Nos últimos días coñeceuse o grave erro cometido por Renfe á hora de encargar á empresa CAF 31 novos trens (26 eléctricos e 5 híbridos) de ancho métrico para mellorar o servizo destas liñas, localizadas principalmente no norte do Estado, entre Galicia e Euskadi. A empresa proporcionou incorrectamente os datos do gálibo, os fornecidos polo Adif, polo que os vehículos non poderían pasar polos túneis, o que agora obrigará ao redeseño dos trens, que aínda non foran construídos, incrementando un pouco o custo do contrato (inicialmente orzamentado en 258 millóns de euros) e, sobre todo, provocará un importante atraso na súa entrega, importante para a modernización dunha flota xa obsoleta.
O grave erro non afecta a Galicia; dado que o trazado Ferrol-Ribadeo non está electrificado, dos 31 trens encargados só os 5 híbridos poderían dar servizo nesta liña e o máis probable é que tamén se destinen a Asturias e Cantabria
Afecta esta grave equivocación á liña galega de ancho métrico que une Ferrol e Ribadeo? En realidade, de forma pouco importante, pois debido ás propias deficiencias do trazado en Galicia, non electrificado, a maior parte das unidades encargadas non ían ter como destino a liña Ferrol-Ribadeo, que só se podería beneficiar nalgún momento dos 5 trens híbridos (con tracción diesel-eléctrica seleccionable), "aínda que o sentido común indica que estas tamén deberían prestar servizo en comunidades que posúen mestura de trazados electrificados e non electrificados", explica a Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo.
Asturias e Cantabria son as únicas comunidades autónomas que si teñen electrificadas as súas liñas de ancho métrico e, polo tanto, serían as principais beneficiarias do contrato (e, en consecuencia, son as maiores prexudicadas polo erro).
A Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo considera que o erro cometido é coherente co deficiente trato "que Renfe, Adif e o Ministerio dan aos servizos ferroviarios de ancho métrico"
A Plataforma difundiu unha nota de prensa na que explica os efectos en Galicia do sucedido, na que conclúe que "este contrato non viña a solucionar os problemas de fiabilidade da liña Ferrol-Ribadeo". Con todo, considera que o erro cometido é coherente co deficiente trato que Renfe, Adif e o Ministerio dan aos servizos ferroviarios de ancho métrico. "Por que se o tema en cuestión fosen as unidades Avril de Talgo de Alta Velocidade, Renfe, Adif, Ministerio e Xunta estarían pendentes a diario da súa entrega, e pola contra adoptan este pasotismo coas de ancho métrico? Somos cidadáns de segunda ou terceira categoría?", pregúntase o colectivo.
Os principais problemas da liña do antigo FEVE non están nos trens empregados, relativamente novos (2009-11), senón no mantemento destas unidades
A Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo aproveita para explicar a situación das infraestruturas na liña galega e as súas principais necesidades, que levan anos poñendo enriba da mesa. Os principais problemas da liña do antigo FEVE non están nos trens empregados, relativamente novos (2009-11), senón no mantemento destas unidades, polo que a entidade reclama "adscribir unidades fixas aos talleres de Ferrol, evitando as rotacións entre bases e aumentando o coñecemento dos talleres sobre as unidades a manter".
A liña entre Ferrol e Xixón celebrou recentemente o seu 50 aniversario, cunha xestión marcada polo desleixo e o abandono nas últimas décadas, a pesar das demandas de concellos e colectivos, ficando o norte de Galicia ausente dos plans para implantar servizos ferroviarios de proximidade.
A Plataforma pide "dotar os talleres de Ferrol dos medios técnicos e humanos necesarios para poder realizar todo tipo de reparacións sen desprazamentos actuais a Asturias ou Cantabria"
Tamén, neste senso, pide "dotar aos talleres de Ferrol dos medios técnicos e humanos necesarios para poder realizar todo tipo de reparacións sen desprazamentos actuais a Asturias ou Cantabria" ademais dun "parque de recambios suficiente para o mantemento das unidades adscritas". Finalmente, reclama a "creación dunha quenda nocturno nos talleres que permita a reparación de unidades, en momentos que non se prestan servizos aos viaxeiros".
A entidade denuncia que na actualidade hai unidades que "botan máis de 12 meses apartadas sen reparar", o que "unido ao número de incidencias máis leves, provocan supresións e retrasos habitualmente". Nesta liña son habituais os problemas na maquinaria, como por exemplo o incendio sufrido no motor dun tren en Narón hai dous anos.
A entidade denuncia que na actualidade hai unidades que "botan máis de 12 meses apartadas sen reparar", o que "unido ao número de incidencias máis leves, provocan supresións e retrasos habitualmente"
Así mesmo, a Plataforma volve demandar solucións para os restantes problemas que sofre a liña, comezando pola "cobertura dos postos vacantes de interventores", o que provoca que diariamente circulen multitude de servizos sen intervención, o que impide que moita xente pague o seu billete e, ademais, falsea as estatísticas, polo que o número de viaxeiros oficiais é inferior ás cifras reais. Neste senso, propón tamén a posta en funcionamento de máquinas de venda de billetes.
Tamén reclama "unha ferramenta (megafonía, app...) que en tempo real indique a situación do servizo e avise das posibles incidencias e solucións". "As persoas usuarias non poden quedar tiradas a súa sorte nos apeadeiros e estacións sin saber o que ocorre, sobre todo ante unha incidencia ou atraso", indica a Plataforma.