A inflación modérase, pero segue a crise de prezos e en Galicia faino cun pouco máis de intensidade que na media estatal. O Índice de Prezos ao Consumo (IPC) do pasado novembro, que vén de divulgar o INE, ratifica que o dato da inflación quedou no país no 7,5%, tres décimas menos que no mes previo, mentres que a media estatal cae cinco décimas e baixa ao 6,8%.
O dato xeral segue a tendencia de manter a inflación española como a máis baixa da zona euro, tal e como avanzara Eurostat, e a explicación da moderación hai que buscala, sobre todo, nos prezos da enerxía e dos combustibles. Non en van, o descenso dos prezos nese grupo de consumo precipitouse dende o pasado verán, coa entrada en vigor do tope ibérico ao gas.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, ambos datos -o estatal e o galego- regresan a niveis semellantes aos de principios de ano. Non obstante, a situación non é de calma e así o revela outro dos indicadores: o dato da inflación subxacente, a que se calcula excluíndo os prezos da enerxía e dos alimentos non elaborados, cada vez se aproxima máis ao índice xeral (6,8% interanual na media estatal do índice xeral -5 décimas menos que no mes previo- e xa 6,3% no subxacente -unha décima máis-).
A suba dos prezos dos alimentos duplica a do IPC xeral
Os prezos da enerxía e dos combustibles están agora apenas un 0,8% por riba dos de hai un ano
Unha ollada máis polo miúdo aos datos do IPC amosa ás claras como o principal problema segue sendo o custo dos alimentos. As medidas aplicadas no mercado enerxético, unidas ao comportamento dos mercados internacionais e outros factores, provocan que os prezos da enerxía e dos combustibles estean agora apenas un 0,8% por riba dos que se rexistraban en Galicia hai un ano.
A diferenza é substancial a respecto do que sucedía hai apenas catro meses, cando o dato de agosto roldou o 60%. Máis aínda en relación co dato de marzo, o primeiro tras a invasión da Ucraína por Rusia, cando neste grupo os prezos medraban a un ritmo do 83% interanual.
Se seguimos ollando a eses grandes grupos de gasto, a enerxía e os combustibles están practicamente planos e mesmo as subas medias dos alugueiros de vivenda (arredor do 2%) semellan escasas en comparación coas dos alimentos. Non en van, o seu custo está un 15,4% por riba do de hai doce meses, dúas décimas máis que no mes previo en Galicia. Na media estatal, o incremento dos prezos dos alimentos diminuíu apenas unha décima, do 15,8% ao 15,7%.
O azucre é agora un 65% máis caro que hai un ano e a suba de prezos en alimentos básicos como os ovos ou o leite rolda o 30%
Esa suba do prezo dos alimentos por riba do 15% é un dato medio e, ollando aos detalles, o comportamento é dispar dentro dun panorama xeral de subas. Entre os principais alimentos, o que encabeza a escalada segue sendo o azucre, condicionado por factores internacionais como a restrición das exportacións na India. Actualmente, o dato galego é dun incremento interanual superior ao 65%.
Lonxe dos prezos disparados do azucre, pero así e todo con subas moi elevadas, están dous alimentos nos que repunta a inflación en novembro: os ovos volven superar un incremento interanual do 30% (levaban por baixo dese limiar dende o verán) e o leite sobe ao 28% de suba de prezos interanual, tres puntos máis que en outubro. Destaca tamén a nova suba das patacas, cun incremento interanual superior ao 20%.
Tal e como reflicte o gráfico sobre estas liñas, eses empeoramentos das subas de prezos dos alimentos conviven con algunhas moderacións lixeiras. É o que sucede, por exemplo, nos prezos dos cereais, da carne de vacún ou do café. En calquera caso, dende a pasada primavera non hai ningún grupo de alimentos básicos rexistra diminucións interanuais nos seus prezos.