Un 12% máis de ingresos, pero case un 70% máis de beneficios. Os resultados económicos de Autopistas del Atlántico (Audasa), a concesionaria da autoestrada AP-9, seguen disparados. Tras un 2022 no que as ganancias da empresa medraron tres veces máis que o tráfico da autoestrada ata rozar o seu récord histórico de 68 millóns de euros, nos primeiros seis meses de 2022 os seus beneficios disparáronse ata os 36,12 millóns de euros despois de impostos, case un 70% máis que no mesmo período do ano anterior.
As ganancias de Audasa medran na primeira metade do ano case vinte veces máis que o tráfico que circula pola AP-9
Segundo os resultados comunicados por Audasa este 11 de agosto aos mercados e aos seus accionistas a través da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), os ingresos por peaxes da AP-9 entre xaneiro e xuño deste ano eleváronse -unha vez descontados 3,8 millóns polos descontos do 25% que aplica a compañía a algúns desprazamentos- ata os 89,73 millóns de euros mentres o tráfico en vías de cobro roldou unha media diaria de 21.310 vehículos e o tráfico total chegou a 24.074, un crecemento do 3,75%.
Neste contexto, os beneficios de Audasa medran na primeira metade do ano case vinte veces máis (concretamente, multiplícao por 18,22) que o tráfico que circula pola AP-9. O incremento dos ingresos por peaxe, ao tempo, é algo máis de oito puntos superior á suba do tráfico nun contexto no que os fondos públicos seguen gañando peso na conta de resultados da compañía, cuxa concesión da autoestrada está vixente ata 2048.
Nesa achega de fondos públicos é clave o programa de subvencións estatais vixente dende 2021, que ten a súa medida máis significativa na gratuidade dos traxectos de retorno pagos con telepeaxe en menos de 24 horas tras a viaxe de ida. Por este concepto Audasa ingresou en só seis meses case 18 millóns de euros. Foron, concretamente, 17,9 millóns de euros (uns 900.000 euros máis que un ano antes) nun contexto.
O feito de que a telepeaxe sexa imprescindible para acceder a eses descontos anima o uso destes dispositivos, que xa son a vía de entrada de, practicamente, a metade dos ingresos de Audasa. Mentres, o pagamento en efectivo segue reducindo o seu peso e xa supón apenas un 6%.
Os fondos públicos xa son un 30% dos ingresos da concesionaria da Autoestrada do Atlántico
A segunda partida de fondos públicos máis relevante nas contas de Audasa son as achegas por peaxe na sombra, isto é, as dos 9 quilómetros do treito Vigo - O Morrazo e os 5 da Coruña - A Barcala que non son abonados directamente por quen circula pola AP-9, senón que saen das arcas públicas en función do tráfico rexistrado. Desta volta foron 6,1 millóns en seis meses, fronte aos 5,6 do primeiro semestre do ano pasado.
Ademais, neste 2023 as contas de Audasa reflicten outros 4,3 millóns de ingresos estatais. Son o resultado dunha das medidas do Goberno de España para atallar a crise de prezos, pola que o erario absorbeu parte da suba das tarifas que correspondería aplicar para que as "soportadas polo usuario" non superasen o 4%. Deste xeito, como amosa o gráfico sobre estas liñas, a porcentaxe de recursos públicos sobre o total dos ingresos de Audasa supera xa o 30%.