Da abstención para permitir tramitala ao "non" que garante un bloqueo preventivo en menos de mes e medio. O PP de Galicia vén de confirmar a súa viraxe política a respecto da transferencia de competencias en materia de tráfico ao Goberno galego. Vai bloquear a mesma petición que apoiou abertamente cun "si" no ano 2008 e que permitiu tramitar inicialmente en 2019 e neste 2021. A mesma que suporía despregar a Policía galega, contemplada no Estatuto de Autonomía vixente dende hai catro décadas e regulada dende 2007 por unha lei que, ata agora, nunca foi aplicada.
Apenas dous días despois de volver permitir iniciar o trámite para solicitar as competencias de tráfico, desta volta a instancias do BNG, o PP comezou a recuar mentres colectivos de gardas civís e Vox os acusaban de pretender expulsar o Instituto Armado de Galicia
O trámite que agora os populares se dispoñen a frustrar comezou o pasado abril a través dunha iniciativa do BNG redactada en termos idénticos aos asumidos polo propio Parlamento por unanimidade hai máis dunha década. Naquel debate, o PP xustificou a súa postura de abstención para permitir tramitala porque a Xunta está "preparada para asumir" a xestión das competencias de tráfico e porque Galicia "non renunciará a maiores cotas de autogoberno dende a lealdade ás institucións galegas e españolas". Todo, dixera o deputado popular Alberto Pazos, aínda que o partido que sustenta o Goberno considerase que esta non é actualmente unha "prioridade".
Pero, apenas dous días despois, o PP comezou a recuar. Colectivos de gardas civís, o partido de extrema dereita Vox comezaron a sinalar os populares galegos por, acusaban, colaboraren co Bloque nunha suposta intención e expulsar de Galicia á Garda Civil (corpo que actualmente exerce o control do tráfico en vías interurbanas). Acto seguido, o balbordo saltou a algúns medios de comunicación de óptica dereitista.
Neste contexto, o PP de Galicia pediu que "non se malinterpretase" o que votaran xa que, matizaron, só están a prol de asumir as "competencias administrativas en materia de tráfico". "En ningún caso", ían seguir adiante se o traspaso de competencias implicaba despregar a Policía galega para estes labores, isto é, o que o propio PP apoiara unha década atrás e permitira tramitar apenas un ano antes sen maior controversia.
Tras permitir iniciar o trámite o pasado abril mediante a súa abstención, o PP agora vira ao "non" e asegura que o fai porque non ve "prioritario" o traspaso do tráfico e para non "tapar" outras transferencias pendentes, como a da AP-9
Malia a eses matices, o balbordo non cesou. A principios de maio, os conservadores tentaron aplacalo recibindo no Parlamento a representantes de colectivos de gardas civís encabezados pola Asociación Pro Guardia Civil. Ante estas organizacións reiteraron que non vían prioritaria a transferencia e que, de lograrse, só apoiarían asumila se as funcións da Garda Civil non variaban. O PP, deron en afirmar, desexa "incluso máis Garda Civil" en Galicia. Preguntados por se, dado este cambio de postura, o partido e o Goberno galego son partidarios de derrogar a lei de Policía de 2007, resolveron que este é un debate "prematuro". Esa lei, que segue vixente, contempla unha Policía galega integral, ao xeito da Ertzaintza en Euskadi ou Mossos d'Esquadra en Catalunya.
Todos estes acontecementos transcorrían mentres a iniciativa impulsada polo BNG principiaba trámite parlamentario, co correspondente trámite de emendas. O PSdeG rexistrou unha -orientada a facilitar a incorporación á Policía galega dos gardas civís que o desexasen- e o PP, ningunha. A razón desta ausencia do PP no trámite de emendas adiantouna a axencia Europa Press o pasado luns e confirmouna o martes o propio partido: van pasar da abstención ao "non" xa no trámite en comisión, polo que non chegará a haber nin unha nova votación plenaria ao respecto.
Segundo defende agora o voceiro parlamentario do PP, Pedro Puy, a razón do cambio de postura en apenas dous meses é que os populares agora non ven "prioritaria" a transferencia do tráfico e ademais, di, seguir impulsándoa contribuiría a "tapar" outros debates sobre autogoberno como a demora da transferencia da AP-9, polo trámite de emendas prolongado no Congreso -o mesmo que sucedía hai dous meses e que vén de rematar-. Puy foi un dos membros da delegación do Parlamento galego que, no ano 2010, defendeu ante o pleno do Congreso a necesidade de transferir as competencias de tráfico a Galicia. Daquela, a culminación do traspaso fracasara porque o PSOE votara "non" e o PP, que tiña escanos dabondo para desequilibrar a balanza a prol do "si", optara pola abstención.
O BNG coida que o PP "sucumbe á presión dos sectores máis reaccionarios" e o PSdeG observa continuidade co acontecido "dende que chegou Feijóo á Xunta, sen unha soa transferencia de competencias"
No BNG, a confirmación de que o PP garantirá que o traspaso "non saia adiante" é a mostra de que os de Alberto Núñez Feijóo "sucumben á presión dos sectores máis reaccionarios e españolistas", coida a súa vicevoceira, Olalla Rodil. "É unha falta de respecto a Galiza, ao autogoberno e a esta Cámara que vaian tombar unha lei despois de aceptar a súa tramitación porque unha asociación de gardas civís lles mandou parar", censura.
Pola banda do PSdeG o seu vicevoceiro, Pablo Arangüena, ve a mudanza na postura do PP unha continuidade nas súas accións a respecto do autogoberno galego na última década: "Dende que chegou Feijóo á Xunta non houbo nin unha soa transferencia de competencias, o proceso de mellora do autogoberno quedou conxelado", resume. Mentres, subliña, o PSdeG "presentou propostas para melloralo, entre elas, o control e xestión do tráfico".