A porcentaxe de poboación baixo o limiar da pobreza ou en situación de exclusión social medrou de forma moi importante en Galicia entre 2019 e 2020 (do 24,2% ao 25,3%), pero diminuíu unha décima no ano 2021 (ata o 25,2%)
A porcentaxe de poboación baixo o limiar da pobreza ou en situación de exclusión social medrou de forma moi importante en Galicia entre 2019 e 2020 (do 24,2% ao 25,3%), pero diminuíu unha décima no ano 2021 (ata o 25,2%). Os datos amosan o efecto da crise económica provocada pola pandemia de COVID, pero tamén o efecto amortecedor nas medidas sociais postas en marcha polas distintas administracións para paliala, comezando polos ERTE ou a posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital, a cargo do Goberno central, pero tamén a Tarxeta Básica implantada pola Xunta e suprimida hai uns meses.
EAPN Galicia (Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social) presentou este luns, coincidindo co Día Internacional para a erradicación da Pobreza, o seu XII Informe “O Estado da Pobreza en Galicia 2021” que recolle por primeira vez o impacto da pandemia da COVID-19 sobre os datos oficiais de pobreza e exclusión. O informe foi presentado en Compostela coa participación da Valedora do Pobo, Maria Dolores Fernández Galiño, a presidenta de EAPN Galicia, Eloina Ingerto López e do director de EAPN Galicia Xosé Cuns Traba, que realizou a explicación técnica do informe.
O informe destaca que a taxa de pobreza se elevaría un mínimo de 4,9 puntos, unhas 127.000 persoas, sen as medidas extraordinarias de política social implantadas para combater os efectos da pandemia
O documento de análise da situación social en Galicia dá continuidade ao informe de ámbito estatal, presentado o pasado xoves en Madrid, e que alertou do incremento das cifras de pobreza en España no anos 2020 e 2021 malia o "efecto amortecedor" do "Escudo Social" posto en marcha polo Goberno central, as comunidades autónomas e as entidades do terceiro sector.
Mentres que no conxunto do Estado a pobreza e a exclusión continuou a aumentar no ano 2021 (do 27% ao 27,8%), en Galicia houbo un certo alivio, destacando neste senso EAPN-Galicia "o relativo éxito das medidas de choque contra a pobreza tanto a nivel estatal (ERTE ou Ingreso Mínimo Vital) como na Xunta (mantemento RISGA ou, sobre todo, a Tarxeta Básica), concellos e organizacións do Terceiro Sector de Acción Social". O informe destaca que a taxa de pobreza se elevaría un mínimo de 4,9 puntos, unhas 127.000 persoas, sen as medidas extraordinarias de política social implantadas para combater os efectos da pandemia.
A poboación que non se pode permitir comer carne, polo ou peixe cada dous días pasou do 14.9% en 2020 ao 2,1% en 2021, un cambio que EAPN-Galicia destaca como efecto da Tarxeta Básica posta en marcha pola Xunta e que foi posteriormente retirada polo Goberno galego
Entre os efectos positivos destas medidas constatados nas estatísticas está o acceso a unha alimentación axeitada, pois a poboación que non se pode permitir comer carne, polo ou peixe cada dous días pasou do 14.9% en 2020 ao 2,1% en 2021, un cambio que EAPN-Galicia destaca como efecto da Tarxeta Básica posta en marcha pola Xunta e que foi posteriormente retirada polo Goberno galego, que se xustificou en que se trataba dunha medida excepcional ligada unicamente á pandemia. A EAPN reclamou este luns o mantemento desta medida, como xa fixera anteriormente, ao igual que BNG e PSdeG.. "Trátase dun instrumento directo e moi centrado nas persoas en maior situación de pobreza e, ademais, que xa demostrou a súa efectividade", lembrou a presidenta de EAPN Galicia, Eloina Ingerto.
"Se sabemos que funciona, por que non poñela de novo en marcha asegurando a implicación orzamentaria dos concellos e reforzando o seu papel como primeiro paso nos procesos de inclusión social e acceso ao emprego?", preguntouse a presidenta da Rede Galega de Loita contra a Pobreza
“A emerxencia é agora, e as dificultades para mercar produtos de primeira necesidade, sobre todo de alimentación, tamén. Nunca se felicitará dabondo á Xunta de Galicia pola implantación da Tarxeta Básica. Por que frear? Se sabemos que funciona, por que non poñela de novo en marcha asegurando a implicación orzamentaria dos concellos e reforzando o seu papel como primeiro paso nos procesos de inclusión social e acceso ao emprego?", preguntouse a presidenta da Rede Galega de Loita contra a Pobreza.
Alfonso Rueda contestou ás críticas por suprimir a Tarxeta Básica prometendo pór en marcha outras medidas como axudas para "comedores sociais" e albergues para persoas sen fogar ou subvencións para o pagamento de conexións a internet, unhas medidas que en realidade son subvencións xa existentes a ONG
Mentres que no ano 2019 a porcentaxe de poboación pobre ou excluída era moi semellante en homes e mulleres, no 2021 o indicador feminino aumentou ata o 26,3% mentres que o masculino diminuíu ata o 24,5
A análise polo miúdo dos datos amosa un agravamento da feminización da pobreza nos anos 2020 e 2021, en especial nas familias monoparentais. Mentres que no ano 2019 a porcentaxe de poboación pobre ou excluída era moi semellante en homes e mulleres, no 2020 o indicador feminino aumentou ata o 25,6% mentres que o masculino ficou no 24,5. E, sobre todo, durante o 2021 a porcentaxe seguiu incrementándose nas mulleres ata o 26,3%, mentres que nos homes se reduciu ata o 24%. Esta diferente evolución tamén se percibe nos datos de "pobreza severa", que no conxunto de Galicia diminuíu do 9,4% ao 8,8% grazas ao descenso no homes (do 10,2% ao 8,6%), pero que nas mulleres aumentou do 9,5% ao 10,2%.
É unha conclusión moi semellante á que chegara Cáritas no informe realizado coa Fundación Foessa, que destacaba que a crise incrementou as desigualdades e atacou especialmente aos fogares que dependen de mulleres, á mocidade, ás persoas inmigrantes e, en xeral, a todos os grupos que previamente xa se atopaban nunha situación máis fráxil. Cáritas destacou nese documento, ao igual que agora fai EAPN-Galicia, que "a diferenza de crises anteriores, houbo unha resposta máis rápida e global das políticas públicas para conter o aumento das necesidades sociais".
A pobreza aumentou de forma moi importante nos menores de idade, que residen en fogares con ingresos baixos
Durante a pandemia disparáronse tamén as diferenzas entre grupos de idade, pois a porcentaxe de poboación baixo o limiar da pobreza descendeu entre os maiores de 65 anos, mantívose estable no grupo entre 18 e 65 e aumentou de forma moi importante nos menores de idade, que residen en fogares con ingresos baixos. A ONG Igaxes alertou xa nos primeiros meses da pandemia como a crise económica xerada por esta situación estaba a empurrar á pobreza a milleiros de familias vulnerables en Galicia, advertindo especialmente do prexuízo que sufrían os fogares con nenos e mozos.
Así mesmo, houbo cambios significativos na evolución da pobreza nas zonas urbanas e rurais. A pobreza, máis importante ata agora nas zonas rurais, descendeu nestas áreas entre 2020 e 2021 (do 28,6% ao 25,5%), mentres que nas zonas urbanas -ata agora con cifras máis cativas- aumentou do 23% ao 25%.
EAPN-Galicia alerta de que 356.299 galegas e galegos reciben unha pensión inferior ao mínimo considerado para non ser pobre (681€ ao mes), o 46,3% do total e un 56,6% no caso das mulleres
O informe de EAPN-Galicia tamén alerta de que 356.299 galegas e galegos reciben unha pensión cun importe inferior ao mínimo considerado para non ser pobre (681€ ao mes), o 46,3% do total; un 56,6% no caso das mulleres e o 30,8% na dos homes. Malia a redución con respecto ao ano anterior (47.800 menos), Galicia segue a ser a comunidade autónoma coa máis elevada porcentaxe de pensións por baixo do limiar de pobreza. Hai, ademais, 162.355 pensións (o 21,1%) por debaixo do limiar da pobreza severa; o 13,4% para os homes e 27,7% para as mulleres.
EAPN-Galicia advirte, así mesmo, da consolidación de novas figuras de pobreza, coma o dos traballadores pobres (persoas que están en situación de pobreza a pesar de ter un emprego remunerado), que pasaron do 13,5% ao 17,9%.
O 24,8% das persoas en pobreza dedican mais do 40% da súa renda dispoñible a gastos de vivenda
En canto aos capítulos concretos en relación coa privación material, as últimas estatísticas amosan un preocupante aumento do número de persoas que sofren a chamada "pobreza enerxética" e que, por exemplo, non poden manter os seus fogares a unha temperatura axeitada, debido ao incremento dos prezos da electricidade e do gas. Do 9,6% no 2020 pasou ao 13,1% no 2021. Tamén se pon de manifesto o problema de acceso á vivenda, pois o 24,8% das persoas en pobreza dedican mais do 40% da súa renda dispoñible a gastos de vivenda.
EAPN reclama neste senso políticas que loiten contra o problema das infravivendas e as eivas de illamento térmico que sofren moitas familias, que non poden acceder a unha vivenda digna, propoñendo un reforzo dos fondos achegados polo Instituto Galego de Vivenda e Solo para estas cuestións.
Unha proporción importante de poboación (o 13,6% en 2021) non se pode permitir unha conexión web para o seu fogar
De igual xeito, o informe alerta da continuidade da "fenda dixital" con graves implicacións para a formación educativa ou o acceso a un posto de traballo, pois unha proporción importante de poboación (o 13,6% en 2021) non se pode permitir unha conexión web (fixa ou móbil) para o seu fogar. O dato é inferior ao de 2020 (18%), pero segue moi por riba da media española (2,7%).
A presidenta de EAPN non ocultou a preocupación das organizacións de acción social de que os pequenos avances nos anos da crise da pandemia, se poidan perder na actual crise da inflación. Eloina Ingerto concluíu sinalando que “se temos algunha razón para o optimismo, debemos agradecerlla ás e ós profesionais e voluntarias que antes, durante e despois da emerxencia da pandemia se deixaron e se están a deixar a pel por defender os dereitos e a dignidade das persoas mais vulnerables: nas organizacións do Terceiro sector, nos servizos sociais comunitarios ou mesmo na Consellería de Política Social“.