O proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2021, presentado a pasada semana, inclúe entre as súas medidas unha pequena suba de impostos para as rendas máis altas. Así, aquelas persoas que ingresan máis 300.000 euros ao ano por rendementos do traballo e que agora pagan o 45% a través do IRPF pasarían a pagar o 47%. De igual xeito, as rendas de capital por riba dos 200.000 euros pasarán de tributar ao 23% a facelo ao 26%.
O PP criticou que a medida afecta ás "clases medias" e o PPdeG afirmou que "pagaremos todos" a suba de impostos
Medra tamén nun punto, do 2,5% ao 3,5% o imposto de patrimonio para as fortunas de máis de 10 millóns de euros. E, igualmente, sobe o imposto de sociedades para grandes grupos empresariais, establecéndose un tipo mínimo do 15% sobre a base imponible para as grandes empresas (gravando as sociedades cotizadas de inversión inmobiliaria ou 'socimis', un tipo de empresas que utilizan os grandes capitais para aforrar impostos). E, pola contra, o tipo aplicable ás pemes que facturen menos dun millón de euros ao ano redúcese do 25% ao 23%)
O anuncio da suba de impostos foi recibida con críticas por parte de VOX e PP, que denunciou que o incremento afectaba ás "clases medias". Tamén en Galicia o PPdeG publicaba este luns na súa conta de Twitter que "o Goberno Central anuncia unha subida de impostos para 2021 que pagaremos todos". Porén, a análise concreta de a que tipo e a que cantidade de contribuíntes afectan as subas contradí este suposto ataque ás "clases medias" enunciado por Pablo Casado.
A media só afectará ás persoas que gañan polo seu traballo máis de 300.000 euros ao ano
No conxunto do Estado calcúlase que a suba do 45% ao 47% no tipo máximo do IRPF afectará unicamente a uns 16.740 contribuíntes (aqueles que ingresan cada ano máis de 300.000 euros), un 0,08% do total. A suba no tipo máximo que pagan as rendas de capital (ingresos por dividendos, accións, depósitos financeiros...) afectará a outras vinte mil persoas, todas aquelas que ingresan cada ano por esta vía máis de 200.000 euros, sumando en conxunto uns 36.200 contribuíntes, un 0,17% do total.
No ano 2018 o número de contribuíntes galegos que declararon ingresos de rendementos do traballo por riba dos 150.000 euros foi de pouco máis de 3.000 persoas, apenas o 0,27% do total de contribuíntes
Para Galicia podemos facer un cálculo aproximado, a partir dos datos que anualmente ofrece a Axencia Tributaria do número de declarantes e cantidades achegadas por treito de ingresos. No ano 2018 o número de contribuíntes galegos que declararon ingresos de rendementos do traballo por riba dos 150.000 euros foi de pouco máis de 3.000 persoas, apenas o 0,27% do total de contribuíntes. A Axencia Tributaria non ofrece desagregado o dato a partir do nivel dos 300.000 euros pactado entre PSOE e Unidades Podemos, pero probablemente será moi inferior ás 3.000 persoas. O mesmo sucede se engadimos o número de declarantes con rendas de capital por riba de 200.000 euros ao ano.
A cifra total de persoas afectadas pola suba fiscal no noso país é, polo tanto, moi reducida. Se no conxunto do Estado o número de contribuíntes que sufrirán un aumento de impostos é de 36.200, un 0,17% do total, tendo en conta que a poboación total de Galicia representa o 6% do total, a poboación afectada aquí redúcese a pouco máis de dúas mil persoas.
Cómpre lembrar que no ano 2015 o Goberno presidido por Mariano Rajoy rebaixou do 47% ao 45% o tipo que pagaban as persoas que gañaban máis de 60.000 euros. Naquel momento o PP defendeu que a súa rebaixa de impostos beneficiaba a toda a poboación, pero esta só chegaba ao 45% dos traballadores e traballadoras e só tiña un impacto significativo para aquelas persoas con ingresos por riba dos 30.000 euros anuais.
O tipo máximo do IRPF no Estado Español, establecido dende entón no 45% e que agora pasaría ao 47% (pero só para quen gaña máis de 300.000 euros) é máis reducido que o existente nos países da nosa contorna. En Alemaña e Italia supera o 47% e en Francia, Países Baixos, Bálxica ou Portugal está por riba do 50%.