0 Gardados para despois

Betanzos denuncia a AP-9 na UE por seguir sen pagar o IBI grazas a un beneficio do franquismo

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


En medio doutra polémica polo último anuncio de Audasa da intención de subir un 3,1% o importe da peaxe en todos os tramos da AP-9, un concello galego vén de abrir unha fenda pola que acabar cun dos grandes privilexios que a empresa que xestiona a Autoestrada do Atlántico mantén desde hai décadas. Betanzos denunciou xa ante a UE a exención do 95% do IBI á concesionaria e reclámalle máis de medio millón de euros polo perdido nos últimos catro anos. Non será o último, outros municipios preparan xa a súa demanda e reclamacións que suporían ducias de millóns de euros. 

Betanzos denunciou ante a UE a exención do 95% do IBI a Audasa e reclámalle máis de medio millón de euros

A AP-9 non paga o IBI (Imposto sobre Bens Inmobles) aos concellos polos que pasa grazas a un beneficio concedido polo franquismo hai máis de corenta anos. En realidade si paga, pero tan só o 5% do total que particulares e empresas deben abonar aos municipios ao gravárselles o valor das titularidades que posúen en cada territorio. Este privilexio de Audasa prevé manterse ata 2023, prazo no que finalizaba a concesión orixinal da autovía á empresa e que o Goberno central ampliou logo até 2048. Pero varios concellos rebeláronse xa contra este favor fiscal.

A AP-9 non paga o IBI aos máis de 30 concellos polos que pasa grazas a un beneficio concedido polo franquismo hai máis de corenta anos

No pasado mes de abril, as localidades da provincia da Coruña polas que cruza a AP-9 uníronse para reclamar a fin desta exención e preparar a batalla legal en Bruxelas. Representantes de 15 dos 22 concellos polos que pasa a autoestrada e están afectados por esta exención acudiron a unha reunión en Abegondo convocada por José Antonio Santiso, alcalde dunha das localidades que máis deixa de ingresar. Entre eles, Betanzos, que foi o primeiro concello que decidiu demandar ante a Comisión Europea esta excepción.

Orde de 1973 pola que se rexeu a construción e explotación da Autoestrada do Atlántico

En Galicia, é a AP-9 a única vía que non paga o 95% do IBI grazas ás bonificacións previstas na lei de construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión aprobada en 1972, en pleno franquismo. O decreto do 17 de agosto de 1973 polo que se adxudicaba a concesión administrativa para a infraestrutura galega prevía que esta se beneficiase dos "beneficios" que figuraban no artigo doce da devandita lei e "ao longo do período concesional". Malia que a súa construción está máis que amortizada e a pesar dos millonarios beneficios que xera, a exención aí segue, aplicándose no nivel máximo de redución permitido pola lexislación daquela do réxime ditatorial. 

Betanzos entende que a bonificación a Audasa, "sen compensación ningunha por parte do Estado, colisiona co mandato da Carta Europea de Autonomía Local

O Concello de Betanzos denunciou ante a UE porque, ao entender dos seus servizos xurídicos, a bonificación a Audasa, "sen compensación ningunha por parte do Estado, colisiona frontalmente co mandato da Carta Europea de Autonomía Local ao privar as entidades locais dunha parte moi importante dos seus recursos financeiros para facer fronte ás súas competencias". Ademais, desde o goberno local insístese nun comunicado que "non só se priva de recursos senón que, en realidade, son os veciños e veciñas de Betanzos os que asumen a bonificación usando ou non a autoestrada". Segundo os cálculos da Tesoureiría Municipal, a administración local deixou de percibir nos últimos catro anos case 520.000 euros por esta exención. E esa é a cantidade que se reclamará en Bruxelas. 

Betanzos asegura que a exención a Audasa vai en contra dos tratados comunitarios, como o que recoñece a autonomía local. De feito, desde 1990 as novas concesións non gozan desta exención fiscal e desde 2002 as autoestradas de peaxe son consideradas por lei Bens Inmobles de Características Especiais (Bices). Ademais, lembra que existe xurisprudencia consolidada do Tribunal Supremo que indica que non hai obriga por parte do Estado de compensar as entidades locais ante esta exención.

Foi en 2011 cando, logo dunha denuncia presentada polo Concello de Pontevedra, o Supremo anulou un ditame favorable anterior e sentou xurisprudencia, advertindo que "nin os compromisos internacionais asumidos por España, nin a Constitución nin a lexislación ordinaria impoñen ao Estado, de xeito ineluctable, a obriga de transferir aos concellos as cantidades que deixen de percibir como consecuencia dos beneficios fiscais que se outorgasen ou outorguen sobre tributos locais".

"A exención fiscal establece unha axuda de Estado que é incompatible co mercado común"

Para o Concello de Betanzos, esta exención na AP-9 "establece unha axuda de Estado que é incompatible co mercado común, ao distorsionar ou ameazar con distorsionar a competencia, provocando unha desvantaxe para as empresas non destinatarias dunha exención de impostos, cun correlativo trato de favor carra a ouros operadores económicos que se ven liberados de satisfacer os impostos establecidos con carácter xeral". 

 

Ata 100 millóns de euros

Xa en abril, naquela reunión por este tema de varios concellos da provincia da Coruña, o bufete madrileño Gonzalo Abogados, especializado en facenda local e financiamento local, apuntou o recurso ante a Comisión Europea como a mellor estratexia para reclamar e advertían que poderían recuperarse cinco millóns de euros por ano entre todos os municipios afectados e mesmo da posibilidade de reclamar con carácter retroactivo o pago dos últimos dez anos: 50 millóns a repartir entre os 22 municipios.

O alcalde de Abegondo asegura que o seu concello tamén denunciará ante a UE: perde máis de 500.000 euros ao ano

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso (PP), asegurou a Praza.gal que o seu concello tamén "ten pensado" denunciar ante a UE esta exención fiscal a favor de Audasa e prepara xa a documentación e está pendente de revisar a valoración catastral da autoestrada na localidade para acudir a Bruxelas. Non será o único municipio que o faga. 

Todos os municipios afectados ven na UE a única saída, logo de que o Supremo botase abaixo a reclamación impulsada pola Deputación de Pontevedra e despois de que o Goberno socialista de Rodríguez Zapatero denegara a posibilidade de compensación aos concellos en 2011. En Abegondo, un dos concellos máis afectados polas prebendas de Audasa, calcuulan que o municipio tería que recibir preto de 600.000 euros ao ano fronte aos menos 30.000 que percibe agora. Acolle 20 quilómetros de autoestrada, peaxes e algunha outra infraestrutura.

De aplicarse a retroactividade, cun límite de dez anos, os máis de trinta concellos afectados poderían recuperar ata uns 100 millóns

Os cálculos que o bufete de avogados experto fai para os 22 concellos da Coruña por onde discorre a AP-9 son de 5 millóns ao ano, mentres que os 12 municipios polos que pasa a AP-9 na provincia de Pontevedra reclamaran xa 4 millóns non hai tanto tempo a través da Deputación. De aplicarse a retroactividade, cun límite de dez anos, os máis de trinta concellos afectados poderían recuperar ata uns 100 millóns. Mentres, Audasa, que continúa cuns beneficios millonarios e de récord, vén de anunciar outra suba das peaxes que provocaron a indignación da oposición e mesmo o reproche do PP e da Xunta. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.