As zonas rurais de Ourense e Pontevedra encabezan o mapa da pobreza en Galicia

Concellos con máis poboación con ingresos baixos CC-BY-SA Praza.gal | Imaxe: pxfuel

O pasado venres o INE publicou os datos do Atlas de distribución de rendas dos fogares correspondente ao 2020. A estatística amosou, como todos os anos, os concellos con máis e menos renda de Galicia, encabezados por Oleiros e As Pontes no extremo positivo e por Avión e Beariz no negativo, isto é, no das localidades con menor renda bruta por habitante. Pero os datos do INE tamén debullaban a porcentaxe de poboación que en cada lugar recibe ingresos baixos e, igualmente, as zonas con maior e menor desigualdade do país. 

O 11,3% dos galegos e galegas contan con rendas inferiores aos 7.500 euros anuais, unhas 300.000 persoas. E o 20,6% percibe ingresos por debaixo dos 10.000 euros ao ano, ao redor de 600.000 persoas

O mapa resultante amosa unha Galicia na que o 5,5% da poboación ten ingresos inferiores aos 5.000 euros anuais (400 euros ao mes), o que representa a unhas 150.000 persoas. De igual xeito, o 11,3% dos galegos e galegas contan con rendas inferiores aos 7.500 euros anuais (600 euros ao mes), unhas 300.000 persoas. Finalmente, o 20,6% percibe ingresos por debaixo dos 10.000 euros ao ano (800 ao mes), ao redor de 600.000 persoas. 

O 16% dos menores de 18 anos vive en fogares con ingresos por debaixo dos 7.500 euros e o 26,7% en familias por debaixo dos 10.000 euros

Estas porcentaxes diminuíron de vagar nos últimos anos, mesmo no primeiro ano da pandemia, e son maiores nas xeracións máis novas, pois o 16% dos menores de 18 anos vive en fogares con ingresos por debaixo dos 7.500 euros e o 26,7% en familias por debaixo dos 10.000 euros. 

En cambio, as porcentaxes descenden moito entre a poboación de máis de 65 anos que ten garantida unha pensión, aínda que sexa mínima, que lle permite escapar dos niveis de pobreza máis extrema.

A lista está encabezada por Avión, A Lama e Beariz, os tres por riba do 25% da súa poboación con ingresos inferiores aos 7.500 euros anuais. En Quintela de Leirado, Boborás, Padrenda, Verín e Ramirás a porcentaxe supera o 20%

Este mapa da pobreza amosa unha clara división na xeografía galega. Os concellos cunha maior porcentaxe de poboación con ingresos baixos concéntranse na provincia de Ourense, no sur da provincia de Lugo e no interior da provincia de Pontevedra, ademais de situacións puntuais na Costa da Morte ou no Ortegal. En cambio, o resto da provincia da Coruña, o norte da de Lugo e o litoral pontevedrés rexistran unha proporción menor de poboación con baixos ingresos.

A lista está encabezada por Avión, A Lama e Beariz, os tres por riba do 25% da súa poboación con ingresos inferiores aos 7.500 euros anuais. En Quintela de Leirado, Boborás, Padrenda, Verín e Ramirás a porcentaxe supera o 20%.

Os concellos con máis desigualdade de Galicia son Mondariz-Balneario e Oleiros

Os datos do INE tamén informan do nivel de desigualdade en cada concello, medindo a distribución da riqueza en máis ou menos mans a través do coeficiente de Gini, con valores máis elevados para unha maior desigualdade e máis baixos para unha maior igualdade de ingresos. Os concellos con máis desigualdade de Galicia son Mondariz-Balneario e Oleiros, debido á presenza dun gran número de residentes con rendas moi elevadas, ademais de Avión e A Lama (cunha numerosa poboación con baixos ingresos).

Nas localidades con poboación máis nova (Ames, Oroso, Culleredo, Arteixo, Cambre, Brión, Salceda de Caselas, Barbadás...) ao redor de dous terzos de todos os ingresos proceden dos salarios de traballadores e traballadoras

Finalmente, a estatística do INE tamén informa sobre a procedencia dos ingresos individuais en cada concello, con grandes diferenzas entre unhas e outras zonas. Atopamos localidades con poboación máis nova (Ames, Oroso, Culleredo, Arteixo, Cambre, Brión, Salceda de Caselas, Barbadás...) nas que ao redor de dous terzos de todos os ingresos proceden dos salarios de traballadores e traballadoras. Estas porcentaxes contrastan cos de localidades máis envellecidas, nas que os salarios apenas supoñen o 25% do total dos ingresos, como Avión, Calvos de Randín ou Beariz.

Nestes concellos a parte máis importante da renda (ao redor do 50%) procede do pagamento de pensións de xubilación, un apartado encabezado por Vilardevós, Gomesende e O Bolo. Como vemos, os concellos cunha menor proporción de ingresos salariais coincinden na súa maior parte coas localidades con menor renda total por habitante e tamén cos que teñen unha maior proporción de poboación pobre. 

Nas localidades máis envellecidas, os salarios apenas supoñen o 25% do total dos ingresos e o 50% proceden do pagamento de pensións

Á inversa, a maior parte dos concellos con renda persoal máis elevada coinciden con localidades con grande importancia dos salarios no cúmputo total, aínda que con excepcións, como As Pontes, Cervo, Cabanas ou Ferrol, nos que as pensións pagadas a antigos traballadores industriais teñen unha gran relevancia

O Grove, Soutomaior, Pazos de Borbén, Sanxenxo, Mondariz-Balneario e Redondela son os concellos onde as prestacións por desemprego teñen unha importancia maior, aínda que sempre por debaixo do 8% do total dos ingresos. 

As Nogais, Carballeda de Valdeorras, Sobrado e Porqueira encabezan a lista de localidades nas que "outras prestacións" representan unha maior porcentaxe dos ingresos (por riba do 8%).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.