Agás sorpresa maiúscula, o vindeiro xullo a Xunta fará 15 anos sen recibir novas competencias transferidas dende o Estado. Foi no verán de 2008 cando o Executivo galego de PSOE e BNG e o Goberno de España do PSOE asinaron o traspaso das xestión en materia de asociacións, do hospital da Defensa de Ferrol e do Parque das Illas Atlánticas.
Dende aquela, batéronse todos os récords na historia da autonomía no que á paralización no avance do autogoberno se refire. Por primeira vez, Galicia rexistrou tres lexislaturas consecutivas sen lograr competencia ningunha e mesmo por primeira vez un presidente da Xunta abandonou o cargo sen completar un só traspaso.
Con este pano de fondo e ás portas do novo ciclo electoral, a portavoz nacional do BNG vén de lanzar a reclamación de 35 competencias que considera prioritarias para "mellorar a vida das galegas e galegos". Aformación disponse a reclamalos nos parlamentos onde ten representación dentro dunha "ofensiva política" para "dispoñer de máis ferramentas para impulsar o desenvolvemento do país", tamén no eido económico.
O control do tráfico que implicaría despregar a Policía galega, salvamento marítimo, ordenación do litoral ou bolsas de estudo inclúense nos traspasos que o BNG reclama porque, sinala, defender "un novo status político de nación non impide avanzar no autogoberno pola vía das transferencias"
Que o Bloque defenda "un novo status político de nación para Galiza" con "institucións máis fortes" e un novo financiamento, defende Ana Pontón, "non impide avanzar no autogoberno pola vía das transferencias". Refírese tanto as contempladas no Estatuto e pendentes de transferir como as que poidan chegar a través do artigo 150.2 da Constitución -reclamación a través dunha lei no Parlamento que despois vai ao Congreso e se negocia co Estado-.
Neste contexto, este luns Pontón presentaba xunto ao deputado Luís Bará ese "paquete de 35 competencias" que, en boa medida, cadran coas priorizadas polo Goberno de coalición (2005-09) e co paquete de 70 traspasos acordados por unanimidade no Parlamento hai máis dunha década. Agrúpanas en sete áreas: territorio e infraestruturas, laboral e asistencia sanitaria, educación, sectores produtivos, enerxía, institucións e cultura e lingua e patrimonio.
A autoestrada AP-9 (cuxa transferencia segue avanzando con lentitude no Congreso) e a AP-53, pero tamén portos, salvamento marítimo ou ordenación do litoral fan parte dunha reclamación de competencias na que o BNG inclúe tamén a de control do tráfico, que implicaría despregar a policía galega creada por lei en 2007 e que logrou apoios unánimes ata que, o pasado 2021, o PP decidiu bloqueala de vez entre protestas de gardas civís e presións da extrema dereita. "A competencia de tráfico acaba de ser transferida a Navarra, Euskadi e Cataluña hai décadas que a teñen; por que se lle nega a Galiza?", pregúntase a líder do Bloque.
O Bloque lembra que Rueda censurou como escaso que o Goberno de coalición PSdeG-BNG só lograse "14 traspasiños". Década e media despois "o balance é cero competencias novas"
Inspección de traballo e da Seguridade Social, a formación ocupacional, as bolsas de estudo, inspección pesqueira, paradores de turismo, institucións penitenciarias, arquivos ou fomento da industria cinematográfica son outras das competencias incluídas nunha "proposta ambiciosa". Persegue, di Pontón, "máis benestar, máis desenvolvemento económico e máis cohesión territorial".
Así o defendía tamén en 2009 o actual presidente da Xunta, lembra o Bloque. Recorda tamén que Alfonso Rueda, daquela como número dous de Alberto Núñez Feijóo, reprochaba a PSdeG e BNG que conseguiran "14 traspasiños de asuntos menores". Agora, subliñan Pontón e Bará, o "balance" década e media despois é "cero competencias novas".