As caídas dos ex-directores de Seguridade de Adif e Renfe chegaron 5 e 8 anos despois do sinistro do Alvia, mentres que en só un mes un erro de deseño aínda non executado xa custou a cabeza da secretaria de Estado, o presidente de Renfe e dous cargos intermedios
A finais de xaneiro o diario asturiano El Comercio deu conta da demora na entrega de varios trens para as liñas de ancho métrico -a antiga FEVE- de Asturias e Cantabria “por unha confusión nas súas dimensións”. Os trens aínda non pasaran da fase de deseño, pero a polémica a nivel estatal que se xerou, con limitadas repercusións en Galicia polo obsoleta da liña Ferrol-Ribadeo, fixo que menos dun mes despois xa dimitisen ou fosen cesadas catro persoas, entre elas a número 2 do ministerio de Transportes, a secretaria de Estado lucense Isabel Pardo de Vera.
O resultado contrasta coas limitadas responsabilidades políticas asumidas ou esixidas tras o accidente de Angrois de hai dez anos, con 80 mortes e 140 persoas feridas. Só supuxo a caída anos despois de dous cargos de Adif e Renfe.
Tras coñecerse os problemas de deseño polo ancho dos trens, a comezos de febreiro Adif e Renfe cesaron a dous cargos intermedios: un xefe de inspección na empresa pública xestora das liñas e un xestor de material na operadora ferroviaria. Pero nin o PP nin algúns medios de comunicación deixaron de empregar a polémica para reclamar a caída de cabezas máis altas. Mesmo a Xunta e o PPdeG sumáronse ata este mesmo luns á petición de responsabilidades pola “chapuza”, malia a limitada repercusión do caso en Galicia -un efecto dominó podería facilitar a chegada de material rodante mellor desde outras comunidades onde sexa substituído polos trens agora pendentes-.
Finalmente este luns o caso acabou custando o cargo a Pardo de Vera, secretaria de Estado de Transportes desde xullo de 2021, antes presidenta de Adif desde xuño de 2018 e antes mesmo alto cargo desa mesma empresa pública coa ministra popular Ana Pastor á fronte do daquela Ministerio de Fomento -mesmo traballou un tempo para a Deputación de Pontevedra ás ordes do BNG-. Con Pardo de Vera, figura relevante para o remate final do AVE entre Galicia e a Meseta, caeu tamén o presidente de Renfe desde 2018, Isaías Táboas, histórico alto cargo de diversos gobernos socialistas e membro do Partido Socialista Catalán (PSC). No seu lugar serán nomeados como secretario de Estado David Lucas, ata agora secretario xeral de Vivenda, e como presidente de Renfe Raül Blanco, ata decembro secretario xeral de Industria e catalán como Táboas.
Por Angrois o director de Seguridade de Renfe non dimitiu ata que foi imputado, e o de Adif ata 2021, cando se abriu xuízo contra el e o fiscal pediulle catro anos de cadea
Fronte a estes ceses ou dimisións, tras o accidente de Angrois o daquela Goberno central do PP, con Ana Pastor como ministra, evitou depurar responsabilidades políticas e defendeu os seus cargos intermedios poñendo o foco só na suposta culpa do maquinista do tren Alvia, que non freou a tempo antes da curva de Angrois, e non na falta de medidas de seguridade que evitasen ou paliasen ese previsible erro humano. Por esa falta de medidas está hoxe acusado ao mesmo nivel que o condutor no xuízo que se está a celebrar en Santiago un ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte. Pero nin sequera a súa saída dos cargos de libre designación política que seguiu ocupando foi unha cuestión rápida.
De feito, Cortabitarte, no cargo tanto co PSOE como co PP, non foi a primeira persoa que dimitiu polo accidente de Angrois. A primeira caída de alguén relacionado co sinistro non chegou ata cinco anos despois, tras mudar o Goberno de España a mans socialistas, cando en setembro de 2018 dimitiu o ata daquela e xa desde antes do accidente director de Seguridade na Circulación de Renfe, Antonio Lanchares. Non o destituíron senón que dimitiu el, segundo comunicou o propio ministerio, cando foi imputado polo xuíz instrutor do caso. Esa imputación levantaríase posteriormente e no xuízo que agora se está a celebrar compareceu xa só como testemuña.
Pardo de Vera chegou a xustificar ante as vítimas que non destituía o cargo de Adif acusado por Angrois porque non houbera intencionalidade no accidente, mentres que, malia non rematar aínda o xuízo, "desde logo, o maquinista tivo culpa"
Terían que pasar oito anos do accidente, ata o remate da instrución e a apertura de xuízo oral contra el, coa Fiscalía pedíndolle catro anos de cadea, para que en maio de 2021 tamén Cortabitarte dimitise do cargo a dedo ou de libre designación que seguía ocupando dentro de Adif. Porque dimisión por decisión persoal e non destitución foi novamente como o presentaron o Ministerio de Transportes e Adif.
En xuño de 2019, un ano despois da dimisión de Lanchares e dous antes da de Cortabitarte, cando este último xa era o único foco da investigación penal ademais do maquinista, a plataforma de vítimas do accidente insistiu en pedir a súa destitución nunha reunión con Pardo de Vera, daquela presidenta de Adif. Segundo confirmaron a Praza.gal fontes oficiais da empresa pública, esta rexeitouno co argumento de que non houbera intencionalidade no accidente por parte de Cortabitarte, que como o maquinista só está acusado por imprudencia.
De feito, o pasado xaneiro Pardo de Vera insistía en poñer o foco no maquinista nunha entrevista na TVG na que apelaba a non facer declaracións sobre Angrois co xuízo aínda sen resolverse pero engadía que "desde logo, o maquinista tivo culpa".
Case catro anos máis tarde agora quen dimite tras a polémica do deseño dos trens aínda non construídos é a propia Pardo de Vera, mentres a plataforma de vítimas de Angrois segue reclamando responsabilidades políticas polo accidente que deixou 80 mortes e 140 persoas feridas.