears.
O traspaso depende da negociación coa Administración Xeral do Estado: ese mesmo goberno ao que a Xunta ataca sen cesar. Non será unha negociación rápida nin doada. Mais ben ao contrario. Visto o apetito que a LOLGA levantou nas comunidades autónomas gobernadas pola dereita (Canarias, Valencia, Illes Balears), cuxo litoral se ve sometido a unha constante presión turística desde hai anos, o Estado fará ben en negociar restritivamente ese traspaso. A cantidade de ferramentas previstas pola LOLGA para explotar o litoral é tan variada e intensa, que necesitamos que o Estado aplique a súa tutela sobre o DPMT do punto de vista do principio de precaución ambiental e de transición climática. A defensa dun decrecemento litoral ambientalmente responsable no contexto do cambio climático debe recuperar o seu protagonismo.
Non pode esquecerse que a conservacionista Lei de Costas de 1988 segue a ser básica. O Estado retén a capacidade regulatoria dos usos permitidos ou excluídos na zona de dominio público-marítimo terrestre, e sigue conservando a potestade de controlar a correcta execución da Lei de 1988, mesmo a través da impugnación de licenzas urbanísticas e outros títulos de ocupación do solo que sexan incompatibles coa conservación sustentable do litoral, na liña do previsto polo artigo 20 da Lei estatal de Cambio Climático e Transición Enerxética. Por iso, do mesmo xeito que rexeitou o recurso presentado por Alfonso Rueda contra ese artigo na súa STC 90/2022, o Tribunal Constitucional anulou hai uns días a pretensión do Partido Popular de “legalizar” as construcións ilegais en DPMT cando pasasen 15 anos sen ningunha actuación tendente á súa depuración legal.
4. Unha bandeira vermella de perigo...ambiental
En consecuencia, a tensión entre o principio de precaución ambiental –que trascende o autogoberno (galego e español, e mesmo europeo), por ser un compromiso internacional–, e un uso neodesarrollista da LOLGA, seguirá estando presente cando se publique o Real Decreto de traspasos, e aquela entre plenamente en vigor. O propio voto particular da maxistrada María Luisa Balaguer incide amplamente nesta tensión. Merece a pena reproducir a súa última frase:
Dada a traxectoria do Partido Popular, a hipótese ben realista de que o potencial ambientalista da LOLGA resulte sacrificado no altar do populismo urbanístico e empresarial que levamos padecendo toda a vida neste país debe facernos extremar as precaucións
“En un contexto histórico en que no se puede negar la degradación ambiental del litoral español, y en que el cambio climático y sus efectos actuales ya permiten comprender que esa degradación se irá incrementando incluso sin mayor intervención humana y que el delineado de nuestras costas irá variando progresiva e inexorablemente, no es conveniente cualquier pronunciamiento del Tribunal Constitucional que permita albergar la más mínima duda sobre el compromiso con la preservación del medio ambiente, en defensa de los derechos básicos de las generaciones futuras, incluso aunque ese compromiso pueda entenderse en detrimento de la capacidad de autogobierno de las Comunidades Autónomas en la gestión de un litoral que no es exclusivamente suyo, sino del conjunto de la ciudadanía del Estado”.
Dada a traxectoria do Partido Popular, a hipótese ben realista de que o potencial ambientalista da LOLGA resulte sacrificado no altar do populismo urbanístico e empresarial que levamos padecendo toda a vida neste país, debe facernos extremar as precaucións. Por iso, cando entre en vigor, se non queremos asistir a unha xeralizada regresión ambiental, indo cara atrás coma os cangrexos, cómpre chantar unha bandeira vermella de perigo en todo o litoral galego.