Entre acusacións de "compartir ideario cos que teñen as mans manchadas co sangue dos policías asasinados por ETA", os populares vetan a iniciativa do BNG para solicitar un traspaso que xa reclamara o Goberno de Fraga e avalado pola lei vixente en Galicia dende 2007
En marzo de 2005, na que acabaría sendo recta final da súa derradeira lexislatura, o Goberno do PP de Manuel Fraga enviou ao Parlamento o seu Proxecto de Lei de Policía da Comunidade Autónoma de Galicia. Entre outros preceptos, aquela norma contemplaba que o novo corpo policial asumise, mediante transferencias pactadas co Goberno de España, a "vixilancia e control do tráfico en vías interurbanas" que viña exercendo a Garda Civil, competencia que os populares galegos se veñen de negar a reclamar.
O adianto electoral decidido naquel 2005 pola dirección do PP e asumido por un enfraquecido Fraga impediu que a norma chegase a tramitarse. Pero a mediados de 2007 Galicia chegou a ter a súa Lei de Polícia por iniciativa do Goberno de coalición de PSdeG e BNG. Coa intención declarada de desenvolver o artigo 27 do Estatuto de Autonomía e tamén de asumir, entre outras competencias, a "vixilancia e control do tráfico nas vías interurbanas". O PP emendáraa por outras razóns -de coordinación das policías locais, por exemplo-, pero evidenciara o seu apoio ao traspaso das competencias de tráfico entre outros aspectos, evidenciaran, porque eles mesmos as propuxeran dende o Executivo de Fraga.
Ás portas do seu décimo oitavo aniversario, a Lei de Policía está integramente incumprida. Estao malia que as reclamación das competencias de tráfico foi abordada e apoiada no lexislativo galego en varias ocasións. Non sucedeu así este 25 de febreiro de 2025, cando os votos do PP serviron, entre mencións a ETA, para impedir tramitar a proposición coa que o BNG pretendía, esencialmente, culmnar unha reclamación que rexorde periodicamente dende hai dúas décadas.
Paula Prado xustifica vetar o traspaso que o PP apoiou no pasado porque "agora é distinto": as "verdadeiras intencións" do Bloque non son "mellorar a seguridade" viaria, senón a independencia e "botar á Garda Civil e á Policía Nacional
A encargada de escenificar o "non" dos conservadores foi a súa secretaria xeral e vicevoceira parlamentaria, Paula Prado, que xa en vésperas das eleccións galegas do pasado 2024 garantira a un colectivo de gardas civís que, se o PP continuaba gobernando en Galicia, a Lei de Policía seguiría sen cumprirse. Prado concretaba así o xiro decidido polo partido en 2021 cando, tras permitir tramitar unha iniciativa moi semellante do Bloque (o mesmo fixeran en 2019 con outra do PSdeG), decidira acabar bloqueándoo tras as protestas de gardas civís e a presión da extrema dereita.
Os argumentos daquel bloqueo volveunos elevar Prado este martes á tribuna do Parlamento mentres, nas área de convidados do hemiciclo, escoitaban representantes de sindicatos policiais convidados polo propio PP. O seu partido, admitiu Prado, no pasado apoiou reclamar as competencias de tráfico pero agora "é distinto" porque as "verdadeiras intencións" do BNG non son "mellorar a seguridade" viaria, senón "avanzar cara á independencia" e, mentres "botar á Policía Nacional e á Garda Civil da nosa terra". "De ningunha maneira!", clamou antes de acusar o Bloque de "compartir ideario cos que teñen as mans manchadas do sangue dos 210 policías e gardas civís asasinados pola banda terrorista ETA", en referencia aos "camaradas de Bildu".

Para o deputado do BNG encargado de defender a iniciativa a intervención de Prado foi "bochornosa". "Indecente en termos democráticos", se ben Iago Tabarés se alegra de que fose pronunciada con público presente. "Porque isto é o que temos que aturar día tras día neste Parlamento". En calquera caso, Tabarés decidiu "non entrar ao trapo" porque a intención da proposta, afirma, é que "prevalezan os intereses dos galegos e galegas por riba de tacticismos". E despregar a Policía galega como corpo integral e encargado do tráfico, resalta, permitiría mellorar a xestión da seguridade viaria e atender especificidades do país como termos "case o dobre de quilómetros de estrada por quilómetro cadrado que a media do Estado".
Tabarés evita "entrar ao trapo" das palabras da 'número dous' do PP e lamenta que "adianten pola dereita ao ex-ministro franquista e a Aznar" para paralizar unha proposta que melloraría a seguridade das estradas e "desenvolvería a policía galega creada por lei"
A intención da proposta, enfatiza Tabarés, sería tamén "desenvolver a policía galega creada por lei en 2007 como unha policía integral" e facelo por unha vía "de mínimos" para tentar xuntar os votos da unanimidade do Parlamento, mesmo "sendo conscientes de que podería ser máis ambiciosa". Ao cabo, subliña o nacionalista, o texto promovido agora polo BNG é moi semellante ao apoiado polo Goberno de España en 1997, con Aznar á fronte, para aumentar as competencias dos Mossos d'Esquadra en Catalunya e tamén é practicamente idéntico ao texto do Goberno de Fraga, "un furibundo nacionalista", ironiza.
"Adiantan pola dereita ao ex-ministro franquista e a Aznar", lamentou Tabarés tras escoitar a intervención de Prado. Tanto o PSdeG, a través de Carlos López Font, coma o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, votaron a prol da toma en consideración da proposición de lei do BNG para que o Parlamento puidese tramitala e mesmo "mellorala". Pero o "non" do PP provocou que decaese no primeiro intento, constatando que a Lei de Policía de Galicia seguirá integramente incumprida.