Ao igual que xa está a facer entre Tui e Valença, Adif licita un sistema automático de detección de trens para o treito Ferrol-Ortigueira e prevé instalalo tamén antes de 2024 ata Asturias na última liña galega que aínda contaba co sistema máis obsoleto
A liña ferroviaria de vía estreita entre Ferrol e Asturias, a antiga Feve, é a última de Galicia que segue a contar co teléfono como sistema de seguridade para evitar que dous trens poidan chocar entre eles cando circulan entre dúas estacións. Cos traballos de mellora xa encargados no pequeno treito internacional Tui-Valença, ou outro galego que aínda tiña o sistema máis obsoleto de toda a rede ferroviaria estatal, o Consello de Ministros autorizou este venres a Fomento, a través de Adif, a licitar un contrato de 14 millóns de euros e 14 meses de prazo para substituílo no treito Ferrol-Ortigueira por outro automático que reduza o risco de erro humano. A mellora forma parte dun plan de actuación xeral de Adif que prevé eliminar o denominado bloqueo telefónico de todas as liñas que aínda o teñen antes de 2024, o que inclúe tamén o seguinte treito Ortigueira-Ribadeo.
O denominado Bloqueo Telefónico consiste en que os responsables de circulación de dúas estacións contiguas se informan a través dese sistema de se hai algún tren xa circulando entre elas, para evitar que así outro poida entrar no mesmo treito da liña, denominado cantón, e colidir co primeiro. Ese sistema hai anos que xa non está presente na maioría da rede ferroviaria estatal, tampouco en Galicia, substituído por outros electrónicos que detectan de xeito automático se xa hai algún tren circulando entre dúas estacións determinada e impiden que ningún outro convoi poida entrar nese treito. Pero o Bloqueo Telefónico seguía a ser ata agora o sistema de seguridade para evitar choques entre trens existente tanto entre Tui e Valença como entre Ferrol e a localidade asturiana de Cudillero, así como na maioría da rede de ancho métrico da cornixa cantábrica. Un sistema que Adif pretende eliminar de toda a súa rede antes de 2024.
Adif tamén mellorará o sistema de sinalización da liña para os maquinistas suprimindo o que non foi quen de evitar o accidente de tren do Porriño de 2016, medida a aplicar en toda a rede que vén acumulando sucesivos atrasos
Se o pasado xaneiro o Consello de Ministros autorizaba a licitación da substitución do Bloqueo Telefónico entre Tui e Valença, agora faino para o treito Ferrol-Ortigueira, o que conta con máis tráfico na antiga liña de Feve. Alí instalará un novo sistema automático de bloqueo de trens que estará centralizado no posto de control da liña existente en Asturias. Xunto coa substitución dese sistema, Adif tamén mellorará o sistema de sinalización da liña para os maquinistas pasando do denominado ASFA analóxico, sistema que non foi quen de evitar o accidente de tren do Porriño de 2016 no que morreron catro persoas, polo ASFA dixital. Unha mellora que se está a aplicar en toda a rede ferroviaria estatal pero que vén acumulando sucesivos atrasos.