Mércores 16 de novembro pola mañán.
Dous días despois do 20 aniversario do Prestige e da masiva manifestación en contra da xestión da sanidade pública na Comunidade Autónoma de Madrid, a Voz de Galicia, o xornal da Feliz Gobernación deste país, sorprendíanos cun titular de primeira capa fabricado con mestría polos estrategas do eixo Sabón-San Caetano.
Sabedores de que as tarifas do sector das autoestradas están vinculadas á evolución do IPC, a actualización do IPC interanual polo INE tras o mes de outubro forneceu un deses titulares estelares, dos que marcan a axenda política.
Ese mesmo día, Ana Pontón visitaba o Hospital de Monforte para reunirse con boa parte dos seus profisionais, nun momento en que a xestión sanitaria do PP está sendo claramente posta en entredito por amplas capas da cidadanía galega e española.
Porén, esa tarde do mércores 16 de novembro, a nota de prensa que encabezou a páxina web do BNG non foi a visita a Monforte da portavoz nacional. Foino a protesta do BNG contra a suba das peaxes da AP-9: o tema que La Voz puxera na axenda a primeira hora da mañán. A noticia da visita ao Hospital de Monforte pasou a un segundo plano.
Por suposto, o titular da Voz deu lugar á inmediata reacción do presidente encargado da Xunta, Alfonso Rueda, quen rapidamente marcou liña reclamando que o Estado pagara esa suba cos seus orzamentos. Unha liña dificilmente distinguible para o cidadán medio da liña marcada por Ana Pontón.
Máis unha vez, La Voz demostraba a súa capacidade para marcar a axenda política do BNG. Mais isto non é o relevante ou novidoso.
O importante é constatar que, tal e como ven acontecendo nos últimos tempos con reiteración, (a) La Voz de Galicia actuou como voceiro da táctica “aldraxista” deseñada polo Partido Popular de Galicia para combater electoralmente contra o goberno de coalición PSOE-Unidas Podemos e (b) o BNG, lonxe de reaxir dialecticamente, asume como propio este marco político da “aldraxe” de Madrid. Esta constatación ben merece unha reflexión de fondo.
Convén lembrar que este marco político non é unha creación do BNG. Ao contrario, surxiu durante a transición, a finais do 1979, cando o BNG ainda non existía. Foi un marco de mobilización política creado polas elites posfranquistas galegas contra o intento de reconducir a nosa autonomía lonxe do primeiro nível de autogoberno, o de Cataluña e Euskadi. Relatouno moi ben Marcos Pérez Pena hai xa dez anos.
Aquela mobilización foi un éxito. E o máis importante: deixou pegada na memoria colectiva. Por iso constitúe un marco ao que o Partido Popular de Galicia non ten inconveniente en acodir cando se trata de polarizar a tensión política cun Madrid ocupado polo inimigo político.
Así pasou en diversas ocasións, cando Fraga e Cuíña situaban o PPdG na fronteira da autodeterminación (1990, e 1993, respectivamente). As veleidades aldraxistas contra Madrid remataron de vez coa decapitación de Xosé Cuíña durante a crise do Prestige, tras este pretender utilizalas contra o propio goberno do PP, encabezado por José María Aznar. Coas cousas de comer e con Génova non se xoga.
Desde que en Madrid goberna o goberno de coalición PSOE-Unidas Podemos, a táctica da aldraxe converteuse pouco a pouco en predominante. Mesmo agudizouse coa marcha de Feijoo á primeira liña de Madrid
Desde que en Madrid goberna o goberno de coalición PSOE-Unidas Podemos, a táctica da aldraxe converteuse pouco a pouco en predominante. Mesmo agudizouse coa marcha de Feijoo á primeira liña de Madrid. E non é de estrañar, pois coa aldraxe, como coa matanza do porco, todo se aproveita.
Nunha democracia de mercado, sendo a política un combate dialéctico polo relato socialmente hexemónico, na actual coxuntura o da aldraxe fornécelle ao PPdG un marco de polarización fronte a Madrid con múltiples vantaxes colaterais: permítelle manter tensionadas as súas bases; dalle un chivo expiatorio ao que imputar as culpas da súa nefasta non-xestión; permite resolver as contradicións de ter Feijoo un discurso de oposición en Madrid e un de goberno en Galicia; introduce unha cuña entre unhas forzas da oposición condenadas a colaborar se queren ter poder; e, por último, non menos importante, permítelle usufrutuar –e desactivar– o tradicional traballo político reivindicativo do principal partido da oposición galega fronte a Madrid, o BNG, diluíndo o monopolio deste nas reinvidicacións “en clave de país”.
Dito doutro xeito, en termos ciclistas este relato fai que o BNG se sitúe “a roda” do PPdG. Máis en concreto, “a Rueda de Valenzuela”.
Grazas ao traballo conxunto con La Voz, o Partido Popular de Galicia rouboulle ao BNG o papel de vangarda no uso do aldraxismo-leninismo como táctica de mobilización política dos galegos e galegas. Costará recoñecelo; doerá; aparecerá a tentación de matar ao mensaxeiro: mais a política é implacable e os seus camiños, inescrutábeis.
As coincidencias de liña política que corroboran a percepción desta confusión de marcos poden constatarse, por exemplo, no reclamo de competencias sobre xestión e ordenación do litoral que fixo o BNG, coincidente no tempo coa proposta dunha nova lei de xestión e ordenación do litoral da Xunta que se pretende redixir en clave “autonomista”; na oposición á veda europea de pesca con artes de fondo en 87 zonas do Atlántico (aquí BNG, aquí Xunta-PP). Ou na falta de investimentos do Estado en infraestruturas (aquí BNG, aquí Xunta-PP). Non é, pois, unha coincidencia puntual. É unha pauta que vai condicionar todo o ano electoral que temos por diante, e mais intensamente se Rueda adianta as eleccións galegas do 2024 para que coincidan coas xerais de decembro de 2023, nas que Feijóo terá a que sexa a súa única oportunidade de chegar á Moncloa.
Se o BNG non se esforzar en modular a súa tradicional mensaxe, durante todo o ano 2023 seguiremos asistindo a estas coincidencias discursivas, cuxa reiteración pode ter consecuencias electorais negativas para todos aqueles que aspiramos a superar en 2024 a eutanasia perpetrada no noso país pola Feliz Gobernación dos últimos trece anos.
Afortunadamente, a axenda ideolóxica do BNG inclúe tamén outros marcos non menos importantes que o da aldraxe, que serven para facer oposición e lograr construír unha axenda propia
Así as cousas, semella imprescindible fuxir dese marco da aldraxe ou, cando menos (dada a consustancialidade ideolóxica co BNG), buscar a súa necesaria modulación. Para iso están os antídotos e os marcos alternativos.
Antídotos: Rueda non é máis que un encargado de Feijóo. E Feijóo segue a ser un presidente que, en trece anos, nunca quixo negociar unha soa competencia nova para o país; un presidente que se negou a ampliar o Estatuto de Autonomía. Que calou coma un peto cando Mariano Rajoy tivo mando en Madrid. Que apoiou a ampliación ilegal da AP-9 do ano 2000. Un presidente cuxo único obxectivo hoxe é lograr sobreviver a Isabel Díaz Ayuso e aproveitar o único intento que vai ter de chegar á Moncloa, baixo o eslogan España, España, España.
Marcos alternativos: afortunadamente, a axenda ideolóxica do BNG inclúe tamén outros marcos non menos importantes que o da aldraxe, que serven para facer oposición e lograr construír unha axenda propia: os eixos da igualdade social, da oposición ao desmantelamento dos servizos públicos, da descarbonización da economía galega, da sustentabilidade ambiental, de estreitamento dos lazos con Portugal, de dignificación da identidade cultural do país, e un longo etcétera.
Hai, pois, moita marxe para evitar coincidir nos temos e nas mensaxes co Partido Popular, mesmo mantendo o apego ás consignas acuñadas no Frontón de Riazor hai corenta anos. Se hai ambición de gañar a carreira, o que cómpre é esquecer o ciclismo “de pinganillo”. Hai que saír da zona de confort, ter confianza nas propias forzas, abandonar a roda, e atacar.