A piques de facer tres anos na presidencia, un tras ser cabeza de cartel do PP por primeira vez, Rueda ten na conta da súa presidencia un logro inédito nos gobernos onde exerceu como número dous por máis dunha década
O vindeiro 12 de maio cumpriranse tres anos dende que Alfonso Rueda foi investido presidente da Xunta como remuda do dimisionario Alberto Núñez Feijóo. Este 11 de abril hai un ano da súa primeira investidura tras pasar polas urnas como cabeza de cartel do PP.
Con estes dous fitos temporais, tres anos no posto e un xa sen a condición de substituto, Rueda xa ten na conta particular da súa presidencia un logro inédito nos trece anos do gabinete no que exerceu de número dous como conselleiro e vicepresidente. Esta semana Galicia sumou unha nova competencia ao seu autogoberno, a de ordenación e xestión do litoral, o cal non sucedía dende hai case 17 anos.
O propio presidente adxectivou como "histórico" un traspaso que, como é sabido, veu precedido dun conflito co Goberno de España. A Xunta deu por asumida a competencia cunha lei específica e o Executivo estatal recorreuna no Tribunal Constitucional, que avalou no fundamental o texto galego. De aí en diante si principiou unha negociación que ambas partes aplauden en público polo seu ton e "facilidades" e que dá como resultado, alén do evidente, que Feijóo volve ser o único presidente da historia da autonomía sen ningunha competencia nova para Galicia baixo o seu mandato.
O contador a cero de Feijóo contrasta coas 12 transferencias da coalición de PSdeG e BNG, descualificadas como "traspasiños" por Rueda, máis tamén está por tras do tripartito de Laxe ou da derradeira lexislatura de Fraga
A fin da seca competencial pon remate ao récord de catro lexislaturas galegas sen ningunha nova competencia. Pero tamén inaugura un contador simbólico para o mesmo Rueda que, como xefe de campaña de Feijóo en 2009, descualificou como "traspasiños" a ducia de transferencias formalizadas polo Goberno de PSdeG e BNG nos seus apenas tres anos e medio de duración (dende agosto de 2005 a abril de 2009).
Mesmo deixando fóra da conta o presidente ao que correspondeu botar a andar o Estatuto, o popular Gerardo Fernández Albor, con 72 competencias asumidas en cinco anos de precario Goberno, o balance nesta materia do actual líder estatal do PP é elocuentemente pobre. Non só en comparación cos 12 traspasos do gabinete presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño con Anxo Quintana como vicepresidente nuns anos nos que o desenvolvemento estatutario e o contexto político estatal eran, en boa medida, equiparables aos da era Feijóo.
A escaseza en autogoberno na etapa do Feijóo éo tamén comparando cos 13 traspasos conseguidos en pouco máis de dous anos polo tripartito que presidiu Fernando González Laxe (PSdeG), do outono de 1987 a comezos de 1990. Mesmo ollando ás catro competencias que conseguiu o derradeiro goberno do PP de Manuel Fraga, (2001-2005) que Feijóo chegou a vicepresidir, todas co PP de José María Aznar na Moncloa.