O número de persoas que en Galicia perciben rendas mínimas de inserción (como a RISGA e outras) reduciuse no 2020, primeiro ano da pandemia. A cifra total pasou de 27.238 en 2019 a 22.337 en 2020, case cinco mil persoas menos, un descenso debido principalmente á redución de persoas beneficiarias adscritas á titular da axuda. O descenso, que se une aos dos anos 2018 e 2019, coincidiu ademais cun incremento no número de persoas pobres en Galicia, reflectido polo indicadores oficiais: a taxa de risco de pobreza pasou do 20% de 2019 ao 22,1% en 2020, segundo o INE. Tamén o destaca o recente informe Foessa, de Cáritas, que alerta de que a pandemia empeorou especialmente a situación das persoas con menos recursos.
Este "desmantelamento das rendas mínimas" levouse a cabo "coa coartada do Ingreso Mínimo Vital", denuncia a Asociación, que acusa a Galicia e outras comunidades de "facer caixa en lugar de orientar o orzamento á garantía do dereito á inserción reforzando os servizos sociais"
A Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais publicou este luns un informe que advirte de que sete comunidades autónomas -entre elas Galicia- recortaron no primeiro ano da pandemia o gasto en rendas mínimas e tamén o número de persoas beneficiarias. Para a entidade, este "desmantelamento das rendas mínimas" levouse a cabo "coa coartada do Ingreso Mínimo Vital", é dicir, aproveitando a posta en marcha desta nova prestación por parte do Goberno central. Para a asociación, estas sete comunidades autónomas "aproveitan para facer caixa en lugar de orientar o orzamento á garantía do dereito á inserción social reforzando os servizos sociais para a loita contra a exclusión social".
O número de persoas beneficiarias destas axudas pasou de 27.238 en 2019 a 22.337 en 2020, case cinco mil menos. Galicia foi a terceira comunidade que máis recortou no 2020
Galicia foi a cuarta comunidade que máis recortou o número de persoas beneficiarias en termos absolutos, despois de Madrid, Aragón e Baleares. En termos relativos foi a terceira, tras Aragón e Castela-A Mancha, un 18,9% menos de persoas recibiron as rendas mínimas en Galicia con respecto ao ano 2019.
En cambio, houbo varios territorios que no ano 2020 si fixeron un esforzo por reforzar o colchón social coincidindo coa crise xerada pola pandemia de COVID. Destaca o caso de Canarias (cun aumento de beneficiarios do 175%), a Comunidade Valenciana (un 79% máis), Andalucía e Cataluña, a que máis aumentou en termos absolutos: 42.000 persoas máis. No conxunto do Estado, o número de persoas beneficiarias aumentou un 14% en 2020.
O Ingreso Mínimo Vital foi aprobado en xuño de 2020, sendo compatible coas rendas mínimas autonómicas. Porén, unha lei galega impide a súa compatibilidade coa RISGA. No último ano e medio, a Xunta aínda non modificou a lexislación, como si fixeron outros territorios
O Ingreso Mínimo Vital (IMV) foi aprobado polo Goberno central en xuño de 2020, aínda que no seu primeiro ano de posta en marcha esta axuda amosou grandes problemas administrativos, con obstáculos burocráticos e longas esperas para a súa concesión que lastraron os seus efectos positivos. O IMV foi concibido para ser compatible coas rendas mínimas e de inclusión que funcionaban dende décadas atrás nas comunidades autónomas, como é a RISGA en Galicia. Porén, a RISGA non é compatible co IMV porque, aínda que a lexislación estatal si o contempla, a lei de inclusión galega do ano 2013 impídeo.
Outras comunidades , como Canarias, aprobaron con rapidez leis que permiten a compatibilidade coas rendas autonómicas. Galicia non o fixo e só este mes de setembro iniciou os trámites que o permitirán nun futuro e, polo camiño, a Consellería de Política Social reclamou a devolución de miles de euros cobrados pola Risga a persoas sen recursos que tiñan o IMV concedido e o cobraron retroactivamente tras meses de espera. O Goberno central acusou á Xunta de rexeitar todas as vías para que perceptoras da Risga co IMV concedido non teñan que devolver cartos, unha práctica que o Goberno galego continuou a pesar das críticas.
O recorte efectuado en Galicia coincidiu cun incremento do número de persoas que viven baixo o limiar da pobreza, que pasou do 20% ao 22,1% nun ano
O recorte efectuado en Galicia coincidiu cun incremento do número de persoas que viven baixo o limiar da pobreza, que pasou do 20% ao 22,1% nun ano, un indicador que vén medrando dende o 2018. En total, hai case medio millón de persoas pobres en Galicia (490.607). Porén, tan só 22.337 reciben estas rendas mínimas, menos do 5%.
Esta taxa de cobertura do 4,55% é unha das máis baixas de todo o Estado, superando unicamente a Canarias e Castela-A Mancha. Galicia sitúase moi por debaixo da media española (9,03%) e aínda máis lonxe dos dous territorios que mellor cobertura ofrecen á súa poboación pobre: Euskadi e Navarra. Alí, ao redor do 60% das persoas que viven baixo o limiar da pobreza reciben algún tipo de renda mínima.
Esta taxa de cobertura do 4,55% é das máis baixas de todo o Estado, superando só a Canarias e Castela-A Mancha
Dende o ano 2018 Galicia vén reducindo a súa taxa de cobertura. Mentres aumenta o número de persoas sen recursos, diminúe a cantidade que recibe algún tipo de renda mínima, o que fixo baixar a taxa de cobertura do 7,2% ao 4,55%. En cambio, no conxunto do Estado español a evolución é a contraria: do 7,6% de 2018 pasouse ao 9% en 2020.
Galicia está tamén nos últimos lugares no que atinxe ás contías das súas rendas mínimas de inserción. O gasto medio por titular é o 12,2% da renda media por fogar no noso país. Trátase da quinta menor contía, por debaixo da media española (15,03%) e só por diante dos datos da Rioxa, Cataluña, Murcia e Baleares.
Galicia está tamén nos últimos lugares no que atinxe ás contías das súas rendas mínimas de inserción
Nas súas rendas mínimas, Galicia emprega o Indicador Público de Rendas Múltiples (IPREM) como referencia, fixando o límite no 75% desa cantidade (mentres que outras comunidades elevan este límite ata o 100% dese indicador). Tendo en conta que o IPREM se situaba no 2020 nos 537 euros (foi elevado a 565 a finais dese ano), a RISGA limitaba a súa contía a 403,38 euros mensuais, a máis baixa de todo o Estado, só por diante de Ceuta e Madrid. Para a asociación, trátase de "contías ínfimas que de ningunha maneira permiten aos perceptores garantir a súa supervivencia". A media española era ese ano de 489 euros mensuais e había comunidades, como Euskadi, Navarra, C. Valenciana ou Cataluña, que superaban os 600 euros mensuais.
A Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais reclámalles ás comunidades autónomas que "os 1.686 millóns de euros que investían en rendas mínimas se orienten á garantía do dereito á inserción social, reforzando os servizos sociais"
No seu informe, a Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais realiza demandas concretas ao Goberno central e ás comunidades autónomas para loitar contra a pobreza nos seus territorios. Por unha banda, pídelle ao Ministerio de Dereitos Sociais que "simplifique os procedementos do IMV e cumpra coa promesa de garantir a prestación a 800.000 familias, como se comprometeu" e que "recupere os 1.000 millóns que non xestionou no ano da crise social maior da historia recente do noso país".
Pola outra, reclámalles ás comunidades autónomas que "os 1.686 millóns de euros que investían en rendas mínimas se orienten á garantía do dereito á inserción social, reforzando os servizos sociais". Para a entidade, este é o camiño "para a loita da exclusión social que produce a pobreza continuada, transmitida xeracionalmente e sen posible saída nun contexto de escaseza e precariedade de oportunidades no mercado laboral".