Do tren á policía: a Xunta redobra as esixencias ao Estado sobre competencias que renunciou a ter

Vehículos da Policía Nacional e da unidade deste corpo adscrita á Xunta, na estación ferroviaria de Santiago durante un control pola COVID-19 en decembro de 2020 © Delegación do Goberno de España en Galicia

Galicia vai camiño de cumprir quince anos sen recibir ningún traspaso de competencias. Agás sorpresa maiúscula iso será o que suceda o vindeiro xullo, cando xa haberá década e media da sinatura dos últimos: a xestión en materia de asociacións, do hospital da Defensa de Ferrol e do Parque das Illas Atlánticas. Daquela da banda estatal sentaba o Goberno do PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero e pola parte galega, o Executivo de coalición de PSdeG e BNG.

Neste tempo, o país xa cubriu diversos fitos no que a parálise no avance do autogoberno se refire. Por primeira vez, as competencias non avanzaron en tres lexislaturas consecutivas. Por primeira vez, un presidente da Xunta abandonou o cargo sen completar un só traspaso. E, mentres, o Goberno galego agora presidido por Alfonso Rueda redobra as esixencias ao Estado, ao Goberno do PSOE e Unidas Podemos, sobre algunhas das competencias que renunciou a ter. É o caso da policía ou do tren de proximidade.

Nos últimos meses, o Goberno galego vén poñendo o foco na carencia de efectivos do que denomina "Policía Autonómica", isto é, a Unidade da Policía Nacional adscrita á Xunta (UPA) nos anos 90 para protexer as súas instalacións e autoridades. Co paso dos anos, foi adquirindo competencias en materia medioambiental, de loita contra o furtivismo ou de protección de menores e vítimas de violencia machista, entre outras. A UPA está concibida para ter 500 efectivos que nunca acadou e, tras oito anos de diminucións, finalizou 2022 con 364, segundo datos da Vicepresidencia Segunda, departamento do que depende. 

A Xunta pon o foco na escaseza de efectivos na Unidade de Policía Adscrita, que ía ser substituída por un corpo policial galego integral ao abeiro da lei de 2007, a cal requiría dun traspaso de competencias ao que o PP bloqueou ante as críticas de gardas civís e da extrema dereita

Dende o ano 2007 Galicia conta cunha Lei de Policía concibida para constituír un corpo integral de Polícia galega que substituíse a UPA, asumise as encomendadas pola lexislación estatal ás policías autonómicas e outras novas ata agora exercidas pola Policía Nacional e a Garda Civil. Entre as máis relevantes, a "vixilancia e control do tráfico nas vías interurbanas", o que requiriría dun traspaso de competencias por parte do Estado. 

Este traspaso foi reclamado en 2008 por unanimidade do Parlamento pola vía da aprobación dunha lei para o seu debate no Congreso. En 2010 chegou o momento de votala, pero a delegación do lexislativo galego (PP, PSdeG, BNG) bateu co "non" do PSOE -daquela, gobernante con Zapatero- pero tamén coa abstención do PP, que tiña votos dabondo para desequilibrar a votación a prol do "si"..

Vehículos da Unidade de Policía Adscrita (UPA) á Xunta, na Mariña da Coruña CC-BY-SA Xunta

En 2019, cando o PP de Rajoy xa perdera o Goberno, o PP dixo estar disposto a volver reclamar as competencias de tráfico para a Xunta, o que implicaría despregar a Policía galega. Nesta liña, abstívose cando o PSdeG presentou unha proposición de lei neste sentido -que decaeu pola fin da lexislatura galega- e volveu facer o mesmo cando en 2021 o BNG volveu lanzar o traspaso. Esta última aceptación durou escasos días, o que tardaron en inchar as críticas de colectivos de gardas civís e da extrema dereita ao que consideraban unha expulsión do Instituto Armado de territorio galego, momento no cal os populares a bloquearon.

O esquecido Ente Ferroviario Galego

Nos últimos días a Xunta intensificou as peticións ao Estado sobre o tren Ferrol-Ribadeo, que sería xestionado polo Ente Ferroviario Galego que Feijóo prometeu se o proxecto non fose abandonado

Esta renuncia a obter as competencias de tráfico antes de bater cunha eventual negativa ou atranco por parte do Goberno de España é semellante á realizada pola Xunta noutro dos eidos de máis frecuente disputa co Estado. Cando menos, sempre que a cor política do Executivo estatal non cadra coa do galego: o transporte ferroviario.

Nos últimos días, aproveitando a controversia polo atraso na encarga de novas unidades de trens de ancho métrico -a antiga Feve- para Asturias e Cantabria por mor da inclusión de medidas erróneas nos contratos, a Xunta presentou a Galicia como "unha das comunidades prexudicadas por ese contrato falido" -a liña Ferrol-Ribadeo non está electrificada e, polo tanto, eses trens non poderían ser usados nela-. A través da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, o Executivo de Rueda reclamou billetes de balde na liña como os que haberá para os treitos asturiano e cántabro, tamén porque "en 2018 Renfe nos confirmou un plan de actuacións para a renovación dos trens, que era causa das principais incidencias na liña Ferrol-Ribadeo".

Promesa do Ente Ferroviario Galego no programa do PP en 2009 e recortes de comunicados da Xunta con anuncios ao respecto en 2010 CC-BY-NC-SA Praza.gal

Esa liña de ancho métrico ou vía estreita, un tren de proximidade, é das historicamente concibidas para ser traspasadas ás comunidades autónomas. É, tamén, unha das que ía asumir o Ente Ferroviario Galego que o PP de Feijóo prometeu no seu programa electoral de 2009 e cuxa creación anunciou en varias ocasións xa como presidente. Entre as súas competencias, anunciara o ex-presidente, ía estar tamén planificar e xestionar liñas de metro lixeiro en Vigo, na Coruña e en Santiago.

En 2021 os populares rexeitaron no Parlamento retomar o Ente Ferroviario Galego e propuxeron subtituílo por un paquete de peticións ao Goberno de España do PSOE e UP

Como informou Praza.gal, o Goberno de Feijóo chegou a adxudicar provisionalmente á empresa estatal Ineco en 2010 un contrato de 159.003 euros para "elaborar o proxecto de lei" de creación do Ente Ferroviario Galego. Unha vez creado, o seu funcionamento efectivo dependería en boa medida das transferencias do Estado, con independencia das novas liñas ferroviarias de proximidade que, no seu caso, puidese decidir trazar a propia Xunta.

No ano 2011 o PP de Rajoy gañou as eleccións xerais por maioría absoluta e a principios de 2012 tomou posesión do Goberno de España. Neses meses, a promesa do Ente Ferroviario Galego quedou aparcada e as reivindicacións da Xunta ao respecto, esquecidas. A finais de 2021, o BNG formulou no Parlamento unha iniciativa que reclamaba retomalo xa en 2022. O PP rexeitouna e propuxo remudala por un paquete de demandas ao Goberno do PSOE e Unidas Podemos na materia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.