Para aplicar xa no segundo semestre deste ano a rebaixa fiscal anunciada hai uns días polo presidente do Goberno, Mariano Rajoy, o Ministerio de Facenda aplicará unha tarifa única impositiva ao longo de 2015, a medio camiño entre os tipos vixentes e os previstos para 2016, evitando así a coexistencia de dúas estruturas do imposto. Deste xeito, o novo gravamen mínimo podería situarse no 19,5% (fronte ao actual 20% e o 21% que estará en vigor o vindeiro ano) e o máximo, no 46% (entre o actual 47% e o futuro 45%). Rajoy destacou a pasada semana que a medida, que estaba prevista para xaneiro e que foi adiantada sei meses non respondía á proximidade das eleccións.
A rebaixa fiscal, polo tanto, comezará a facer efecto neste ano fiscal, pero algunhas persoas beneficiaranse máis dela que outras. Aínda que o Goberno central destacou que cada cidadán tería cada mes unha media de 15 euros máis no peto, isto é así porque mentres algúns (as rendas máis baixas) non notarán beneficio ningún ou este será moi reducido, mentres que as rendas máis altas e as grandes fortunas (a rebaixa fiscal tamén se aplica ás rendas do aforro) si percibirán un grande incremento dos seus ingresos.
O 45% dos declarantes galegos, que ingresan menos de 12 mil euros anuais, non se beneficiarán da medida
En primeiro lugar, a rebaixa fiscal non beneficiará en absoluto ás persoas que ingresan menos de 12.000 euros brutos anuais. Na actualidade ao redor do 45% dos declarantes galegos teñen cada ano un ingreso inferior a esa cantidade, segundo datos da Axencia Tributaria, polo que a medida do Goberno non lles afecta positivamente. Ademais, a rebaixa fiscal será maior proporcionalmente para aquelas persoas con maiores ingresos: así, aqueles e aquelas con ingresos entre 12.000 e 15.000 euros só recibirán un 0,5% máis cada mes (uns 5 euros) e aqueles e aquelas que gañan entre 15.000 e 20.000 euros obterán un 0,7% máis cada mes (9 euros). Os galegos e galegas que ingresan entre 12.000 e 20.000 euros brutas cada ano representan ao redor do 25% do total.
A rebaixa fiscal que o Goberno aprobará este venres comeza a ter efectos máis importantes nos niveis de renda seguintes: un 0,8% entre os 20.000 e os 25.000 euros (13 euros máis cada mes) e un 0,9% entre os 25.000 e os 30.000 (17 euros máis cada mes). Os galegos e galegas nestes dous grupos de ingresos son ao redor do 13% do total.
Son as rendas por riba dos 30.000 euros anuais as que notarán de verdade os efectos da rebaixa fiscal. Porén, os galegos que gañan máis desa cantidade cada ano son pouco máis dun 13%
Son as restantes rendas, por riba dos 30.000 euros anuais, quen notarán de verdade os efectos da rebaixa fiscal. Porén, os galegos que gañan máis de 30.000 euros brutos cada ano son pouco máis doutro 13%. E aqueles e aquelas que pagan o tipo máximo do IRPF (que baixará do 47% ao 45%) son só o 2% do total de declarantes, ao redor de 25 mil persoas en Galicia. Eles e elas si notarán nas súas contas os beneficios da medida, cun incremento dos seus ingresos de entre o 1,9% e o 3,6%.
En efecto, os cidadáns e cidadás ingresarán cada mes, de media, 15 euros máis. Pero a realidade é que case a metade non ingresará nada e que para ao redor do 60% os efectos da rebaixa fiscal serán case inexistentes. Da mesma maneira que se unha persoa ten dúas casas e outra non ten ningunha, esas dúas persoas teñen unha media dunha casa cada unha.