O ministerio lembra que “a suba das tarifas é acumulativa” ano tras ano, e establece que o aumento de 2023 que non se aplicará directamente aos usuarios se recupere despois de xeito escalonado
O Goberno de Pedro Sánchez vén de facer oficial, coa súa publicación este mércores no Boletín Oficial del Estado, que as peaxes das autoestradas de titularidade estatal, en Galicia a AP-9 e a AP-53 entre Santiago e Lalín, subirán en 2023 un 4% e non o que lles correspondería pola inflación do último ano, que sería máis do dobre. A diferenza será asumida con cargo aos orzamentos xerais do Estado, pero en anos posteriores será repercutida novamente sobre os usuarios das autoestradas con subas escalonadas superiores ao que correspondería neses anos.
A elevada inflación do último ano faría que as autoestradas tivesen que subir as súas peaxes en 2023 un 8,4%. No caso da AP-9 sería aínda máis, un 9,4%, pola suba extraordinaria dun 1% anual a aplicar ata 2038 como compensación durante 20 anos polas obras de ampliación de Rande postas en servizo en 2018.
A decisión do Goberno de España de limitar a suba ao 4% para reducir o impacto da crise de prezos sobre os condutores compensarase ás concesionarias en todo o Estado a través dunha partida extraordinaria de 23,3 millóns de euros nos orzamentos públicos para 2023. Pero o executivo lembra que “a suba das tarifas é acumulativa” ano tras ano, polo que o aumento de 2023 que non se aplicará directamente aos usuarios será recuperado despois por chanzos.
No caso da AP-9 Xunta e PP reclamaban que non subisen nada as peaxes e asumise o Estado todo o incremento pola inflación, como vai facer o Goberno galego coas súas dúas autoestradas
Isto é, se en 2023 as peaxes terían que subir un 8,4% sen a subvención estatal, en 2024 ese 8,4% quedaría xa incorporado e habería que sumar a suba correspondente á inflación deste próximo 2023. E en 2025 a esas dúas subas haberá que incorporar a inflación de 2024. E así sucesivamente.
Ante esa situación, segundo o BOE “a partir de 2024 reducirase progresivamente a porcentaxe asumida polo ministerio” en 2023 de xeito que “como máximo, o 31 de decembro de 2026 deberá quedar suprimida esta subvención”. Na práctica isto fará que as peaxes que paguen os usuarios soban en 2023 menos que a inflación a cambio de que nos anos seguintes teñan que asumir dos seus petos aumentos superiores aos da inflación deses anos sucesivos.
Este axuste das peaxes foi introducido no real decreto-lei de medidas fronte a crise de prezos aprobado este martes, pero agora deberá ser o ministerio quen autorice, como todos os anos, as subas concretas de cada recorrido antes do próximo 1 de xaneiro, que adoitan facer públicas as propias concesionarias.
No caso da AP-9, a medida chega no ano en que a concesión de Audasa debera rematar se non fose prorrogada polo goberno de José María Aznar. Nela PP e Xunta reclamaban que o Estado asumise todo o aumento da inflación e non subise nada as peaxes, como vai facer o Goberno galego coas dúas autoestradas de titularidade autonómica, as do Val Miñor e Carballo.