Comezan as comparecencias dos técnicos aos que a xustiza encargou analizar de xeito independente o accidente, dous deles elixidos polo Goberno galego cun procedemento do que non quedou constancia administrativa
Tras case un mes sen sesións polo nadal retómase esta semana o xuízo polo accidente de Angrois coa comparecencia de tres peritos clave, os encargados respectivamente de analizar o tren, as vías e os sistemas de seguridade a petición do xuíz instrutor. Fronte aos diversos peritos e testemuñas elixidos polas partes, que veñen ofrecendo visións dispares sobre a responsabilidade dos dous acusados -o maquinista do tren e un ex-cargo de Adif-, os peritos nomeados directamente pola xustiza deben ter unha maior garantía de imparcialidade. Un dos deste caso foi elixido por sorteo de entre os tres mellores profesionais propostos polo seu colexio oficial de enxeñaría, pero os outros dous peritos foron elixidos pola Xunta de entre o seu propio funcionariado malia non seren expertos en materia ferroviaria.
Esa designación por parte do Goberno galego xa era coñecida e vén sendo criticada por varias partes comparecentes na causa, en especial pola plataforma de vítimas do sinistro, que censuran que un dos dous peritos da Xunta -a peritaxe do outro non resultou tan relevante- asumise as teses de Adif e confrontase co terceiro máis independente que culpa a esa empresa pública. Pero agora, tras unha petición oficial ao amparo da lei de transparencia, este diario vén de comprobar que non quedou constancia administrativa do procedemento seguido pola Xunta para elixir aos dous funcionarios en cuestión e non a outros.
Tras o accidente do 24 de xullo de 2013 o primeiro xuíz instrutor do caso pediu aos colexios profesionais de enxeñarías de Camiños, Industrial e Telecomunicacións que lle formulasen cada un unha terna dos seus mellores profesionais para realizar as peritaxes xudiciais sobre as vías, o tren e os sistemas de seguridade, respectivamente. De cada terna o xuíz elixiu por sorteo un profesional e encargoulles analizar as causas do accidente desde as súas respectivas áreas de coñecemento en materia ferroviaria. Pero nese momento, ao coñecer a Xunta, como encargada de dotar á xustiza dos recursos para o seu funcionamento, que os peritos de Camiños e Industrial elixidos por sorteo propuxeran orzamentos para realizar os seus traballos de 800.000 e 600.000 euros, comunicou ao xulgado que o procedemento para elixir a eses expertos debía ser outro.
Esgrimindo unha normativa previa en materia de xustiza gratuíta e dotación de medios periciais aos xulgados, a Xunta díxolle ao xuíz que debía comprobar se entre o persoal público da propia administración, funcionarios aos que como tales se lles presupón independencia, había alguén que puidese realizar o traballo antes de encomendarllo a profesionais privados alleos. E por esa vía a Xunta elixiu dous funcionarios propios, o enxeñeiro de Camiños Juan Carlos Carballeira Rifón e o Industrial José Manuel Lamela Rivera, que segundo os currículos que eles mesmos remitiron ao xulgado non eran expertos en materia ferrivaria. A Xunta non foi quen de atopar un funcionario que puidese designar para a peritaxe en materia de Telecomunicacións, así que se mantivo o xa elixido por sorteo polo xulgado de entre os propostos por ese colexio profesional, César Mariñas, este si con ampla experiencia en tecnoloxía ferroviaria e cuxo orzamento non superaba os 50.000 euros.
Os expedientes oficiais consultados por Praza.gal ao amparo da Lei de Transparencia non inclúen ningún proceso de selección nin valoración das persoas finalmente elixidas e a Xunta non aclara por que
Naquel momento aínda non existía a lei de transparencia, que agora vén de ser empregada por Praza.gal para ter acceso aos expedientes administrativos cos que as consellerías competentes en materia de de Infraestruturas e Industria elixiron respectivamente os seus funcionarios como peritos de Camiños e Industrial. Neses expedientes oficiais, formado por só catro folios no caso de Industria e algún máis pero para os mesmos trámites no caso de Infraestruturas, non quedou constancia escrita de ningún proceso formal de selección interna, convocatoria aberta dos posibles empregados públicos mellor preparados ou valoración dos currículos, experiencia e especialización das dúas persoas finalmente elixidas.
Segundo os expedientes oficiais, o 16 de outubro de 2013 o departamento de Xustiza da Xunta comunicou ás consellerías de Infraestruturas e Industria que debían designar os respectivos peritos. No caso de Infraestruturas, o 24 de outubro a súa subdirectora xeral de réxime xurídico trasladou á súa vez esa petición á Axencia Galega de Infraestruturas. E nese mesmo día o secretario xeral da consellería asina xa o oficio co que comunica o nome de Juan Carlos Carballeira.
No caso de Industria, tras a petición recibida o 16 de outubro, o oficio de comunicación do nome de José Manuel Lamela é asinado polo secretario xeral da consellería o 8 de novembro, o mesmo día en que se solicita e se autoriza por parte da Consellería de Facenda unha comisión de servizos para que o funcionario puidese deixar temporalmente o seu posto e dedicarse a investigar o accidente. Nos dous casos os oficios deixan claro que os dous técnicos foron “designados” polas súas respectivas consellerías.
Ante a ausencia de constancia documental nos expedientes administrativos do procedemento seguido para elixir eses dous funcionarios como peritos de Angrois, este diario preguntou aos respectivos departamentos de comunicación das dúas consellerías implicadas como foi esa elección e se houbo algún tipo de proceso informal de valoración de candidatos.
A Consellería de Infraestruturas non respondeu á consulta. E segundo a vicepresidencia primeira do Goberno galego, agora responsable das competencias de Industria, “a selección do perito industrial por parte da Xunta de Galicia levouse a cabo como calquera outro proceso que reúna estas características. Co único ánimo de colaborar coa Xustiza no esclarecemento dos feitos, abriuse un procedemento para a identificación e selección dos perfís considerados máis axeitados dentro dos profesionais adscritos á consellería. Unha vez identificados ditos perfís, finalmente optouse por un funcionario de carreira que acreditou a experiencia necesaria para traballar neste campo específico”. Non se identifica a persoa ou persoas responsables do “optouse”.
Non hai explicación a por que non quedou constancia documental dos procesos de selección, se é que os houbo, nos expedientes oficiais.
O xuíz instrutor admitiu que "a apariencia de imparcialidade pode verse embazada" por seren peritos designados pola Xunta, pero argumentou que con outros expertos as peritaxes serían moito máis caras
Tras a designación deses peritos da Xunta varias partes tentaron recusalos sen éxito. O xuíz instrutor admitiu que “é certo que a apariencia de imparcialidade pode verse embazada polo feito de que foi a Xunta a que designou aos técnicos que han de realizar a pericial e que sería desexable que os peritos puidesen ser elixidos polo órgano xudicial entre expertos na materia, pero existe un procedemento regulado e calquera evasión do mesmo ao que conduciría sería á imposibilidade da práctica da pericia por falta de dispoñibilidade de medios materiais con que facer fronte aos importantes gastos que unha pericia como a de autos comporta, como evidenciaron os orzamentos no seu día presentados polos técnicos privados inicialmente designados e non aprobados pola Xunta”.
O maxistrado tamén dicía que “en todo caso” as partes tamén podían designar os seus propios peritos para cuestionar o que dixesen os da Xunta. E mesmo dicía que Carballeira e Lamela “de estimar que a súa vinculación coa Administración puidese afectar á súa actuación como peritos obxectivos e imparciais deberían telo manifestado no instante de recibir o nomeamento, e non o fixeron, prestando xuramento de proceder ben e fielmente”. “Non esixe a lei maiores explicacións nin hai motivos para chamalos a dalas”, sentenciaba o xuíz.
Un dos peritos da Xunta admitiu que plaxiou varios parágrafos da investigación oficial do ministerio despois desacreditada pola UE por centrarse só na responsabilidade do maquinista
Nos anos seguintes a Xunta seguiu autorizando centos de peritaxes externas de profesionais alleos á administración. E no caso dos dous funcionarios elixidos para o accidente finalmente os estudos que eles tiveron que encargar a outros profesionais e expertos que lles axudasen coas súas áreas de investigación elevaron o custe para as arcas públicas a máis que as contías orzamentadas polo perito independente de telecomunicacións.
Ademais, o primeiro informe pericial que achegou o perito de Camiños da Xunta, Juan Carlos Carballeira Rifón, contiña parágrafos plaxiados, segundo el mesmo admitiu a El País, do informe oficial sobre o sinistro elaborado pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do ministerio. Unha análise oficial do accidente que posteriormente sería desacreditada pola Axencia Ferroviaria da UE.
Resultados dispares das peritaxes
A xuíza decidirá agora se dá máis credibilidade ao perito da Xunta que di que Adif actuou como debía ou ao elixido por sorteo que di que non, mentres o terceiro non analizou a seguridade pero pregúntase "como é posible" que a única "protección" que había en Angrois fose o maquinista
Agora os tres peritos comezarán a comparecer no xuízo a partir desta semana para ratificar as súas peritaxes e someterse ás preguntas das partes. Nos informes que entregaron no seu momento ao xuíz instrutor os tres achegaron visións dispares sobre o accidente.
O perito de Telecomunicacións, o profesional independente elixido por sorteo, César Mariñas, concluíu que Adif incumpriu a obriga que tiña de avaliar o risco de accidente existente na liña Ourense-Santiago e non habilitou as medidas de seguridade que debía. Pola contra, o de Camiños designado pola Xunta, Juan Carlos Carballeira, concluíu que Adif actuara como debera e non incumprira ningunha norma deixando a responsabilidade en mans do maquinista.
Pola súa banda o terceiro perito, o Industrial tamén designado pola Xunta, José Manuel Lamela centrouse na análise do tren, no que dixo que non houbera ningún fallo, e obviou as cuestións sobre a liña e a seguridade por non ser da súa área de estudo. Porén, no seu informe cuestionou “como é posible” que a única “protección” que había na curva ante un exceso de velocidade fose o maquinista, que non puido evitar o seu propio despiste. Un feito que Adif vén defendendo como válido segundo a normativa daquela existente fronte á visión contraposta da Axencia Ferroviaria Europea, que coincide á súa vez co perito independente de Telecomunicacións. Agora deberá ser a xuíza a que decida a quen dá máis credibilidade.
Interesouche esta información?
Editamos un xornal plural grazas ao apoio das socias e socios. Dende moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas. Podes optar por unha cota mensual ou faceres unha achega puntual, agora tamén con tarxeta ou a través do Bizum.