A renda media só descendeu en medio cento de concellos no primeiro ano da pandemia

Mapa da renda media dos concellos galegos en 2020 sobre unha imaxe de Santa Cruz, en Oleiros, o municipio con maior renda media do país CC-BY-NC-SA Praza.gal | Foto: © Turismo de Galicia

A renda media é un indicador estatístico que, illado, pode resultar enganoso. Especialmente en territorios de pouca poboación, onde unha mellora ou empeoramento brusco nas situación económica dunha soa persoa, por exemplo, pode provocar un ascenso ou descenso bruto da renda media sen que o resto da veciñanza experimentase variación ningunha.

Non obstante, a súa evolución no tempo si permite trazar diferenzas territoriais para o conxunto do país, por concellos, comarcas e mesmo dentro do mesmo municipio. O INE vén de divulgar os datos do seu Atlas de distribución de rendas dos fogares con datos correspondentes ao ano 2020, o primeiro afectado pola pandemia da COVID e as súas consecuencias económicas. 

Atendendo a esta información, tirada da Axencia Tributaria -baseada nas declaracións do IRPF por lugar de residencia-, en apenas medio cento de concellos galegos -concretamente en 52- diminuíu a renda neta media da súa veciñanza a respecto do ano previo, o 2019. Mentres, en todos os demais aumentou. Nun total de 57 fíxoo por riba do 3%.

Oleiros mantívose como concello con maior renda media en 2020, ano no que os descensos deste indicador atinxiron, entre outros, a varios concellos moi ligados á actividade turística

Os incrementos da renda media están encabezados por pequenos municipios cuxos datos, precisamente pola súa escasa poboación, cómpre ler con cautela. É o caso de Melón, cunha suba da renda media por habitante do 11,6% en 2020, pero con apenas 1.100 habitantes. Non obstante, tamén se rexistraron incrementos en concellos máis poboados como Xinzo de Limia, que ten máis de 9.000 habitantes (+3,83%). Nas cidades, así e todo, os incrementos da renda media foron discretos e só en Vigo e Lugo subiu por riba do 1%.

Mentres, nos municipios que descendeu figuran varios nos que o turismo, moi limitado nese ano polas restricións da pandemia, ten un importante impacto. É o caso de varios municipios da comarca do Salnés ou doutros moi vinculados ao Camiño de Santiago, como Portomarín, Palas de Rei ou Triacastela.

Oleiros recunca como concello con maior renda media

Alén desa variación no ano da pandemia, os datos divulgados polo INE trazan un retrato do mapa municipal galego moi semellante ao doutros estudos semellantes. Así, Oleiros segue aparecendo como o concello galego con maior renda media por habitante, con algo máis de 16.000 euros, seguido polas Pontes, con algo máis de 15.000.

A continuación destes dous concellos figuran dúas cidades, Santiago e A Coruña, e xusto despois o concello mariñao de Cervo que, como As Pontes, ten uns niveis de renda moi marcados polo complexo industrial que alberga -no seu caso, o de Alcoa. Na banda contraria, a dos concellos con menor renda media do país, atópanse dous municipios ourensáns: Avión (7.565 euros), coñecido por ser fonte de abondosa emigración e mais Beariz. Séguenos A Lama, Fisterra e Boborás.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.