Que o Goberno galego conte cun corpo integral de policía está abeirado polo Estatuto de Autonomía (artigo 27). Esta Policía está regulada dende 2007 por impulso do Goberno de coalición de PSdeG e BNG, pero nunca se aplicou. O máis parecido a un intento para comezar a despregala produciuse entre 2008 -cando o Parlamento aprobou por unanimidade reclamar as competencias de tráfico ao Estado- e 2010 -cando o Congreso freou esa petición-. Entre os seus preceptos, a norma contemplaba vías para que membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado puidesen integrarse na nova Policía galega.
A lei para pedir o traspaso das competencias de tráfico vólvese tramitar dende o pasado abril por iniciativa do BNG. O PP permitiu o trámite coa súa abstención, pero aos dous días asegurou que "en ningún caso" apoia a transferencia se as competencias non as exerce a Garda Civil
A reclamación das competencias de tráfico comezou a tramitarse dúas veces nos últimos dous anos. A primeira, a iniciativa do PSdeG, decaeu pola convocatoria das eleccións galegas de 2020. A segunda está a tramitarse por iniciativa do BNG dende o pasado abril cos votos a prol do propio Bloque e tamén do Grupo Socialista, mentres que o PP se abstivo para, apenas dous días despois, asegurar que "en ningún caso" a apoiará se implica que as competencias non as exerza a Garda Civil, senón a Policía galega. No ano 2007, os populares si apoiaban que fose o novo corpo policial galego o que asumise este labor.
Malia ás viraxes dos conservadores -que incluíron unha recepción a asociacións de gardas civís en clave de desculpas-, a iniciativa para volver solicitar as competencias segue o seu camiño parlamentario e actualmente atópase en fase de emendas. Tras solicitar dúas prórrogas para formulalas, a única emenda presentada ata o momento leva a sinatura do PSdeG e aborda, precisamente, o papel da Garda Civil en Galicia ante o eventual despregamento da Policía galega.
O texto asínao o secretario xeral dos socialistas, Gonzalo Caballero, e propón engadir un parágrafo ao artigo 2 da iniciativa redactada polo BNG. No texto orixinal, ese apartado estipula que "o exercicio das competencias transferidas" será asumido pola Xunta "cando teña efectividade a transferencia dos medios persoais, materiais e financeiros precisos" a través do correspondente acordo da Comisión Mixta de Transferencias Galicia-Estado.
A emenda do PSdeG propón dar "prioridade" aos gardas civís que "decidan entrar a formar parte" da Policía galega cando esta asuma as competencias de tráfico
A emenda que asina Caballero propón que ese artigo indique, ademais, que se "habilitarán os mecanismos necesarios, dentro dos termos legalmente permitidos" para "garantir, se for o caso" a "prioridade no acceso dos axentes da Garda Civil que decidan entrar a formar parte da Policía que vaia exercer as competencias transferidas". Trataríase, daquela, dunha caste de vía rápida pola cal, por exemplo, os membros da Agrupación de Tráfico da Garda Civil que exercen en Galicia terían prioridade á hora de seguir realizando esas funcións como membros do Corpo de Policía de Galicia.
De chegar a aplicarse, a proposta que o PSdeG propón engadir ao texto do BNG engadiríase aos preceptos da lei de 2007 que xa contempla, por exemplo, as vías para a integración na Policía galega dos membros da actual Unidade da Policía Nacional adscrita á Xunta (UPA). O texto de 2007 tamén contemplaba un período transitorio polo cal, "mentres se leve a cabo o despregamento da Policía de Galicia", as competencias "seguirán sendo exercidas polas forzas e corpos de seguridade do Estado".