Luz verde ao terceiro paquete de axudas do Goberno de España fronte á crise de prezos, desta volta centrada sobre todo nos alimentos. Despois de que os últimos datos da inflación ratificasen que a moderación na alza interanual dos prezos (tres décimas en Galicia, cinco na media estatal) pola banda da luz e do gas se producía mentres o custo dos alimentos seguía disparado (por riba do 15%, no caso galego), Pedro Sánchez vén de ratificar un plan de axudas encabezado pola supresión temporal do IVE nos alimentos básicos.
Os alimentos que ata agora tiñan un imposto sobre o valor engadido do 4% (como pan "común", leite, queixo, ovos ou froitas e verduras segundo a lei vixente) pasarán a estar gravadas ao 0%, isto é, libre do IVE durante seis meses, ata o 30 de xuño de 2023. Ao tempo, aceite e pasta pasarán do tipo xeral da alimentación do 10% ao 5% durante os mesmos 6 meses.
Os alimentos agora gravados ao 4% de IVE pasan ao 0% durante seis meses e a pasta e o aceite pasan do 10% ao 5% no mesmo período. Pedro Sánchez estima que a axuda de 200 euros chegará a uns 4 millóns de fogares
Á espera da publicación do texto íntegro do Real Decreto Lei que incluirá as medidas -e que, como corresponde, tras a súa entrada en vigor terá que ser remitido ao Congreso para ser convalidado-, o presidente do Executivo español confirma que esta rebaixa impositiva virá acompañada dunha "axuda de 200 euros para máis de 4,2 millóns de familias con rendas de ata 27.000 euros para compensar a suba dos prezos". Tamén haberá unha "liña de axudas directas aos agricultores" polo mesmo motivo.
Afirma Sánchez que o seu gabinete ten a intención de "asegurar que as rebaixas do IVE e as axudas aos agricultores se trasladan de forma directa e inmediata aos prezos dos alimentos". Por iso, sinala, o decreto inclúe medidas que garanten a "obrigatoriedade" de que a clientela final perciba o desconto, se ben non concreta en que consisten.
Fin do desconto xeral de 20 céntimos aos combustibles
O desconto xeral de combustible substitúese por "bonificacións para os sectores máis afectados" como "transportistas, agricultores e pescadores"
Como xa avanzara o propio Goberno do PSOE e Unidas Podemos nas últimas semanas, o novo paquete de axudas non incluirá a continuidade do desconto xeral de 20 céntimos por litro de gasolina e gasóleo, implantado o pasado abril tras a brusca alza de prezos derivada da invasión rusa na Ucraína e as sancións da UE contra Rusia. A medida, di Sánchez, tivo "un indubidable efecto positivo", pero a boa evolución dos prezos -sen bonificacións están na actualidade en niveis semellantes aos previos á guerra- leva á "retirada desa medida xeral" e á aprobación de "bonificacións para os sectores máis afectados" como "transportistas, agricultores, navieiras e pescadores", especifica.
Lembra Sánchez que, en materia de mobilidade, o que si mantén o Real Decreto son as "axudas directas" para o desconto do 30% dos autobuses urbanos e interurbanos. Dende o 1 de xaneiro, non obstante, os descontos neste transporte só estarán vixente "naqueles territorios nos que os gobernos locais e autonómicos" complementen o desconto ata o 50%. Isto é o que vén sucedendo xa en Galicia e en gran parte das cidades galegas, pero non así noutros territorios do Estado. Enfatiza o mandatario socialista que esta é unha acción "complementaria" á gratuidade dos abonos do ferrocarril, que como xa avanzara continúan durante todo 2023.
Continuidade doutras medidas tributarias e de vivenda
Sánchez ratifica a continuidade das rebaixas tributarias do gas e a electricidade ou de medidas de vivenda como o límite do 2% á suba dos contratos de alugueiro
Alén da "adaptación da resposta" estatal "ao contexto de inflación actual" coas devanditas meddas, Sánchez confirma a "extensión" de varias das accións aprobadas nos anteriores paquetes. Así, as xa vixentes rebaixas dos impostos sobre o gas e a electricidade esténdense por seis meses máis, ata finais do vindeiro xuño.
En materia de vivenda, esa mesma prórroga de seis meses atinxe "á suspensión de desafiuzamentos en fogares vulnerables" e á extensión "dos contratos de alugueiro que expiren ata o 30 de xuño". No mesmo sector, o Goberno de España leva ata finais do ano vindeiro o "límite do 2% á actualización anual dos contratos de alugueiro", coa intención de evitar que as subas se acompasen ao IPC, o que os dispararía por riba do 8%.
Ata finais de 2023 chega tamén "a prohibición de cortes de subministros" para fogares considerados "vulnerables" e a adaptación dos bonos sociais eléctricos para este colectivo. Igualmente, esténdese durante todo o próximo ano a suba do 15% nos importes do Ingreso Mínimo Vital e das pensións non contributivas.