0 Gardados para despois

A xustiza confirma que Navantia non pode librarse de pagar o IBI en Ferrol

Redacción | @prazapublica

O Concello de Ferrol vén de comunicar este martes que o xulgado do contencioso-administrativo da cidade ditaminou que a intención de Navantia de non pagar o IBI polos seus terreos ao consistorio non é posible ao ir en contra do dereito comunitario. Nunha sentenza do pasado 8 de xaneiro, a xustiza dá a razón á administración local, que nun comunicado asegura que este ditame é o "último" paso nun "prolongado proceso de capítulos xudiciais" entre ambas as dúas entidades.

O xulgado fundamenta a súa sentenza no ditame previo do TXUE, que daba a razón ao Concello de Ferrol

Así, o Concello lembra que as autoridades xa se posicionaran en contra da postura da empresa emitindo un informe hai agora un ano no que confirmaban que a intención de Navantia de non pagar o IBI era contrario ás normas de Bruxelas. Este documento derivou logo nunha sentenza do pasado 9 de outubro, na que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) ratificaba a versión da administración municipal ao insistir en que os terreos do estaleiro público na cidade si estaban suxeitos ao Imposto de Bens Inmobles.

O alto tribunal comunitario deixara, non obstante, en mans do xulgado ferrolán comprobar se efectivamente a exención do IBI da que se beneficia a empresa pública podería constituír unha axuda de Estado prohibida pola lexislación europea, tal e como advertía a sentenza do TXUE. A xustiza ratificouno agora.

O alto tribunal comunitario deixara en mans do xulgado ferrolán comprobar se a exención era ilegal

O xulgado ferrolán comezara a devandita consulta no pasado mes de outubro ao preguntar ao tribunal de Luxemburgo se é compatible coas normas comunitarias "que un Estado membro poida establecer unha exención fiscal sobre un terreo da súa propiedade cedido a unha empresa privada de capital integramente público (Navantia SL) na que esta subministra bens e presta servizos que poden comerciarse entre Estados membros".

Tratábase dun ditame sobre o preito de Navantia e o Ministerio de Defensa contra o Concello de Ferrol polo cobro do IBI dos terreos nos que se sitúa o estaleiro. En realidade, é unha cuestión prexudicial que elevou ante o Tribunal da UE o xuízo do contencioso-administrativo de Ferrol, Cristóbal Pintado, tras un recurso contra a denegación por silencio administrativo da solicitude de exención do imposto e contra unha resolución do concelleiro de Facenda pola que se desestimaba o recurso de reposición contra a liquidación do IBI imposto en 2010.

A demanda na que se solicitaba a exención do IBI foi admitida a trámite en xuño de 2011 e o Concello personouse como parte demandada, para logo Navantia ampliar a reclamación solicitando a exención dos exercicios seguintes a 2010. O xuíz explicaba no auto que esta cuestión prexudicial pretende analizar a compatibilidade co artigo 107 do Tratado de Funcionamento da UE dunha exención fiscal da que se beneficia unha empresa privada, aínda que aclara que o capital desta pertence integramente ao Estado e que os traballos son fundamentalmente para buques españois ou doutros países.

Defensa e Navantia solicitaron en 2008 unha exención fiscal que foi denegada polo Concello e impugnada ante os tribunais

O Concello de Ferrol liquida cada ano o IBI cunha cota que supera o medio millón de euros. O xuíz entende que o suxeito pasivo do imposto é o Estado polo que é a factoría a que ten que soportar o custo final do imposto e quen finalmente se beneficia da exención. A administración local si percibiu desde antes de 2007 a cantidade, pero en 2008 Defensa e Navantia solicitaron a exención que foi denegada polo Concello e impugnada ante os tribunais.

O TSXG revogara unha sentenza do xulgado do contencioso e declarou que si había lugar a recoñecer a exención fiscal, pero para o maxistrado esta exención podería implicar unha axuda estatal ilegal que falsea ou ameaza falsear a competencia. Agora, a xustiza entende que así é, polo que Navantia terá que facer fronte ao IBI.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.