O pasado luns, a decena de persoas que viaxaban nun tren de proximidade á altura de Piñeiros (Narón) a primeiras horas da mañá tiveron que ser desaloxados a causa dun incendio nos baixos da locomotora. O lume foi sufocado rapidamente e non provocou danos persoais.
Todo apunta a que este incidente nunha máquina non especialmente antiga tivo carácter fortuíto, pero volve poñer o foco no tren de proximidade como materia pendente
Segundo as primeiras pescudas dos Bombeiros de Narón, todo apunta a "un chispazo externo, provocado por unha pedra na vía" como causa máis probable do incidente nunha máquina que non é especialmente antiga. Así e todo, este enésimo problema na antiga Feve -apenas dúas semanas despois doutro pequeno incendio noutro en Ribadeo, aquel sufocado polo propio maquinista- volve poñer o foco no abandono que, historicamente, vén sufrindo o máis semellante a unha rede ferroviaria de proximidade que existe en Galicia.
No caso concreto de Narón, Emerxencias explica que foi persoal do Adif o que, contra as oito e media da mañá, comunicou ao 112 o incidente, tras detectar o condutor do tren que había "fume por baixo" da máquina no apeadoiro do Ponto (Xubia). Emerxencias contactou co maquinista, que confirmou que "ninguén resultara ferido" por un lume que, así e todo, obrigou a "interromper a circulación férrea".
Foi contra as dez e media da mañá cando a circulación quedou restablecida. Mentres, confirmou Adif o corte da vía atinxiu a catro trens, cuxa pasaxe tivo que ser trasladada en autobús.
- PARA SABER MÁIS Avril, ancho UIC, Cerdedo, Taboadela, Corredor Atlántico: de que se fala cando se mira máis alá do AVE
Mentres que no eixo Ferrol-Narón a antiga Feve circula practicamente unha vez por hora, os servizos esmorecen canto máis ao leste tras anos de progresivo abandono
Alén do carácter fortuíto deste episodio concreto, persoas usuarias e tamén algunhas voces no ámbito político interpretaron o suceso como unha mostra máis do desleixo en torno a un servizo ferroviario que, atendendo aos Orzamentos Xerais do Estado, debería experimentar melloras nos vindeiros tempos, algunhas xa en marcha. Así, mentres que no eixo Ferrol-Narón (o máis poboado), a antiga Feve circula practicamente unha vez por hora, os servizos esmorecen canto máis ao leste, cara á Mariña, tras anos de progresivo abandono.
No eido político, este martes o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinalaba o incidente no Feve naronés como mostra da necesidade de "investimentos para modernizar" o tren de proximidade galego. Nas semanas previas, o Bloque reiterara a súa xa antiga petición de que se cree nas principais cidades galegas un servizo de proximidade ferroviaria que actúe como verdadeira alternativa aos transportes en vehículo privado.