A renda media nos barrios máis ricos de Galicia multiplica por cinco a das zonas máis pobres

Edificio na Avenida Linares Rivas da Coruña e mapas de rendas medias en 2018 CC-BY-NC-SA Foto: Turismo de Galicia | Montaxe: Praza Pública

O barrio máis rico de Galicia está na Coruña, en concreto no Ensanche da cidade herculina. En dúas seccións censuais coruñesas (unha que abrangue boa parte da Avenida de Linares Rivas e da rúa Federico Tapia e outra que atinxe a Praza de Lugo ou a rúa Juana de Vega) a renda media por persoa situábase no ano 2018 claramente por riba dos 30.000 euros anuais. Ribeira, Oleiros, Vigo, Santiago de Compostela e a propia cidade da Coruña acollen as seguintes zonas máis ricas, con rendas anuais medias entre os 23.000 e os 30.000 euros por persoa.

En dúas seccións censuais coruñesas a renda media por persoa situábase no ano 2018 claramente por riba dos 30.000 euros anuais

No extremo contrario, as seccións censuais con menor renda media de Galicia fican por debaixo dos 7.000 euros por persoa, case cinco veces menos que a dos barrios máis ricos. Sitúanse en Ribeira e Avión, pero tamén Boborás, A Lama, Carballo, Ourense, O Porriño, Pontevedra, Vigo, Maside, Meis, Ferrol ou A Cañiza teñen seccións censuais con rendas medias moi reducidas, entre os 7.000 e os 8.000 euros por persoa.

O INE vén de publicar os datos de renda correspondentes ao ano 2018, detallados por seccións censuais, zonas nas que vive un máximo de 1.500 persoas e que se corresponden a parroquias ou agrupacións de parroquias (con concellos menos poboados) ou a barrios ou mesmo partes dun barrio (en ocasións apenas un par de rúas) nas cidades máis grandes. A renda por persoa calcúlase tomando todas as rendas dun fogar e dividíndoas entre o número de persoas que viven alí: o primeiro adulto conta como 1, o segundo como 0,5 e cada un dos e das menores de idade como 0,3.

As maiores diferenzas danse entre as áreas urbanas (con máis renda) e as rurais (con menos). Outra das diferenzas vén dada pola presenza de emprego industrial nun determinado concello

O mapa da renda media permite observar as grandes diferenzas existentes entre unhas e outras zonas de Galicia, unhas diferenzas que se dan, en primeiro lugar, entre as áreas urbanas (con máis renda) e as rurais (con menos). Outra das diferenzas vén dada pola presenza de emprego industrial nun determinado concello. 

De feito, Oímbra, Padrenda, Quintela de Leirado, Beariz, A Lama e Avión aparecen como os concellos con menos renda por habitante (ao redor de 10.000 euros). E, pola contra, As Pontes de García Rodríguez era no ano 2018 o concello con máis renda por habitante en Galicia, con 18.550 euros, xusto por riba de Oleiros e Santiago de Compostela. Cervo (onde se sitúa a factoría de Alcoa) era o cuarto concello con máis renda, por diante da Coruña, Bergondo, Cabanas, Cerceda, Coirós, Culleredo, Fene, Teo, Xove e Vigo.

O INE ofrece información tamén sobre as zonas cunha maior porcentaxe de poboación que recibe rendas máis reducidas, menos de 10.000 euros ao ano e mesmo menos de 7.500 euros ao ano. Neste caso, zonas do Concello de Avión, de Ferrol ou de Ribeira aparecen como as que acollen unha maior proporción de poboación pobre, con porcentaxes superiores ao 40%.

No outro extremo, nun gran número de rúas do centro da Coruña, pero tamén de Ames e en concellos como Caldas de Reis ou Xove a porcentaxe de persoas cunha renda anual inferior aos 7.500 euros non chega ao 5%.

Grandes diferenzas entre os barrios ricos e os barrios pobres das cidades

Nas cidades as zonas máis ricas adoitan corresponder cos barrios máis céntricos e as de menor renda sitúanse ou ben nas contornas rurais ou en determinados barrios

As seguintes gráficas permiten observar con máis detalle as diferenzas existentes no interior das cidades galegas entre os barrios con maior renda media e os barrios máis empobrecidos. As zonas máis ricas adoitan corresponder cos barrios máis céntricos e as de menor renda sitúanse ou ben nas contornas rurais ou en determinados barrios.

Nun concello como o da Coruña as áreas con maior renda (xa sinaladas) chegan a multiplicar por catro os datos das áreas máis pobres, situadas na zona do Portiño, pero tamén en barrios como A Agra, O Ventorrillo ou A Sardiñeira. No resto das cidades galegas as diferenzas entre as zonas de maior ou menor renda non son tan grandes, chegando como moito as máis ricas a multiplicar por 2,5 veces as de menos recursos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.