O PP promete a gardas civís que seguirá sen aplicar a Lei de Policía de Galicia se continúa gobernando

Vehículos da Unidade de Policía Adscrita (UPA) á Xunta, na Mariña da Coruña CC-BY-SA Xunta

O vindeiro xuño faranse 17 anos dende que Galicia conta coa súa propia Lei de Policía. Foi aprobada polo Parlamento na etapa do Goberno de PSdeG e BNG. A iniciativa, tramitada dende a Consellería da Presidencia que na altura dirixía o socialista José Luis Méndez Romeu, estaba destinada a dotar o país dun corpo policial integral, despregando as competencias contempladas no artigo 27 do Estatuto de Autonomía.

Galicia conta cunha lei para despregar o seu propio corpo policial dende hai 17 anos, cando a impulsou o Goberno de PSdeG e BNG

Dezasete anos despois, aquela lei está practicamente sen estrear. O Goberno do PP de Alberto Núñez Feijóo herdouna do Executivo de coalición e nunca deu en derrogala, pero nunca a aplicou. Nin durante os doce anos no que o conselleiro na materia foi Alfonso Rueda nin tampouco dende que esas competencias corresponden ao vicepresidente Diego Calvo. Agora, en vésperas das eleccións, os populares prometen que seguirán sen aplicala se continúan gobernando tras o 18F.

Control da Unidade da Policía Nacional adscrita á Xunta para supervisar as restricións pola COVID-19 CC-BY-SA Xunta

Pouco despois do inicio da campaña, a asociación de gardas civís JUCIL -equivalente no Instituto Armado ao sindicato policial Jusapol, con notable predicamento nas eleccións do Consello da Garda Civil entre os rangos máis inferiores do corpo- esixiu ás diferentes forzas políticas que aclaren se apoian "a creación dun posible corpo de policía autonómica en Galicia, tal e como propón o BNG". A organización, sen mención ningunha á lei vixente dende 2007, asegurou estar en contra desta posibilidade porque suporía "expulsar" a Garda Civil de Galicia.

A xefa de campaña do PP garante á asociación JUCIL que o partido "non comparte as propostas defendidas polo BNG" sobre a Policía galega. A promesa electoral do Bloque é aplicar a lei de 2007

Este 14 de febreiro, e en plena ofensiva dos populares contra a candidata do Bloque, Ana Pontón, a secretaria xeral e xefa de campaña do PP, Paula Prado, fixo pública unha carta dirixida a JUCIL na que vén prometer que a formación seguirá obviando a Lei de Policía de Galicia se pode continuar á fronte da Xunta. "Non compartimos (...) as propostas defendidas polo BNG", asegura Prado, quen brinda a "plena colaboración" e lembra que o vicepresidente Calvo, cabeza de lista do PP pola Coruña, se reuniu con JUCIL "o pasado 5 de febreiro". O que o programa do Bloque promete é, precisamente, aplicar a lei vixente dende 2007 (páxina 169).

Na mesma misiva, Prado agrega tamén que "hai varios anos" -foi creada en 1991-, "contamos cunha Unidade de Policía Adscrita á Comunidade Autónoma". Trátase da coñecida popularmente como Policía Autonómica, unha división da Policía Nacional que se encarga da custodia de edificios e cargos oficiais e ten funcións moi restrinxidas no ámbito de certas competencias da Xunta, como as ligadas ao medio ambiente. Na carta, asemade, Prado mestura a cuestión coa morte de dous gardas en Barbate (Cádiz) a mans de narcotraficantes.

Referencias á xestión do tráfico na vixente Lei de Policía de Galicia (2007), emenda do PP á devandita lei (2007) e proposición para a transferencia das competencias tramitada en 2021 a instancias do BNG CC-BY-SA Praza Pública | Curved arrow: Madison/Noun Project

Apoio e bloqueo á petición das competencias de tráfico

A promesa do PP sobre continuar incumprindo a Lei de Policía de Galicia supón reproducir as súas promesas a outro colectivo de gardas, a Asociación Pro Guardia Civil, que en 2021 obtivo dos conservadores o compromiso de bloquear a petición de transferencia das competencias de tráfico a Galicia. Sucedía despois de que o propio PP se abstivese ante unha iniciativa na que o BNG, tamén co voto afirmativo do PSdeG, propuña retomar unha reclamación que o propio PP de Galicia xa apoiara en 2008 -cando estaba na oposición- e tamén en 2019. Ante as reclamacións desa asociación e as críticas axitadas dende Madrid por Vox, acabaran recuando.

Para despregar a Policía galega é clave o traspaso das competencias de tráfico, que o PP apoiou ata en tres ocasións e en 2021 bloqueou ante as protestas doutro colectivo de gardas civís e da contorna de Vox

Dáse a circunstancia de que, cando o Goberno de PSdeG e BNG impulsou a Lei de Policía no ano 2007, os populares emendaron o texto en varios puntos -fundamentalmente, no referido á coordinación das policías locais-, pero non nos referidos ás competencias da Policía galega. Así, nun momento no que o partido xa tiña á súa fronte en Galicia a Feijóo, dixeron concordar con que o novo corpo policial galego asumise, entre outras, as funcións de "vixilancia e control do tráfico nas vías interurbanas", ata agora realizadas pola Garda Civil.

Unha vez aprobada a lei de 2007, o novo escenario suscitara notable expectación tanto no seo do Instituto Armado como na Policía Nacional. Así, por exemplo, no verán de 2008 a Unión de Guardias Civiles de Galicia esixiu unha rápida aplicación da norma porque, resaltaba, existía interese ata "no 80%" das escalas básicas do Instituto Armado en Galicia por pasar a seren membros do novo corpo. Neste sentido, durante o trámite da proposta formulada polo BNG en 2021, despois bloqueada polo PP, o PSdeG promoveu facilitar que os gardas civís que o desexen se integrasen na nova Policía galega en canto asumise as competencias de tráfico.

Carta remitida pola secretaria xeral e xefa de campaña do PP á asociación de gardas civís JUCIL

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.