A AP-9 afronta demandas que suman máis de 100 millóns por non pagar o IBI aos concellos

A AP-9, ao seu paso por Abegondo © Google

Audasa afronta demandas millonarias dos concellos galegos por onde transcorre a AP-9 e aos que non paga case nada do Imposto de Bens Inmobles (IBI). Este privilexio derivado dunha lei franquista -e do que gozará até 2023- permítelle á concesionaria estar exenta do pagamento do 95% do gravame que particulares e empresas abonan ás localidades polo valor das titularidades que posúen en cada territorio. Fartos de perder importantes cantidades, varios municipios fixeron fronte común en abril e comezaron a presentar demandas ante a UE. O primeiro foi Betanzos, que denunciou a exención e reclámalle á Autoestrada do Atlántico máis de medio millón de euros polos últimos catro anos. Seguiulle Abegondo para incorporarse despois Cambre, Miño ou Ferrol a unha reclamación ante a Comisión Europea que seguirá engordando e na que todas as administracións locais denuncian o incumprimento por parte de España da normativa comunitaria e a aplicación dun beneficio fiscal que supón unha "axuda de Estado ilegal". 

Cinco concellos galegos presentaron xa denuncia ante a Comisión Europea pola exención do 95% do IBI a Audasa

A maioría dos concellos galegos polos que transcorre a AP-9 son asesorados por Gonzalo Abogados, bufete especializado e que anuncia novas demandas no futuro inmediato. "Xa denunciaron cinco e hai moitos máis municipios de Galicia que estaban agardando para envorcarse no proceso cando estivese en marcha, como agora o está", explica Javier Gonzalo, letrado que impulsa as denuncias e que cre que as administracións locais "verán agora que este é o camiño que teñen que seguir". Tamén porque, no caso de que o ditame sexa favorable, como así cren, terán que solicitar a bonificación que lles sería directamente aplicada de non ter denunciado antes. 

Abegondo, un dos municipios máis afectados, di perder 550.000 euros ao ano e os ditames da Comisión poden aplicar a retroactividade dez anos atrás

Abegondo, por exemplo, entende que deixa de ingresar máis de 550.000 euros cada ano ao percibir tan só 30.000 dos case 600.000 que debería abonarlle Audasa. Acolle 20 quilómetros de autoestrada, peaxes e algunha outra infraestrutura, polo que é un dos municipios máis afectados. Tendo en conta, como advirte Gonzalo, que a retroactividade aplicable nestes casos na UE é de dez anos -e non catro como en España-, o municipio reclámalle á concesionaria máis de 5 millóns de euros. "É moi factible que se recuperen eses cartos", aclara o avogado. No caso de Betanzos, a reclamación pola última década ascendería a 1,3 millóns de euros. 

Orde de 1973 pola que se rexeu a construción e explotación da Autoestrada do Atlántico

Tendo en conta que a AP-9 discorre por 34 concellos galegos (22 deles na provincia da Coruña) e que os 12 municipios polos que pasa na provincia de Pontevedra reclamaran xa 4 millóns non hai tanto tempo a través da Deputación, Audasa pode enfrontarse a demandas millonarias que superarían amplamente os 100 millóns de euros de aplicárselle a retroactividade dos ditames da Comisión Europea. "Esperamos e supoñemos que todos os concellos se unirán, a non ser aqueles cuxo trazado da AP-9 no territorio é de moi poucos quilómetros", aclaran desde Gonzalo Abogados, que nas xuntanzas con representantes das localidades afectadas percibiron "a sensación en todos eles de que estaban perdendo moitos cartos e que era un agravio comparativo co que ocorría con outras autoestradas no Estado". 

En Galicia, é a AP-9 a única vía que non paga o 95% do IBI grazas ás bonificacións previstas na lei de construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión aprobada en 1972, en pleno franquismo. O decreto do 17 de agosto de 1973 polo que se adxudicaba a concesión administrativa para a infraestrutura galega prevía que esta se beneficiase dos "beneficios" que figuraban no artigo doce da devandita lei e "ao longo do período concesional". Malia que a súa construción está máis que amortizada e a pesar dos millonarios beneficios que xera, a exención aí segue, aplicándose no nivel máximo de redución permitido pola lexislación daquela do réxime ditatorial. E mentres, Audasa continúa a subir as peaxes. 

Os concellos alegan que a exención no IBI é unha axuda de Estado ilegal que incumpre a lexislación comunitaria

As denuncias dos concellos advirten que a bonificación a Audasa, "sen compensación ningunha por parte do Estado", colisiona frontalmente co mandato da Carta Europea de Autonomía Local ao privar as entidades locais dunha parte moi importante dos seus recursos financeiros, ademais de ir contra tratados comunitarios por ser unha axuda pública ilegal, tal e como o Tribunal de Xustiza da UE (TXUE) ditamiou respecto da exención do IBI a Navantia na ría de Ferrol.

 

"A única vía factible"

"É unha bonificación que non é permitida nin pola propia Constitución pero que se basea nunha lei antiga que non foi derrogada", aseguran desde Gonzalo Abogados, desde onde cren que a Comisión Europea ditaminará "en seis meses". "Supoñemos que fará favorablemente, pero se non é así, cabe recurso ao TXUE de Luxemburgo", explica o letrado que cre que a vía de denuncia ante a UE é "a única viable" logo de que "se agotasen todas as accións feitas no Estado" ao determinar os tribunais superiores a responsabilidade patrimonial do Estado pero botalo abaixo o Supremo. 

Diferentes sentenzas no Estado, incluída unha do Supremo contra Pontevedra, negan a eliminación desta exención fiscal

Logo dunha iniciativa da Deputación de Pontevedra para reclamar o pagamento de compensacións aos concellos afectados pola exención do IBI da AP-9, as sentenzas contrarias foron caendo unha a unha sobre a ducia de municipios que acudiron á xustiza. O Tribunal Superior de Madrid desbotou as reclamacións, aínda que anos antes si ditaminara a favor de Pontevedra e recoñecéralle o dereito a ingresar máis de 1 millón de euros. En 2011, o Supremo anulou o ditame e sentou xurisprudencia, advertindo que "nin os compromisos internacionais asumidos por España, nin a Constitución nin a lexislación ordinaria impoñen ao Estado, de xeito ineluctable, a obriga de transferir aos concellos as cantidades que deixen de percibir como consecuencia dos beneficios fiscais que se outorgasen ou outorguen sobre tributos locais".

O Goberno central, ante a reclamación que levaran a cabo formacións políticas como o BNG, denegara en varias ocasións a posibilidade de compensar os concellos afectados. A última vez, en 2011 co PSOE na Moncloa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.