O ano 2020 estivo marcado polo inicio da pandemia de COVID e as restricións aplicadas para conter a enfermidade, que tiveron un importante efecto económico en moitos sectores. Foi, ademais, a antesala da actual crise de prezos e de perda de poder adquisitivo, iniciada nos últimos meses de 2021 e que acadou a súa maior gravidade no actual ano 2022.
No 2020 o salario medio descendeu en Galicia por primeira vez dende o 2014, rachando seis anos de ascensos
No 2020 o salario medio descendeu en Galicia por primeira vez dende o 2014, rachando seis anos de ascensos. O salario bruto medio situouse nos 18.380 euros anuais, segundo os datos publicados polo IGE a partir da Mostra continua de vidas laborais facilitada pola Seguridade Social, fronte aos 18.462 do ano anterior. A mediana, que ofrece información sobre os salarios máis habituais (independentemente dos extremos estatísticos) reflicte tamén un descenso, mesmo máis importante, e pasou dos 15.870 ao 15.431 euros.
A metade dos asalariados e asalariadas galegas (o 48,5%) cobraron menos de 15.000 euros brutos anuais, o que na práctica significa percibir menos de mil euros ao mes
A diferenza salarial por sexo continuou a ser moi importante, pois os homes cobraron de media 20.378 euros, catro mil máis que as mulleres (16.305). Con todo, mentres que o salario medio masculino descendeu algo máis de dous mil euros, o salario medio cobrado polas mulleres galegas se elevou lixeiramente. Iso si, ao falarmos das medianas e, polo tanto, dos soldos cobrados pola maioría de traballadores e traballadoras, atopamos descensos tanto nos homes coma nas mulleres.
A base de cotización media para as persoas afiliadas á Seguridade Social no réxime xeral acadou os 1.713 euros ao mes no ano 2020, 72 euros por riba do valor rexistrado no ano anterior. Iso si, a metade das persoas ten unha base inferior aos 1.522 euros mensuais. Para os homes, a base de cotización media acadou os 1.856 euros ao mes, mentres que para o colectivo feminino situouse 278 euros por debaixo da masculina.
Tan só o 15% percibe máis de 30.000 euros e apenas un 33% gaña máis de 20.000 euros brutos anuais
Esta evolución deixou unha realidade de salarios baixos nun ano difícil como foi o primeiro da pandemia e, sobre todo, ás portas da espectacular suba de prezos actual. Así, a metade dos asalariados e asalariadas galegas (o 48,5%) cobraron menos de 15.000 euros brutos anuais, o que na práctica significa percibir menos de mil euros ao mes.
Tan só o 15% percibe máis de 30.000 euros e apenas un 33% gaña máis de 20.000 euros brutos anuais. Por suposto, a peor parte lévana os mozos e mozas e as persoas por debaixo de 35 anos. Neste grupo de idade o 66% está por debaixo deses 15.000 euros brutos anuais, unha porcentaxe que é do 45% entre as persoas de 35 a 44 anos.
Case 180.000 traballadores e traballadoras que percibiron uns ingresos brutos de menos de seis mil euros no ano 2020, a maior parte por teren traballado só uns meses
Nesta estatística hai que ter en conta o tempo traballado no conxunto do ano, pois o 3% destes afiliados e afiliadas traballou menos de un mes en todo o ano 2020, o 10,6% entre un mes e seis meses, o 17,4% traballou seis ou máis meses pero sen chegar ao ano completo e, finalmente, o 69% restante fíxoo durante todo 2020.
Esta é a razón de que haxa case 180.000 traballadores e traballadoras que percibiron uns ingresos brutos de menos de seis mil euros no ano 2020. Ao ter en conta o sexo da persoa traballadora, a porcentaxe de homes que estiveron afiliados en alta laboral durante todo o ano 2020 foi do 70,2%, 2,4 puntos por riba da porcentaxe observada entre o colectivo feminino (que se sitúa en 67,8%).
Entre as cidades galegas, Santiago tivo 2020 o salario bruto máis alto, con 22.164 euros anuais de media, seguido da Coruña, con 21.944 euros ao ano
Entre as cidades galegas, Santiago tivo 2020 o salario bruto máis alto, con 22.164 euros anuais de media, seguido da Coruña, con 21.944 euros ao ano. No extremo oposto está o concello de Lugo, onde os afiliados e as afiliadas por conta allea percibiron de media uns 17.907 euros/ano. Este é, xunto co de Ferrol, a única cidade onde o salario medio se sitúa por debaixo da media de Galicia (18.380 euros/ano).
Se atendemos ao dato do salario medio cobrado por hora de traballo e observamos as diferenzas por sexo, atopamos grandes diferenzas entre homes e mulleres, de 1,3 euros por hora no conxunto de Galicia. A fenda chega a ser dous euros por hora na cidade da Coruña e tamén é superior á media en Vigo e Pontevedra.
As cidades de Lugo e Ourense son as que presentan as menores diferenzas entre os salarios por hora cobrados por homes e mulleres. A fenda é tamén inferior á media galega na cidade de Santiago, onde ademais se dá a singular circunstancia de que a mediana do salario cobrado por hora é máis elevada no caso das mulleres que no dos homes.