Andrés Cortabitarte, para quen o fiscal vén de pedir catro anos de cadea, xa non era responsable de Seguridade, pero seguiu todo este tempo nun posto de libre designación e agora volverá ser técnico de base á espera do xuízo
Case oito anos despois do accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013 no que morreron 80 persoas vén de producirse a segunda dimisión derivada do sinistro en todo este tempo, novamente dun cargo técnico de libre designación. Tras o remate da instrución xudicial, Andrés Cortabitarte, que foi Director de Seguridade na Circulación de Adif, vén de ser acusado polo fiscal de homicidios por imprudencia ao mesmo nivel que o maquinista, cargos polos que pide catro anos de cadea.
Cortabitarte xa non ocupaba o posto polo que está encausado polo accidente senón outro inferior pero igualmente de libre designación, e segundo avanzou este xoves La Voz de Galicia e confirman fontes de Adif agora volverá ao seu posto técnico de base.
A primeira dimisión tras o accidente produciuse en setembro de 2018, cando renunciou ao seu posto quen seguira sendo Director de Seguridade na Circulación de Renfe, Antonio Lanchares, imputado na instrución xudicial un ano antes. Lanchares fora quen solicitara a desconexión a bordo do tren Alvia do sistema de control constante da velocidade ERTMS, pero co avance da instrución xudicial foi desimputado e a investigación se centrou en quen autorizou finalmente esa desconexión, Cortabitarte, por non avaliar o risco que existía na curva de Angrois dun despiste do maquinista en ausencia de sistemas automáticos que evitasen un exceso de velocidade.
A dimisión de Lanchares, agora libre de cargos e que en 2014 confesara no Congreso sentirse "fracasado", produciuse en 2018 un ano máis tarde da súa imputación e xusto despois dunha reunión entre a plataforma de vítimas do sinistro e o ministro de Transportes, José Luis Ábalos, na que lle reclamaron o cesamento dos postos de libre designación que seguían ocupando os dous cargos de Renfe e Adif. A diferencia de Lanchares que seguía no cargo de máximo responsable da seguridade de Renfe, Cortabitarte deixara un par de meses antes do accidente ese mesmo posto en Adif desde o que dera por válida a seguridade da liña de AVE Ourense-Santiago. Pero durante todo este tempo foi recolocado en varios postos inferiores igualmente de libre designación.
“Sufrín por verme involucrado como un dos presuntos responsables dun accidente no que non tiven ningunha responsabilidade”, dixo Cortabitarte
Desde o ministerio argumentouse que os novos cometidos de Cortabitarte en áreas loxísticas nada tiñan que ver coa seguridade e que non se podía despedir a un traballador público. Pola súa banda, a plataforma de vítimas insistía en que iso non impedía que se lle retirase o posto de libre designación e volvese ao seu posto base.
Durante as súas declaracións tanto no xulgado como na comisión de investigación política creada pero non rematada no Congreso Cortabitarte sempre negou recibir presións políticas para tomar as decisións que tomou. Na súa comparecencia no Congreso en 2018 tamén dixo que malia que a dor das vítimas “en absoluto é comparable”, a el lle “doe” que estas poñan “o foco” na súa persoa: “Sufrín por verme involucrado como un dos presuntos responsables dun accidente no que non tiven ningunha responsabilidade”, dixo.