O índice interanual descende en Galicia en case dous puntos, do 11% ao 9,2%, pero segue por riba da media española. Ademais, hai produtos básicos coma o leite, o pan, o azucre, os cereais, as legumes e hortalizas ou a carne de vacún que continúan a encarecerse
O Indice de Prezos de Consumo (IPC) comeza a moderarse de forma clara en Galicia, despois dun ano de constantes ascensos que elevaron o índice interanual por riba do 10%, un nivel nunca visto en varias décadas. En agosto xa se producira unha pequena baixada (do 11,5% ao 11%), pero o dato de setembro -difundido este venres polo INE- amosa unha redución da inflación moito máis clara, de case dous puntos, ata o 9,2%.
O outro indicador que reflite un claro cambio de tendencia é o da denominada inflación subxacente, que non inclúe alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos, e que descende dende o 7% ata o 6,8%. Son tan só dúas décimas, pero constitúe a primeira diminución dende o mes de abril de 2021. Este índice é considerado habitualmente máis confiable para seguir a evolución dos prezos no medio e no longo prazo, pois é máis estable que o índice xeral, que está máis suxeito a subas e baixadas puntuais.
O descenso debeuse, principalmente, ao abaratamento do prezo da electricidade (-9,7%), dos combustibles (-1,3%) e do transporte (-0,8%)
No mes de setembro os prezos descenderon en Galicia en oito décimas. O descenso debeuse, principalmente, ao abaratamento do prezo da electricidade (-9,7%), dos combustibles (-1,3%) e do transporte (-0,8%), coa entrada en vigor dos abonos gratuítos da Renfe e dos descontos nos autobuses. Pola contra, os alimentos continuaron a encarecerse, especialmente os elaborados (+0,6%), aínda que a un ritmo inferior a como o veñen facendo nos últimos meses.
O índice interanual mantense en Galicia por riba da media do Estado
O índice interanual (9,2%) mantense en Galicia, iso si, por riba da media do Estado español (8,9%), unha situación que se vén mantendo dende xaneiro do pasado ano 2021.
O leite continúa a encarecerse para o consumidor final e o seu prezo é xa un 28% superior ao de hai un ano
Como dicíamos, en setembro descenderon de forma notable os prezos de luz e calefacción, que pasan de presentar unha suba intaranual do 52% a un moito máis reducido, aínda que importante, 29%. Aínda así, segue a ser o capítulo que máis se encarece con respecto ao mesmo mes do ano 2021, por riba de combustibles (+23%, tamén en descenso). Inmediatamente por detrás destes dous apartados aparecen xa os alimentos, que son un 14% máis caros que hai un ano.
Tamén segue subindo o prezo dos cereais (+20% no último ano), do azucre (+16%), do pan (+14%), das legumes e hortalizas (+14%) ou da carne de vacún (+12%)
O alimento que máis encareceu o seu prezo nos últimos meses seguen a ser os ovos, un 29% máis caros que en setembro de 2021, aínda que leva varios meses moderando a súa escalada. O mesmo sucede co aceite, aínda un 22% por riba do seu nivel de hai uno, pero en descenso.
En cambio, o leite continúa a encarecerse para o consumidor final e o seu prezo é xa un 28% superior ao de hai un ano. Tamén segue subindo o prezo dos cereais (+20% no último ano), do azucre (+16%), do pan (+14%), das legumes e hortalizas (+14%) ou da carne de vacún (+12%).