A 'número 2' do Ministerio de Transportes di non facer valoracións sobre Angrois pero "desde logo, o maquinista tivo culpa"

Isabel Pardo de Vera, secretaria de Estado de Transportes, no programa Conexión Galicia da TVG2 © Imaxe da TVG2

A secretaria de Estado galega Isabel Pardo de Vera asegura que “desde Adif, e tamén Renfe, proporcionamos todos os datos que se debían proporcionar”, o que contradín varios apercibimentos do xuíz instrutor

Isabel Pardo de Vera, secretaria de Estado galega do Ministerio de Transportes, foi entrevistada este luns no programa Conexión Galicia, da TVG2, no que participan xornalistas galegos que traballan nesa capital. Ademais das xa habituais preguntas polas demoras das infraestruturas, Pardo de Vera tamén foi inquirida polo xuízo do accidente de Angrois que se está a celebrar en Santiago. 

Segundo dixo, non quere “facer xuízos de valor” a respecto do ocorrido no sinistro. Pero ao tempo aseverou que “desde logo que o maquinista tivo a culpa”, poñendo así en cuestión a presunción de inocencia do condutor do tren Alvia, Francisco José Garzón, que está acusado no proceso xudicial ao mesmo nivel que o ex-director de Seguridade de Adif Andrés Cortabitarte.

O cargo de Adif acusado ao mesmo nivel que o maquinista no xuízo de Angrois © Óscar Corral

Pardo de Vera, que foi alto cargo de Adif co PP antes de ser a número 2 do ministerio co PSOE, foi preguntada polo xuízo de Angrois polo director de infoLibre, Daniel Basteiro, que xunto con Praza.gal vén informando das manobras do anterior goberno popular e da ex-ministra Ana Pastor en defensa da versión oficial que apuntou en exclusiva ao maquinista. O xornalista preguntou pola imaxe que está a trasladar a alta velocidade e as infraestruturas españolas co xuízo e esas actuacións do anterior executivo, pero a política obviou a cuestión.

Fronte a afirmación de Pardo de Vera, Adif chegou a admitir que tardou tres anos en enviar ao xulgado "documentos relevantes" por "erro"

Pardo de Vera asegurou que “o xuízo o vivimos no ministerio e nas empresas con moita dor porque é un accidente histórico”. Segundo dixo, ten “absoluto respecto ás responsabilidades que se diriman” nun proceso “complexo” no que lle resulta “moi difícil” facer xuízos de valor cos seus “coñecementos” do sistema ferroviario”. A secretaria de Estado rexeitou facer esas valoracións, pero deu por feito que “desde logo que o maquinista tivo culpa”, algo que cuestionan diversos expertos comparecentes no xuízo. Pardo de Vera mesmo engadiu a continuación unha frase que non explicou: “Ás veces hai conflitos de intereses”.

Quen foi presidenta de Adif xa co PSOE e antes alto cargo da empresa pública co PP tamén asegurou que “desde Adif, e tamén Renfe, proporcionamos todos os datos que se debían proporcionar” á xustiza. Porén, ao longo da instrución xudicial do accidente son varios os autos xudiciais que apercibiron ás dúas empresas públicas por demorar ou ocultar información relevante. A propia Adif chegou a admitir nun escrito que tardou tres anos en enviar ao xulgado “documentos relevantes”, como os denominou ela mesma, “por erro”.

Escrito de Adif dicindo que “omitira por erro” durante máis de tres anos “documentos relevantes” CC-BY-SA Praza Pública

A entrevista con Pardo de Vera tamén permitiu un intuír unha posible nova demora na posta en servizo dos trens Avril que levarán os actuais servizos AVE Madrid-Ourense ao resto de cidades galegas. Pendentes do proceso de homologación que aínda está a realizar a súa empresa construtora, Talgo, poderían non estar en funcionamento ata o verán. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.