O ano que comeza en pouco máis de dúas semanas traerá consigo un incremento de preto dun 4% das peaxes da autoestrada AP-9. A metade desa suba débese ao incremento da inflación no último ano, mentres que a outra metade é froito de decisións tomadas por gobernos de PSOE e PP, que agora se responsabilizan mutuamente delas e das respectivas herdanzas recibidas. En plena polémica por esa suba das peaxes, o PP galego vén de formalizar unha iniciativa parlamentaria para reclamar a gratuidade do treito Redondela-Vigo da autoestrada, unha medida para a que segundo admitiu este xoves o presidente Feijóo só caben dúas opcións: ou o Ministerio de Fomento paga a Audasa por eses condutores que deixarán de aboar a peaxe, ou Audasa sube o resto das súas peaxes para compensar esa caída de ingresos.
En plena polémica pola suba un 4% das peaxes en 2018, o presidente, que deixou de considerar prioritario reclamar a transferencia da autoestrada, di que se fose de titularidade galega impulsaría outra política tarifaria
Tras a reunión semanal do seu goberno deste xoves, a Feijóo preguntóuselle pola súa opinión sobre o incremento das peaxes da AP-9 un 4% para o ano próximo. Á marxe de que a metade dese incremento se deba ao aumento da inflación, o presidente dixo que é algo que non lle gusta, pero atribuíu ao PSOE a responsabilidade. Feijóo lembrou que as obras actualmente en marcha de ampliación da ponte de Rande e do treito da autoestrada que pasa por Santiago pagaranse cun incremento do 1% anual durante 20 anos por unha decisión que atribuíu aos socialistas. Fronte a ese aumento, Feijóo matizou que outro 0,9% de incremento durante 3 anos débese á decisión posterior do PP de bonificar as viaxes de retorno no mesmo día entre Pontevedra e Vigo.
Estas críticas reiteradas de Feijóo ao PSOE foron xa replicadas hai uns días polo ex-ministro socialista de Fomento José Blanco, quen salientou que el deixou aberta a posibilidade de que as obras de ampliación en Rande e Santiago puidesen ser pagadas con cargo aos orzamentos públicos e non a través dunha compensación a Audasa vía peaxes se a economía estatal melloraba.
Canto á segunda decisión tomada no seu momento, a dos populares de rebaixar as peaxes entre Vigo e Pontevedra para determinados tráficos, compénsase cun incremento xeral das peaxes no resto da autoestrada entre Ferrol e Tui. Por iso, a Feijóo preguntóuselle pola posibilidade de que a nova petición do PP de eliminar a peaxe entre Redondela e Vigo poida supor que haxa que compensar á concesionaria cun novo incremento das peaxes no resto da autoestrada. O presidente dixo que, se Fomento non quere asumir esa gratuidade con fondos estatais, a única opción que queda é a de compensar a Audasa con incrementos noutros treitos.
A Xunta non prevé asumir con cartos autonómicos ningunha actuación na AP-9 mentres a súa titularidade siga a ser estatal e di que se fose galega impulsaría outra política tarifaria, pero xa non considera unha prioridade reclamar esa transferencia
Feijóo insistiu en que, tras lograr que Fomento asuma a totalidade da gratuidade dos tráficos entre o Morrazo e Vigo -unha medida que supuxo para Audasa un enriquecemento inxusto durante anos-, a Xunta non prevé asumir con cartos autonómicos ningunha actuación na AP-9 mentres a súa titularidade siga a ser estatal. Nesa liña, o presidente dixo que, se a autoestrada fose autonómica, proporía a implantación de tarifas máis baratas para usuarios habituais ou para as circulacións nocturnas. Porén, a transferencia da autoestrada deixou de ser unha prioridade para o Goberno galego, que se vén amosando satisfeito coa decisión de que Fomento asuma en solitario a gratuidade dos tráficos entre O Morrazo e Vigo e de que incorporase á Xunta a unha comisión de seguimento sobre a autovía que de momento non se traduciu en resultados concretos.